O Barbadás a Bocados estrea catas de viños e cervexas

GASTRONOMÍA GALEGA

O concurso de pinchos, que empeza o venres, quenta motores con actividades previas

Presentación do “Barbadás a bocados”, con Mercedes González, X.C. Valcárcel e Marga Pérez.
Presentación do “Barbadás a bocados”, con Mercedes González, X.C. Valcárcel e Marga Pérez. | Óscar Pinal

Como cada mes de setembro, a gastronomía volve a ser protagonista no Concello de Barbadás, a través do concurso de pinchos “Barbadás a Bocados”. A oitava edición deste evento celebrarase o próximo venres e sábado, aínda que as actividades complementarias comezaron na tarde de onte. Este concurso é unha proposta que dinamiza a hostalería local e o comercio, ademais nesta edición apostouse por ampliar a programación e incluír actividades complementarias á degustación de pinchos.

Así, os veciños puideron gozar dunha cata de viños, “Barbadás a sorbos”, na tapería Tarona, encargada de iniciar o ciclo de actividades, coa presenza da sumiller e embaixadora gastronómica Mercedes González Rodríguez. “Desde o Concello queremos mellorar en cada edición, e por iso este ano, como novidade, ofrecemos catas de viños, showcookings e degustacións de xamón para todas as persoas interesadas”, afirmou Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás.

Nesta oitava edición participan un total de once negocios da hostalería, desde pizzerías ata taperías. “Detrás de cada proposta está o esforzo dos hostaleiros e hostaleiras que traballan con ilusión para facernos o mellor pincho”, destaca Marga Pérez, concelleira de Comercio. Xunto á cata de viños de onte, hoxe haberá unha masterclass sobre corte e aproveitamento de xamón ás 20,00 horas en Oren Express, e rematará cunha degustación do xamón.

O mércores haberá un showcooking sobre creatividade na cociña con verduras e hortalizas da tempada. O evento comezará ás 20,00 horas na tapería A Bodeguiña. O xoves, á mesma hora, Os Faroles acollerá unha cata de “Barbadás a sorbos” de Estrella Galicia.

Contenido patrocinado

stats