As Xornadas de Enfermería reforzan o potencial da sanidade pública galega

PATROCINADO

A XIV edición destas xornadas organizadas pola Xunta de Galicia reuniu en Ourense a centos de profesionais

Membros do comité organizador das Xornadas de Enfermería de Ourense.
Membros do comité organizador das Xornadas de Enfermería de Ourense. | La Región

A XIV edición das Xornadas de Enfermería regresaron con grande éxito seis anos despois da décimoterceira edición e cunha pandemia polo medio que obrigou a pospoñer un evento de referencia para o sector sanitario galego. Finalmente esta semana, impulsadas pola Xunta, a través da Consellería de Sanidade e da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras... puido recuperar este marco de difusión da actividade científica e investigadora do colectivo, que nesta edición se refundou cunha clara vocación de integración, dando visibilidade ós seus diversos ámbitos de traballo, tanto a nivel de centros como especialidades e profesións, cunha programación que contemplou por vez primeira obradoiros nos hospitais públicos de Verín e Valdeorras, no de Ourense e na Aula de Simulación.

Foron dous días nos que os enfermeiros puideron poñer en valor a súa profesión nun “espazo clave para o intercambio de coñecementos”. Así o explica a directora de Enfermería, Josefa Rodríguez, salientando tamén a importancia “de darlle visibilidade a esa variedade de funcións que temos tanto en competencias coma especialización coma os distintos niveis asistenciais onde estamos”.

Josefa Rodríguez (Directora de Enfermería)
Josefa Rodríguez (Directora de Enfermería)
Intentamos poñer o foco de atención na humanización dos coidados, que non se rifa tampouco coa xestión sanitaria nin coa investigación — Josefa Rodríguez (Directora de Enfermería)

Baixo o lema “Integrando ciencia e humanidade”, o obxectivo desta XIV edición era “poñer o foco de atención na humanización dos coidados, que non se rifa tampouco ca xestión sanitaria nin ca investigación en enfermería. E ó mesmo tempo metemos un pouquiño como vamos valorar o que é o impacto da tecnoloxía na atención ó paciente dende a nosa profesión, a IA que está tan de moda”, en palabras de Josefa Rodríguez.

Todo iso articulouse mediante un amplo programa no que, ademais dos obradoiros, salientaron as conferencias de Paloma Calleja, coordinadora do Comité de Coidados do Ministerio de Sanidade, ou da propia Josefa Rodríguez, así como varias mesas redondas nas que abordaron temas como a importancia da prevención, a dixitalización dos coidados ou a sinerxia entre humanización e ciencia. Foi “unha xornada bastante intensa na que tocamos moitos temas de interese”.

María Santos.
María Santos.
As Xornadas de Enfermería son un referente, porque é necesario crear un espazo inclusivo no que todas as voces teñan cabida — María Santos (Área Sanitaria do Barco)

Tanto as propias xornadas como o premio que se entrega durante o seu transcurso, teñen por obxectivo o estímulo do importante labor clínico e investigador da enfermería da provincia, recoñecendo un esforzo científico que, mediante a súa aplicación a práctica diaria, contribúe a mellorar a calidade dos coidados prestados ao paciente, e potencian o desenvolvemento profesional, así como o fomento da súa difusión en reunións e publicacións científicas.

Esta volta despois de seis anos era moi agardada pola profesión e así se reflectiu no éxito de participación. Deste xeito, dende a organización dan por cumpridos os obxectivos destas Xornadas de Enfermería: “o desenvolvemento da carreira profesional garantindo uns itinerarios claros para que a xente saiba como facer unha promoción da súa profesión e un recoñecemento máis claro á formación continuada e á especialización. Outro reto sería tamén a humanización da asistencia. Non nos podemos esquecer de que por moito avance tecnolóxico a base da enfermería é o coidado pero tamén a cercanía ós pacientes e esa humanización da nosa asistencia. E logo explorar tamén o tema da innovación e a tecnoloxía. Temos que explorar e averiguar como vai impactar estas novas ferramentas dixitais na nosa profesión e no noso día a día”, segundo afirma a directora de Enfermería.

Verónica Civeira.
Verónica Civeira.
É moi ilusionante compartir con compañeiras a importancia da prevención, sobre todo en atención primaria — Verónica Civeira (Atención Primaria)

A profesional ourensá refírese ó lema da edición deste ano para salientar que a Enfermería é “o pilar fundamental do sistema sanitario, onde non só avanza o coñecemento científico senón que o facemos sempre sen perder de vista a atención á persoa: a persoa no centro, e iso eu creo que é a base destas xornadas e a base da nosa profesión e da nosa disciplina”.

