Dúas obras do ourensán Paco López para homenaxear ao gran Patriarca das Letras

ANO OTERIANO

O escritor e xornalista ourensán, Paco López Barxa, achega a figura de Otero Pedrayo, a súa literatura e pensamento aos lectores

Paco López xunto ás obras.
Paco López xunto ás obras. | La Región

Otero Pedrayo, arredor de si” e “Ramón e o pinsapo máxico” son os dous libros que vén de publicar o escritor e xornalista ourensán Paco López Barxas, con motivo do Ano Oteriano xunto á editorial Teófilo Edicións. A primeira obra, ilustrada polo debuxante e caricaturista Siro López, está composta por unha selección de textos e poemas de sesenta autores contemporáneos e actuais. Unha escolma coa que López Barxas sitúa a Otero Pedrayo, non só “arredor de si”, senón arredor dun número destacado de escritores e poetas como homenaxe colectiva.

A importancia da selección increméntase coas achegas inéditas que para esta edición, en prosa e verso, asinan Darío Villanueva, Felipe Senén, Siro López, Olivia Rodríguez, María López Sández, Patricia Arias Chachero, César Antonio Molina, Vicente Araguas ou Alfredo Conde. Ademais dun bo número de ourensáns, entre os que figuran poetas como Florencio Delgado Gurriarán, Celso Emilio Ferreiro, Pura Vázquez, Antón Tovar, Víctor Campio ou Ferrín, entre outros.

Mentres, en “Ramón e o pinsapo máxico”, a través da ficción o autor pon o foco na relación de Otero Pedrayo coa paisaxe, dende os primeiros anos da súa infancia. Todo iso vai acompañado por un álbum ilustrado polo escultor ourensán Xosé Cid, converténdose na súa opera prima como debuxante.

O obxectivo desta dupla homenaxe non é outro que facer partícipe aos lectores dun legado que ten como protagonista a figura sobranceira do que sempre foi considerado como Patriarca das Letras galegas. “Ramón Otero Pedrayo, arredor de si” vén ser, un convite para achegarnos á obra e figura dun escritor decisivo na Xeración Nós; un autor determinante na proxección cultural, literaria e intelectual da Galicia do século XX.

Neste sentido, López-Barxas rescata nestes libros as mesmas claves que xa utilizara nas recentes edicións de “Castelao entre Nós” e “Os soños de Daniel”, con motivo do recente Ano do escritor e político de Rianxo. Isto é, unha proposta ficcionada a través dun relato artellado de xeito coloquial, coa finalidade de aproximar a personalidade humana e literaria de Otero Pedrayo nun diálogo fecundo cos lectores. É así como o autor fai falar a Otero Pedrayo da súa vida e da súa obra sen esquecer o seu pensamento, o que din e o que contan os seus propios coetáneos e amigos.

Santiago acolle dúas xornadas arredor da figura de Ramón Otero Pedrayo

Santiago de Compostela acollerá dúas xornadas de conferencias enmarcadas no “Abril Oteriano 2026”. Será os días 10 e 11 de abril, no Pazo de San Roque e na Facultade de Xeografía e Historia.

O programa renderá homenaxe a Ramón Otero Pedrayo con distintas mesas de relatorios enfocadas na súa literatura, a paisaxe galega e a súa relación co Grupo Nós, nas que participarán expertos na da figura do autor. A cita finalizará coa entrega do II Premio Otero Pedrayo de relato breve e unha actuación musical da coral De Ruada.

Ourense lembrará o ilustre escritor cunha misa e unha ofrenda floral este domingo

A Catedral de Ourense acollerá unha emotiva homenaxe a don Ramón Otero Pedrayo o vindeiro domingo día 12. A partir das 10,30 horas, o templo principal da cidade acollerá unha liturxia especial con motivo do cincuenta aniversario do pasamento do ilustre escritor. A cerimonia estará oficiada polo bispo de Ourense, Leonardo Lemos, acompañado pola coral De Ruada. Ás 12,00 horas, no cemiterio de San Francisco, haberá unha ofrenda floral ante o sepulcro do escritor. Antes, recolleránse as ofrendas das persoas ou institucións que queiran lembrar a Otero Pedrayo.

Contenido patrocinado

stats