Manuel Reigosa, reitor saínte da UVigo: “Ourense precisa esforzos para non ser unha provincia esmorecente”

UNIVERSIDADE DE VIGO

En apenas dúas semanas, Manuel Reigosa despídese do cargo, satisfeito cos seus dous mandatos na UVigo

Manuel Reigosa.
Manuel Reigosa. | MIGUEL ÁNGEL

Hai oito anos, no 2018, Manuel Reigosa (Vigo, 1958) asistiu ao seu primeiro acto como reitor da Universidade de Vigo. Foi en Ourense, na graduación do grao en Turismo. En apenas dúas semanas despídese do cargo, satisfeito cos seus dous mandatos (2018-2022 e 2022-2026), pero tamén ilusionado con poder volver ao laboratorio para retomar proxectos pendentes.

Pregunta. Como está a vivir estas últimas semanas á fronte da UVigo?

Respuesta. Diría que moi ben, en primeiro lugar porque é algo co que xa se contaba. É un período longo, son oito anos seguidos de moito compromiso e esforzo á fronte da institución e xa era tempo. Estou preparando un pouco a miña volta á facultade e ao laboratorio. Ao mesmo tempo, sinto moita satisfacción porque o traspaso de poderes estase a facer dun xeito impecable. O meu equipo traballa arreo para darlle toda a información ao novo equipo e que poidan empezar a traballar a pleno rendemento o primeiro día que tomen posesión.

P. Con que se queda do feito ao longo destes oito anos de mandato? E cales foron os grandes retos?

R. O máis satisfactorio foi traballar con persoas tan comprometidas. Cumprimos o noso programa de goberno converténdoo nunha folla de ruta con regras claras. Case todos os acordos nas mesas de negociación cos sindicatos foron por asentimento ou unanimidade. Por outra parte, o que era o reto máis importante, e que aínda o sigue sendo, foi a remuda xeracional. Temos moito profesorado que cando comezamos nos 90 tiñan idades moi semellantes, eran moi novos, pero que agora é necesaria unha remuda moi importante e hai que substituír o profesorado que tiñamos. Estamos moi satisfeitos do profesorado que agora temos, cunha fortaleza na investigación e na transferencia de coñecemento moi importante e non podiamos pasar a ser unha Universidade de segunda. Creo que o fixemos moi ben, cun número de prazas que non ten comparación con ningunha outra universidade e cuns procesos selectivos que están asegurando que chegue moito talento ás nosas aulas e aos nosos laboratorios. Creo que deixamos unha universidade moi saneada en termos de capacidade investigadora e con capacidade de influír na nosa contorna.

P. Considera que a xestión foi beneficiosa para os tres campus?

R. Sempre tivemos claro que queriamos fuxir do modelo centralista do pasado. Por iso creamos ferramentas específicas, como os consellos de campus, unha vicerreitoría dedicada exclusivamente a defender cada cidade e rotamos a celebración dos órganos de goberno, como o claustro, para garantir o equilibrio territorial. Non vou agochar que ás veces hai tensións, cando algo lles pode interesar a dous campus á vez. Aí a reitoría ten que xogar o seu papel e intentar dar a cada quen o que merece e precisa, garantindo que todo sirva para o ben común do conxunto da universidade e de Galicia. Non é algo especialmente difícil se temos un pouco de visión de futuro.

P. Cal foi a clave para conseguir que o Campus de Ourense medrase tanto neste tempo?

R. Os acertos viñeron pola implantación de titulacións atractivas e de futuro, como Intelixencia Artificial ou Relacións Internacionais. Pero tamén hai que destacar que aquí no só estamos medrando en alumnado, senon tamén en calidade. Creo que todas as oportunidades que nos poñen a man as estamos aproveitando, como a acreditación do campus de especialización para captar máis talento. Isto deunos ferramentas para competir a nivel internacional e atraer un financiamento crucial.

P. Cal é o gran reto deste campus para seguir medrando?

R. Aínda que o novo equipo marcará as súas prioridades, a miña visión é que o principal reto é fixar o talento. Xa somos quen de atraelos. De feito, deixamos xente fóra porque non temos capacidade para aceptar a todos en titulacións de altísima demanda como as enxeñarías, Informática ou Aeroespacial. Agora debemos conseguir que non emigren. Para logralo, necesitamos que se instalen na provincia empresas baseadas no coñecemento que capten a estes graduados. Creo que Ourense dalgún xeito precisa máis esforzos. E creo que ter un campus tan forte, un campus tan competitivo, creo que pode ser unha ferramenta moi útil para transformar a sociedade ourensá e para conseguir que non se convirta nunha provincia esmorecente. Creo que podemos tirar para arriba se facémos as cousas ben. E para iso precisamos ir da man a universidade, as institucións públicas e as empresas.

P. Diría que o primeiro paso son unidades mixtas de investigación como a que se ven de presentar xunto a Coren e Sertogal?

R. Sen dúbida. Esta é unha ferramenta magnífica que amosa o noso compromiso coa transferencia de coñecemento. O profesorado que traballe nesta unidade mixta centrará os seus esforzos en dar resposta ás necesidades das empresas para facelas máis competitivas, eficientes e sostibles. Supón un verdadeiro cambio de paradigma na nosa forma de investigar. En lugar de centrarnos unicamente en escalar nos rankings internacionais, imos dedicar unha parte importante dese talento a mellorar a industria local de Ourense. O noso obxectivo é que o campus traballe da man das empresas e da sociedade civil para xerar riqueza no territorio e construír unha sociedade máis próspera, igualitaria e solidaria.

P. A negociación de Medicina foi o gran quebradeiro de cabeza do seu mandato?

R. Si, pero no sentido de que paralizou outras negociacións. O acordo final é moi bo para Galicia, pero doeume que esa negociación retrasase o mapa de titulacións e obrigase a prorrogar un ano o plan de financiamento. Esperabamos un novo plan que nos achegase ao financiamento do 1% do PIB, o cal nos permitiría escalar postos nos rankings globais e competir con universidades internacionais.

P. Que mensaxe lle deixa á nova reitora, Carmen García Mateo?

R. Ten experiencia abondo. Foi directora dun centro e ademais ten o seu propio programa electoral, que espero que se converta en programa de goberno. Non teño máis que dicirlle que na universidade paga a pena calquera esforzo, aínda que iso ela xa o sabe. No acto de toma de posesión (o 25 de xuño) desexareille os mellores éxitos. Os éxitos do novo equipo serán os éxitos de todos, non só da universidade, senón da sociedade galega.

P. Cales son os seus plans de futuro?

R. Cando cheguei á reitoría deixei moitas cousas a medio facer, sobre todo en investigación, e teño unha longa lista para os anos que me quedan antes de xubilarme. Quero escribir un libro, rematar un par de artigos da miña especialidade e retomar o meu primeiro proxecto europeo, que deixara nas mans de Adela Sánchez Moreiras. Ademais, teño un reto persoal moi importante: como fixen a carreira de Filosofía, comprometérame a impartir unha materia desta disciplina no programa universitario de maiores, e xa a estou preparando con moita ilusión. Ao contrario do que moita xente pensa, non me vou xubilar agora. Ser profesor universitario é un luxo ao dobre polas facetas docente e investigadora, e seguirei na universidade mentres mo permitan.

Contenido patrocinado

stats