Luis Menor: "A postura de Jácome coa Praza de Abastos é totalmente incongruente"
CAFÉ DE REDACCIÓN
Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense, é o protagonista dunha nova edición do Café de Redacción de La Región e Telemiño
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor (Pereiro de Aguiar, 1964), despide o 2025 nos micrófonos pasando polo Café de Redacción. Menor fai balance dun exercicio de contrastes, marcado inevitablemente pola traxedia dos incendios forestais do verán, pero tamén pola estabilidade institucional que permitiu aprobar uns orzamentos récord para o vindeiro ano.
A conversa aborda sen reviravoltas os grandes retos pendentes de Ourense, como o necesario desbloqueo da Praza de Abastos ou a implantación do transporte metropolitano, cuestións nas que o presidente provincial mantén a esperanza de acordo a pesar das discrepancias económicas e de prazos co goberno local. Mirando xa cara ao 2026, un ano sen citas electorais, Menor marca como obxectivos prioritarios a consolidación do solo industrial en San Cibrao, o impulso definitivo á Ribeira Sacra e a recuperación das frecuencias do AVE, todo isto mentres lidera unha estratexia de “actualización” orgánica do Partido Popular para recuperar a hexemonía na provincia.
Pregunta.Pechamos un ano complexo para a provincia de Ourense. Que balance fai o presidente da Deputación deste 2025?
Respuesta.Creo que é un balance positivo, pero indubidablemente todo vén marcado por ese episodio tan importante e dramático que foron os incendios. Iso foi un acontecemento dunha magnitude tal que condiciona o balance. No resto dos parámetros que podemos manexar, a valoración é positiva.
R.
P.Vostede recoñeceu que a devastación dos lumes deste verán marcouno “para sempre”. Que se pode mellorar neste sentido?
R.Hai varias cuestións. A prevención é de importancia capital, pero tampouco podemos levala a extremos máximos; ter os montes completamente limpos en toda a provincia é un obxectivo imposible, nin nesta provincia nin en ningunha, pero aquí máis polo clima e a masa forestal. Outra cousa moi diferente, onde temos que incidir sen volta atrás, é na protección de vivendas, pobos, vidas e negocios. Aí si hai que dar unha volta de porca importante.
R.Como director de Emerxencias no 2017, vin como naceu a planificación das faixas secundarias. Nesta ocasión, aínda que non estivesen perfectas, axudaron a que o balance en termos de perdas de vidas fose cero, a pesar de ter máis de 100.000 hectáreas ardidas. A prevención é necesaria en primeiro lugar para salvar o máis importante, as persoas, pero non podemos pensar que os montes van ser xardíns. Logo está o abandono do rural, que ten que ver coa estrutura da propiedade e a falta de actividade económica. Tiven ocasión de ver como masas arbóreas perfectamente ordenadas, como na zona de Verín, e con cortalumes limpos, non impediron que se propagara o lume en condicións extremas como as de agosto.
R.
P.Se imos á actualidade, estamos vivindo un final de ano axitado. Vimos de ter un pleno en Barbadás onde o PP decidiu manter na alcaldía a Xosé Carlos Valcárcel. Podemos comezar a falar dun pacto PP-Xosé Carlos Valcárcel?
R.Non vou permitir que outras forzas políticas nos trasladen os problemas que eles crean. Non tivemos culpa ningunha do problema que xerou o Partido Socialista en Barbadás. Nós estamos onde estabamos: na oposición. Outra cousa é que agora parece que nalgunhas declaracións, incluso das propias concelleiras, xa non se fala tanto de acoso laboral, senón de “presións” ou “coaccións”.
R.Un problema que crearon eles téñeno que resolver eles. Nós non entramos a formar parte de ningún goberno. Estamos na oposición e respectamos a presunción de inocencia, que hoxe parece non ser tan descabelada vista a denuncia e a falta de esixencias de dimisión por parte do seu partido. Por certo, nada que ver co que se fai na Coruña con Inés Rey ante unha denuncia similar ou incluso máis forte no eido mediático, onde saíron audios, e non se lle piden os seus cargos nin as súas actas. Nós estamos onde nos colocou a aritmética política, e a partir de aí, que eles resolvan os seus problemas.
