Castañas e viño polo San Martiño!

MAGOSTOS

As castañas e os chourizos comezaron a repartirse nas prazas e en xuntanzas multitudinarias en moitos puntos da provincia, como Celanova, Maceda ou Xinzo, con celebracións que misturaron unha tradicional oferta gastronómica e musical.

Preparación da comida do magosto na praza Cervantes de Celanova, onte.
Preparación da comida do magosto na praza Cervantes de Celanova, onte. | Óscar Pinal

O cheiro a castañas, brasas e churrasco marcou o inicio da temporada grande de magostos na provincia. A actividade comezou onte con múltiples citas veciñais, municipais e privadas, demostrando que a festa se vive a calquera escala: desde un encontro íntimo entre amigos ata a reunión colectiva dun pobo ou un barrio. Entre as citas máis destacadas estivo a de Celanova, onde a asociación de comerciantes Celanova CHEA organizou o seu magosto na praza Cervantes e na contorna do mercado de abastos. O menú incluíu caldo de castañas, empanada, chourizo, panceta, bica e queimada. Ademais, a celebración contou coa actuación do dúo Os Trasnos.

Tamén Xinzo de Limia encheu a súa Praza Maior cunha celebración mutitudinaria arrincou coa repartición de castañas, chourizos, empanada e bica, e que estivo amenizada por Xeitosiñ@s de Baltar e Os Lumeada. A noite continuou co concerto de The Tetas’ Van. A localidade acolleu ademais outro magosto organizado polas súas Escolas Deportivas.

En Maceda, a Nave do Toural reuniu os participantes arredor dunha cea popular con empanada, orella, morro cocido, churrasco, chourizos, bica e castañas. A velada estivo acompañada pola Banda de Gaitas e as Pandereteiras do Castelo, que puxeron o ritmo tradicional.

A festa estendeuse así mesmo por outros puntos da provincia. A Bola celebrou o seu encontro na Nave de Cacabelos, con actividades infantís, gofres e música tradicional, mentres que Bande combinou un obradoiro para nenos coa actuación da súa charanga no albergue.

Pola súa banda, A Merca celebrou o seu magosto no pavillón deportivo do municipio, dun xeito tradicional con castañas, chourizo, costela e música de gaitas e pandeiretas.

Baltar tamén se sumou á xornada cunha convocatoria que incluíu un premio á castaña de maior tamaño e un donativo solidario destinado a unha campaña contra a fame infantil.

Ademais, as fogueiras típicas destas datas estendéronse por case todos os recunchos da provincia, con celebracións entre amigos e familiares, que se prolongarán ata a fin da semana que vén.

Hoxe haberá moitos máis magostos, como o das Curuxeiras ou o de Frei Canedo na cidade e moitos outros en toda a provincia. E tamén, como non, o clásico do Montealegre.

Contenido patrocinado

stats