A formación

Actualmente, na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras pódense desenvolver as especialidades de Enfermería Comunitaria, Xinecoloxía e Obstetricia, Saúde Mental e Pediatría. “É importante que se saiba que hoxe por hoxe, aínda que haxa unha formación básica e común para toda a Enfermería, podemos desenvolver a nosa actividade en todos os eidos, pero si que cada vez está gañando máis forza o tema de que ademais haxa unha especialización concreta”. Quen fala é Esther Pérez, supervisora da Unidade de Formación, lembrando ademais que xornadas coma estas son “unha maneira de poñer en valor e de especificar un pouco máis esa atención e esa actividade profesional que ó final son os diferentes enfoques, sin esquecer nunca que temos un nome común, todas temos o mesmo nome de pila que é enfermeira pero temos uns apelidos que nos axudan a dar unha atención de maior calidade”.

En concreto, no eido formativo, as xornadas celebradas en Ourense serven “de escaparate tanto a nivel interno para todos os profesionais como tamén dende logo de cara á sociedade e á cidadanía”. A Área Sanitaria volcada nesta iniciativa “é grande e moi dispersa, por iso ás veces resúltanos difícil xuntarnos, falar, compartir, poñer en común, poñer en valor, e hai moitas iniciativas máis locais e concretas que é un momento fabuloso para que os profesionais as comenten, as expoñan diante dos outros compañeiros e crear sinerxias moi grandes para que a partir de aquí saian novas liñas de traballo, novas iniciativas, novos proxectos”. A idea de partida é esa porque “somos moitos de moitas especialidades e todos facemos falta para sacar adiante a saúde e a sanidade da nosa provincia”.

Na nosa profesión somos moitos, moitas especialidades e todos facemos falta para sacar adiante a saúde e a sanidade pública da provincia — Esther Pérez (Supervisora de Formación)

A prevención

Nese lema que integra “ciencia e humanización”, un dos piares é a Atención Primaria. A subdirectora deste departamento, Verónica Civeira, foi a encargada de moderar a mesa redonda “Promoción e prevención: creando sinerxias”. Con grande ilusión polo regreso das Xornadas de Enfermería, a profesional acompañouse doutros destacados compañeiros para falar de “algo importantísimo” centrándose nos distintos programas de educación para a saúde, da importancia de apostar pola prevención e a promoción. “Temos datos que nos impactan, dos que pensamos que é importante falar dentro das xornadas, da importancia do noso papel na prevención hai algúns como por exemplo que no ano pasado en España estímase que 63.000 persoas morreron por temas relacionados co tabaco, que aumentou o número de suicidios en mozos de entre 15 e 29 anos, o número de gonorrea e clamidia entre mozos de 15 a 29 anos tamén aumentou dunha forma alarmante, que cada vez se sabe máis que máis do 30% dos cancros se poden evitar cun estilo de vida saudable non fumando, reducindo o consumo de alcohol, comendo mellor…”. Con estas cifras, Civeira precisa que “é moi importante lembrar en todas estas xornadas que a veces nos centramos en pensar en curar, hospital, plantas e esquecémonos do papel tan importante que temos en poder evitar todo isto, en educar en saúde á poboación”. Nutrición, saúde mental, enfermidades de transmisión sexual, vacinación ou orientación comunitaria son os temas nos que se centraron e cimentos de todo este traballo.

Todo isto dende a perspectiva da Atención Primaria, “a porta de entrada que, cando funciona é bo pra todos”. E, para iso, lembra a importancia de saír do centro de saúde para traballar coa comunidade sen agardar a que o paciente veña enfermo a nós”, explica a enfermeira.

Os obradoiros

Nestas xornadas unha das novidades é a introducción de obradoiros tanto no hospital de Valdeorras coma no de Verín e tamén no CHUO. Esta deslocalización foi moi ben recibida nos dous hospitais fóra da capital provincial. Dende Verín, a directora de Enfermería, Chus Fernández, asegura que as dúas sesións impartidas na capital do Támega sobre diabete e pediatría, tiveron “unha boa acollida; estou segura de que a xente quedou encantada e saíu máis reforzada nos seus coñecementos”. Para ela, as Xornadas de Enfermería serven de punto de encontro “para intercambiar coñecementos, novidades, aprendizaxes, marcar obxectivos evidentemente e os avances que se van logrando nos novos colectivos das distintas especialidades. Trátase de poñer en común para aprender uns doutros e seguir avanzando na nosa profesión que é do que se trata, sen esquecer nunca a parte humana”.

En termos semellantes pronúnciase a súa homóloga do hospital do Barco de Valdeorras, María Santos, lembrando a necesidade de contar cun “espazo onde todas as voces teñan cabida”. Na capital comercal tivo lugar un obradoiro de RCP en pediatría, un tema “moi demandado, con moi boa acollida. Todo o que sexa para mellorar e adquirir habilidades e coñecementos sempre vén ben”.

Chus Fernández.
Chus Fernández.
Nós temos que avanzar coa ciencia evidentemente pero hai algo que sempre existiu e ten que seguir existindo, que é a parte humana — Chus Fernández (Área Sanitaria de Verín)

Contenido patrocinado

stats