O campus acolle un congreso para a divulgación científica

UNIVERSIDADE

Os organizadores ven fundamental fomentar o intercambio de coñecementos entre os expertos

Edificio Politécnico do campus de Ourense, onde se desenvolverá a actividade.
Edificio Politécnico do campus de Ourense, onde se desenvolverá a actividade. | La Región

Ourense acollerá a vindeira semana a primeira edición do Congreso de Divulgación, Transferencia e Impacto Social da Ciencia (CoDi). Organizado pola Universidade de Vigo e Ediciones Profesionales de la Información SL, celebrarase os días 12, 13 e 14 de marzo e terá como obxectivo fomentar o intercambio de coñecementos científicos entre expertos e expertas e promover a divulgación científica entre a comunidade académica e o público.

Para esta finalidade, a programación contará cun amplo abano de especialistas relacionados de diferente xeito coa divulgación científica e a transferencia. “Os científicos e científicas van sendo conscientes de que, ademais de dar a coñecer os resultados das súas investigacións aos seus colegas, a través de revistas e congresos, tamén deben transmitilos e explicalos ao público, ou polo menos saben que o teñen como unha materia pendente”, explican dende a organización. 

"A divulgación da ciencia e o estudo do seu impacto son cruciais na era contemporánea", din os organizadores

Neste senso, CoDi conta cun consello científico no que se implica un amplo abano de especialistas de numerosas universidades españolas e un comité organizador, ambos presididos por Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo. O comité organizador conta ademais con Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, como vicepresidente; José Rúas, profesor da Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra, como coordinador, e forman parte del membros da Unidade de Cultura Científica da UVigo.

Impacto na sociedade

Sobre a relevancia da temática deste evento, desde a súa organización explican que “a divulgación e a transferencia da ciencia e o estudo do seu impacto na sociedade son cruciais na era contemporánea, onde o coñecemento científico avanza a pasos axigantados”. A ciencia, afirman, “ao ser un piar fundamental do progreso, non só moldea o noso entendemento do mundo, senón que tamén inflúe de maneira importante na sociedade no seu conxunto”. Deste xeito, subliñan que “a divulgación científica non só democratiza o acceso ao saber, senón que tamén fortalece a relación entre a comunidade científica e o público en xeral, impulsando a toma de decisións informadas”.

O congreso conta cun amplo e diverso programa de conferencias, mesas redondas, pósters e outras actividades que terán como escenario principal o edificio Politécnico do campus de Ourense. “Parece un momento adecuado para organizar este congreso debido a que no mundo da ciencia vai calando cada vez máis a idea de que a sociedade, que cos seus impostos paga a investigación científica, ten o dereito de recibir os seus beneficios ou polo menos saber como e en que se investiron os seus diñeiros”, engaden os organizadores.

Contenido patrocinado

stats