R.
P.Non vai explorar entón a vía de contar con Valcárcel para acordos puntuais, que sumado ao grupo do PP na Deputación daría maioría absoluta?
R.Na Deputación falo con todo o mundo, sobre todo nos temas máis importantes. Non é casualidade que teñamos orzamentos en tempo e forma estando en minoría ou que fagamos modificacións de crédito de 41 millóns sen votos en contra. Vou falar con Xosé Carlos Valcárcel igual que falo co BNG, co PSOE ou con Democracia Ourensana. Por suposto que si.
P.Coñeciamos recentemente a renuncia de Gonzalo Pérez Jácome á súa acta na Deputación alegando motivos “tácticos” e a busca dun perfil máis participativo na Deputación. Interpreta vostede este paso atrás como un desinterese pola institución provincial?
R.De todos é coñecido que, polo menos neste mandato, a actividade do alcalde de Ourense na Deputación é practicamente inexistente. O desinterese obedece máis a algún movemento táctico del e do seu partido ca ao interese real pola institución, onde a súa intervención foi practicamente nula.
R.
P.Como está agora mesmo a relación entre a Deputación e o Concello de Ourense?
R.Como forza política maioritaria temos un proxecto propio que nos gustaría desenvolver. Onde non gobernamos, como no Concello de Ourense, quedan dúas opcións: buscar unha alternativa política, que non se deu no seu momento cando se plantexou unha moción de censura polas condicións inasumibles do BNG, ou estar na oposición. Na oposición pódese estar intentando construír ou bloqueando todo. Nós estamos nunha oposición construtiva. Se non temos posibilidade dun goberno alternativo, o único que nos queda é intentar mellorar o que hai.
R.
P.Vostede sempre se mostrou aberto ao diálogo para desbloquear a Praza de Abastos. O presidente dos praceiros dixo en declaracións a este periódico que vostede estaba levando persoalmente a negociación co Concello. Como vai ese diálogo?
R.Estamos na solución deses problemas. Cando se me chama para botar unha man, estou sempre disposto. Falei co alcalde de Ourense e hai puntos nos que levamos avanzado, pero outros nos que aínda non chegamos a un encontro. Paréceme bastante incongruente a posición do alcalde. As institucións gobernadas polo PP, como son Xunta e Deputación, achegan os cartos e corren cos trámites para rematar unha obra inacabada. Dixenllo de alcalde a alcalde: non entendo que non sexamos capaces de chegar a un encontro. El sostén que quere a Alameda libre, pero a Praza non está en condicións de ser utilizada agora mesmo. Temos que chegar a un punto de encontro onde a Alameda se recupere, pero estamos a falar fundamentalmente dun tema de prazos para realizar a obra.
P.É optimista neste sentido?
R.Teño esperanzas. Non podo dicir que vexa o tema resolto nin que sexa optimista, pero teño esperanzas.
P.Outro tema clave para o futuro de Ourense é o transporte metropolitano. Como está a situación?
R.É un problema complexo onde entran en xogo o Concello de Ourense, os concellos limítrofes, as empresas concesionarias e a Xunta. Ten que haber unha vontade clara de que o transporte urbano de Ourense vaia máis alá do seu termo municipal. Por exemplo, no Polígono de San Cibrao o bus chega ás portas; non pasaría nada se entrase un ou dous quilómetros e solventase a mobilidade dos traballadores.
R.Fixéronse varias reunións e avanzouse en liñas lóxicas para unha primeira fase. O último que se nos pasou dende o Concello de Ourense foi un custo “a tanto alzado”, sen desglosar, que non podemos admitir porque non sabemos a que obedece. Como o Concello está en proceso de adxudicación do transporte, imaxino que agora poderemos desbloquealo e discutir sobre o custo real. Sería un enorme avance. Se eu fora alcalde de Ourense, vería unha extraordinaria oportunidade no transporte metropolitano, máis ca unha concesión, polo retorno económico e de mobilidade para a cidade e os concellos limítrofes.
