UNIVERSIDADE DE VIGO
O Campus Auga aposta por atraer talento e colaborar coas empresas
UNIVERSIDADE DE VIGO
A conexión co tecido empresarial, o impulso á investigación e a transformación académica centran a estratexia de futuro do Campus Auga para o período 2027-2030. O proxecto de especialización da Universidade de Vigo en Ourense, financiado e acreditado pola Xunta de Galicia e con Alberto Vaquero como director, busca reforzar o seu impacto no territorio mediante a colaboración coas empresas, o desenvolvemento científico e unha formación máis flexible e especializada.
Deste xeito, propón reforzar a oferta formativa máis especializada e aliñada coas súas áreas de coñecemento, avanzando cara a un esquema educativo innovador que incorpore a formación continua ao longo da vida e o formato de microcredenciais.
Esta renovación pedagóxica irá acompañada de medidas para mellorar a empregabilidade do alumnado mediante o reforzo das prácticas e unha colaboración máis estreita coas empresas da contorna, ao tempo que se intensifican as accións de captación de estudantes, difusión e proxección internacional dos títulos.
No terreo científico, a folla de ruta para os vindeiros catro anos pasa por reforzar o apoio á carreira investigadora para atraer e reter talento en Ourense, fomentando en paralelo a mobilidade exterior e a apertura internacional dos equipos. O plan aspira igualmente a madurar un ecosistema de investigación altamente especializado mediante unha mellor articulación interna das distintas liñas de traballo e un aproveitamento máis intensivo e eficiente das infraestruturas científicas propias do Campus Auga. Con estas medidas, o proxecto busca fortalecer o seu posicionamento científico e gañar competitividade á hora de liderar redes, proxectos e alianzas estratéxicas de primeiro nivel.
O terceiro gran eixo do futuro do Campus Auga céntrase na valorización do coñecemento e na transferencia directa á sociedade. Para o período 2027-2030, a entidade propón estreitar o vínculo entre as súas capacidades científicas, os seus servizos tecnolóxicos e as demandas reais da contorna socioeconómica, favorecendo un maior uso externo das súas instalacións e recursos. A estratexia contempla ademais a consolidación dun modelo estable de emprendemento orientado a xerar iniciativas empresariais con maior percorrido e impacto, xunto co establecemento de mecanismos estables de colaboración e fórmulas avanzadas de cooperación aplicada co tecido produtivo e institucional.
O curso comezou en setembro coas xornadas de avaliación para a reacreditación do Campus Auga, unha oportunidade para poñer en valor o traballo xa realizado e consolidar un proxecto estratéxico que une esforzos en investigación, docencia e transferencia, e beneficia a todo o Campus de Ourense e ao territorio.
A proxección do Campus Auga cara a 2030 susténtase nos resultados colleitados desde o inicio do proxecto en 2013, que acumula un investimento da Xunta de Galicia de 11,8 millóns de euros, dos cales 8,5 millóns se destinaron a sentar as bases iniciais durante a primeira década e máis de 3,25 millóns corresponden ao convenio vixente para o período 2024-2027. Estruturado en torno á alimentación funcional, a agricultura e o medio ambiente e a xestión da auga termal, co soporte transversal da intelixencia artificial, a lexislación agroalimentaria e ambiental e a economía circular, o Campus Auga chegou ao proceso de reacreditación cun sólido balance en todas as súas áreas.
No ámbito docente ampliou e diversificou a súa oferta de titulacións con alta demanda e mellor empregabilidade, mentres que no terreo investigador destaca pola súa aliñación coas prioridades europeas e a estratexia RIS3 Galicia, unha elevada calidade da produción científica, un bo posicionamento en ránkings internacionais e o liderado en proxectos competitivos. A este historial súmanse fitos de transferencia e cooperación directa con clústeres e axentes socioeconómicos da contorna agroalimentaria, entre os que sobresaen o impulso ao emprendemento a través do Venture Lab ou iniciativas de alto impacto como a Unidade Mixta UVigo-Coren-Sertogal.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
UNIVERSIDADE DE VIGO
O Campus Auga aposta por atraer talento e colaborar coas empresas
CONCIERTO EN EL TEATRO
Chris Jagger deslumbra con su virtuosismo
una vida de colección (lvi)
Galería | La vida desde un bus o un coche de carreras
Lo último