Un escenario con 118 músicos en Ourense para voltar á Terra Media
AMBICIOSO ESPECTÁCULO
O Ourense Film Festival (OUFF) Film Symphony fará un ambicioso espectáculo para homenaxear a “El Señor de los Anillos”.
O OUFF Film Symphony regresa este domingo coa proposta máis ambiciosa da súa historia. Máis dun cento de músicos, un coro creado para afrontar repertorios sinfónicos e unha posta en escena con narración e apoio visual darán forma a un concerto dedicado ao universo musical de “El Señor de los Anillos” ás 12,00 horas no Auditorio Municipal. Un reto que, segundo recoñece o director da Xove Orquestra Ourensanía, José Luis Tielas, acabou medrando moito máis do previsto: “¡Este ano fóisennos das mans!”, exclama.
Todo comezou cunha petición do director artístico do OUFF, Óscar Doviso. A exposición dedicada ao mundo de Tolkien pedía tamén levar ao festival a banda sonora da saga e Tielas púxose a traballar sobre un repertorio especialmente esixente. A música de Howard Shore é “moi complexa e moi densa” e concede un peso fundamental ás voces. A solución foi dar un paso que a formación levaba tempo valorando, crear o seu propio coro.
A convocatoria provincial permitiu seleccionar 60 persoas, boa parte delas novas e con formación musical, baixo a dirección de Christian Casas, tamén director do Conservatorio do Carballiño. O proxecto nace para o OUFF Film Symphony, pero a intención é que continúe moito máis alá. Para Tielas supón abrir unha porta que ata agora non existía na provincia: poder abordar no futuro obras como a Novena de Beethoven, o Réquiem de Mozart ou o Gloria de Vivaldi. “Isto é unha semente”, explica.
A chegada do coro supón ademais un cambio de escala para unha orquestra nada hai apenas catro anos. Tielas ve nesta combinación unha oportunidade para reter talento musical na provincia e evitar que quen queira abordar repertorios complexos teña que marchar fóra.
As dimensións explican a ambición. Serán 118 músicos entre orquestra e coro, aos que se sumarán unha cantante, un presentador e incluso “dous orcos e un elfo” para ambientar a proposta. Haberá ademais imaxes e recursos visuais deseñados para acompañar a música e achegar o concerto ao universo cinematográfico da Terra Media.
O programa non se limitará ás melodías máis coñecidas. Interpretarase o prólogo da primeira película en tempo real e con narración, mentres Marta Bravo poñerá voz a “Gollum’s Song” e “In Dreams”. Outra integrante do coro asumirá “Into the West”. Tielas realizou persoalmente arredor dunha hora de arranxos para adaptar o material á formación ourensá, un traballo especialmente laborioso.
Todo iso se prepara cunha concentración pouco habitual: catro ensaios da orquestra, outros catro do coro, unha sesión conxunta e a proba previa á actuación. “Estamos traballando a un nivel case profesional”, destaca Tielas. Entre os músicos hai estudantes de grao profesional e superior e mesmo rapaces de 14 ou 15 anos. “Sempre miramos para fóra, pero aquí tamén hai xente capaz de facer cousas grandes”, indica o director.
Tras o programa dedicado a Hans Zimmer o pasado ano, o OUFF Film Symphony sobe agora dous chanzos dunha vez e co ceo como límite. Desta volta, cun coro propio e coa inmensidade da Terra Media por diante.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
REGRESO TRAS NUEVE AÑOS
Puigdemont anuncia que volverá a España el 12 de diciembre "sin pedir permiso ni perdón"
AMPLIACIÓN PRISIÓN PERMANENTE REVISABLE
Feijóo promete endurecer las penas para los delincuentes sexuales reincidentes y expulsar a los extranjeros condenados