P.Falemos dos orzamentos de 2026. Cales son os puntos fortes?
R.Estou moi satisfeito de que a Deputación, a pesar da minoría, fose quen de sacar en tempo e forma os seus orzamentos. Son uns orzamentos récord de 110,4 millóns de euros. O que marca este mandato é a decidida aposta pola cooperación cos concellos. O Plan Cooperou dota os concellos dun xeito claro e homoxéneo, permitindo a súa autonomía na xestión.
R.Hai un dato obxectivo: no 2023, o plan de cooperación era de 7 millóns. Neste 2026, están aprobados 19 millóns e pactados 2 millóns máis, o que fai un total de 21 millóns. Os concellos van ter tres veces máis recursos ca co anterior plan. Esta é sen dúbida a lexislatura dos concellos. Ademais, o 1 de xaneiro temos dispoñible o diñeiro, o que nos permite planificar. Iso é algo irrevogable; calquera que probe o que significa a autonomía na xestión non ten volta atrás.
P.Que resposta lle daría a quen di que hai que abolir as deputacións?
R.En provincias como a nosa son administracións absolutamente necesarias. Ao mellor na provincia de Barcelona, onde atenden a concellos de menos de 20.000 habitantes e teñen un orzamento tremendo, poderíase prescindir. Pero aquí a Deputación desempeña un papel intermedio clave entre os concellos e as grandes administracións, achegando axilidade e proximidade. Dada a estrutura dos concellos e o tecido asociativo, as deputacións son necesarias e dedícanse a actuacións acordes cos tempos, como a recollida de lixo ou a dixitalización do ciclo da auga.
R.
P.Presidente, entramos no 2026, un ano que moitos analistas cualifican xa de “ano electoral sen eleccións”. Coas municipais de 2027 moi preto, é evidente que todos os partidos van afondar nas súas estratexias e marcar perfil. No caso do PP de Ourense, que plan se vai seguir?
R.A estratexia é traballar intensamente para actualizar, renovar e ampliar o partido. Esta mesma semana renovamos a xestora de Novas Xeracións, a organización xuvenil máis importante de Galicia. Fixemos 24 congresos e 12 xestoras; estamos en máis dun 40% de actualización do partido. Falo de actualización porque implica manter o bo e innovar. O PP goberna actualmente en 54 concellos da provincia, pero chegou a gobernar en 72. O obxectivo é aumentar esa presenza, e iso vai precedido dun intenso traballo orgánico.
P. É cedo para falar de candidatos á alcaldía de Ourense?
R.Cedo ao mellor para anuncialos, pero para falar nunca é cedo. Verémolo no 2026 seguro.
P.Máis alá das cifras, os orzamentos e a política diaria: ¿que lle pide Luis Menor ao 2026 para a provincia de Ourense? ¿Cal sería esa “boa noticia” que lle gustaría poder darnos antes de que remate o próximo ano?
R.A nivel institucional, gustaríame que a aposta polo municipalismo tivese xa unha madurez suficiente cos terceiros orzamentos deste tipo. Gustaríame que a Ribeira Sacra acadase a declaración de Patrimonio da Humanidade. Gustaríame que a vocación empresarial de Ourense dese pasos adiante coa ampliación do polígono de San Cibrao, o remate do parque de Xinzo e os avances nos do Pereiro e do Carballiño. Gustaríame que o turismo continuase sendo un motor e se recuperaran as frecuencias do AVE que tan gravemente levan castigando ás comarcas orientais. Tamén avanzar en Manzaneda como recurso turístico, potenciar as Denominacións de Orixe do viño e rematar o regadío da Limia. Creo nas posibilidades desta provincia e temos que traballar entre todos para que ocupe o lugar que merece.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
PODCAST Y VÍDEO
EL PRIMER CAFÉ | Miércoles, 31 de diciembre
SELECCIONARON Y VIGILARON A LAS VÍCTIMAS
Cae el cerebro de un asalto a ancianos en Boborás tras 6 años de fuga