CIMO abre a inscrición para o seu Programa Integrado de Emprego 2026/27: 100 prazas para mulleres desempregadas de Ourense
EMPREGO
Formación gratuíta con prácticas en empresas, orientación personalizada, apoio ao emprendemento, medidas de conciliación e unha bolsa de 10 euros por día de asistencia. Na edición que acaba de rematar, dúas de cada tres participantes atoparon traballo.
CIMO pon en marcha o Programa Integrado de Emprego de CIMO Entidade Prestadora de Servizos 2026/27, unha iniciativa gratuíta dirixida a 100 mulleres desempregadas, inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, que se atopen en situación ou risco de exclusión social. O programa, financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, desenvolverase ata o 29 de outubro de 2027 e xa ten aberto o prazo de inscrición.
Resultados que avalan o programa
A nova edición chega respaldada polos resultados do programa 2025/26, que acaba de finalizar. Das 100 mulleres participantes, 66 conseguiron un emprego: 56 por conta allea e 10 puxeron en marcha o seu propio negocio.
Detrás destas cifras hai un traballo intenso: 591 horas de formación, 40 participantes que fixeron prácticas en empresas e máis de 550 ofertas de emprego xestionadas. O 95 % das participantes valorou positivamente a formación recibida.
Coa de 2026/27, CIMO suma once edicións do seu programa de emprego. Desde 2016 atendeu a máis de 1.000 persoas desempregadas e logrou máis de 650 insercións laborais, cumprindo en todas as edicións o obxectivo fixado pola convocatoria.
Formación gratuíta en sectores con emprego
Cada participante segue un itinerario personalizado que combina orientación, formación e contacto directo con empresas. O programa, nesta nova edición, inclúe 610 horas de formación organizadas en catro itinerarios, todos eles con prácticas profesionais en empresas do sector:
• Industria alimentaria: elaboración de preparados cárnicos frescos e preparación e venda de peixe.
• Hostalaría: cociña colectiva e fundamentos básicos de cociña.
• Comercio: operacións básicas de caixa, técnicas de venda e posvenda e procesos loxísticos.
• Servizos á comunidade: limpeza, hixiene en comedores escolares e coidados auxiliares en xeriatría. A eles súmase formación transversal en ofimática, redes sociais, manipulación de alimentos, prevención de riscos laborais, habilidades sociais e entrevistas, nóminas e contratos, mobilidade laboral e uso de ferramentas de intelixencia artificial para buscar emprego.
Moito máis ca formación
O programa incorpora este ano novas ferramentas pensadas para achegar as participantes ás empresas e reforzar a súa confianza:
• Speed Meeting: entrevistas rápidas e cara a cara con empresas que buscan persoal.
• Clube de Emprego: encontros periódicos para compartir ofertas, contactos e avances.
• Mentoring entre mulleres: antigas participantes xa contratadas acompañan as novas.
• Dixitalización paso a paso: préstamo de equipos e apoio personalizado no uso das novas tecnoloxías.
Apoio a quen quere emprender
Para as mulleres cunha idea de negocio, CIMO ofrece unha incubadora de emprendemento con mentoría individual desde a idea inicial ata a posta en marcha: elaboración do plan de empresa, axuda nos trámites, información sobre subvencións e obradoiros prácticos de orzamentos, facturación e fiscalidade básica. Os novos negocios reciben ademais difusión en medios e redes sociais, incluído un anuncio en La Región.
Unha bolsa diaria e medidas para conciliar
Para que ningunha muller quede fóra por motivos económicos ou familiares, o programa ofrece:
• Unha bolsa de 10 euros por cada día de asistencia ás accións do programa.
• O pagamento dos gastos de escola infantil de fillos e fillas de 0 a 3 anos mentres as súas nais participan no programa.
• Atención gratuíta en ludotecas ou centros de lecer infantil para menores de 3 a 12 anos fóra do horario escolar.
• Horarios adaptados ao calendario escolar.
Como inscribirse
Poden participar mulleres desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia que se atopen en situación ou risco de exclusión social. As interesadas poden informarse e inscribirse na sede de CIMO, na Rúa Díaz de la Banda, 18 baixo (rotonda Policía Nacional), no teléfono 988 39 15 15, no correo programaintegrado@cimo.org ou en www.cimo.org.
Sobre CIMO
CIMO é unha entidade sen ánimo de lucro declarada de utilidade pública, con sede en Ourense. A súa misión é prestar servizos gratuítos nos ámbitos do autoemprego, o emprego, a formación e a inserción laboral, promovendo a inserción sociolaboral das persoas desempregadas, con especial atención aos colectivos vulnerables ou en risco de exclusión social.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
PLANES EN OURENSE
Agenda | ¿Qué hacer en Ourense hoy, miércoles 18 de noviembre?
Fernando Román Alonso
TRIBUNA
Preguen por nós os devanceiros
PODCAST Y VÍDEO
El primer café | Miércoles, 18 de noviembre
Juan Luis Garbayo
OPINIÓN
Mucho más que el padre de mi amiga