María Martínez Allegue, conselleira de Vivenda: “Pido dilixencia ao Concello na cesión dunha parcela para vivendas no Vinteún”

ENTREVISTA

María Martínez Allegue, conselleira de Vivenda, debulla nesta entrevista en Telemiño a estratexia da Xunta para duplicar o parque público e urxe ao Concello de Ourense a ceder solo

María Martínez Allegue durante a entrevista.
María Martínez Allegue durante a entrevista. | Miguel Ángel

María Martínez Allegue (Pontevedra, 1978), conselleira de Vivenda, debulla nesta entrevista en Telemiño a estratexia da Xunta para duplicar o parque público e urxe ao Concello de Ourense a ceder solo. A conselleira revela que a Xunta solicitou información ao goberno municipal ata en sete ocasións sobre unha parcela no Vinteún para construír vivenda pública sen obter resposta.

Pregunta. Se saísemos á rúa hoxe, a gran maioría da cidadanía diría que a súa principal preocupación é a vivenda. É esta a prioridade absoluta da Xunta?

Respuesta. Sen dúbida. O acceso a unha vivenda de calidade a prezos asequibles, tanto en venda como en alugueiro, é a preocupación central. Por iso, dende a Xunta de Galicia temos unha folla de ruta clara, avalada por orzamentos. O noso obxectivo de lexislatura é duplicar o parque público de vivendas para 2028, pasando das 4.000 actuais a 8.000. Ademais, o Pacto de Vivenda de Galicia, asinado recentemente co sector, eleva ese obxectivo a 10.000 vivendas públicas para 2030. Este pacto conta co respaldo unánime de promotores, construtores, arquitectos e municipios a través da FEGAMP.

P. Vostede menciona que non abonda con que a Xunta constrúa. Que papel xoga o sector privado?

R. É fundamental. Non se trata só de que a Xunta ou os concellos constrúan; debemos incentivar ao sector para que edifique vivenda protexida mediante axudas directas e facilidades normativas. Somos pioneiros en España coa nosa estratexia de desenvolvemento de solo residencial. A Xunta delimita ámbitos urbanizables en zonas de alta demanda, urbaniza o solo e sácao a concurso para edificar en colaboración público-privada. O noso reto é que, para 2028, teñamos solo urbanizado para 25.000 vivendas, das cales 20.000 serán protexidas.

P. En Ourense lanzaron un proxecto piloto para converter locais comerciais en desuso en vivendas. É unha solución viable?

R. Totalmente. Aplicamos modificacións normativas para axilizar esta reconversión. En Ourense lanzamos unha oferta pública de adquisición de locais cun investimento de 5 millóns de euros. Eliximos Ourense porque é a capital onde menos vivenda pública se está a construír, debido á falta de solo cedido polo concello. Con este mecanismo, adquirimos locais, rehabilitámolos e convertémolos en vivendas de promoción pública para o rexistro de demandantes. Isto xera vivenda e, á vez, revitaliza barrios con baixos abandonados.

P. Ourense carece dun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) actualizado. Como afecta isto aos seus plans?

R. A falta dun planeamento actualizado xera inseguridade xurídica e impide o desenvolvemento de solo urbanizable. Confiamos en que Ourense teña o seu PXOM canto antes. Mentres tanto, tivemos que mercar solo á Sareb por un millón de euros para construír 64 vivendas en Cambedo de Raia, xa que non houbo cesión municipal. Estas vivendas estarán rematadas este ano e sortearanse no verán, destinando polo menos un 40% a menores de 36 anos. Neste sentido, pido dilixencia ao Concello de Ourense para que ceda á Xunta unha parcela municipal de 500 metros cadrados situada no Vinteún. Nese terreo apto poderíamos construír unhas 20 vivendas públicas máis. O noso obxectivo é facilitar o fogar tanto á mocidade que quere emanciparse como a quen traballa na cidade, polo que tan pronto se nos ceda o solo, construiremos.

P. Tamén hai plans importantes para o barrio do Vinteún.

R. Si, a través do Proxecto de Interese Autonómico. O Vinteún ten un potencial enorme. Falamos de 16 hectáreas que permitirán construír unhas 1.600 vivendas en colaboración público-privada. O 80% serán protexidas. Agardamos ter a aprobación definitiva este ano para iniciar a adquisición de parcelas e a urbanización. Queremos que en 2028 xa se estea a urbanizar este ámbito.

P. A rehabilitación é o terceiro piar, especialmente nos cascos históricos. Como está a funcionar o programa Rexurbe?

R. Os cascos históricos sofren pola falta de residentes. En Ourense adquirimos inmobles nas rúas Manuel Sueiro e Pelayo para crear seis vivendas públicas. Pero o Rexurbe tamén funciona como “espello”: cando se rehabilita un edificio, os veciños anímanse a mellorar os seus. Ademais, ofrecemos axudas de 15.000 euros para a compra de vivenda en áreas de rehabilitación, como o casco histórico de Ourense. Invitamos á cidadanía a aproveitar estas axudas, que volveremos convocar este trimestre.

P. Que ocorre cos concellos máis pequenos, os de menos de 5.000 habitantes?

R. Lanzamos unha liña de axudas específica que tivo un éxito rotundo, con máis de 1.000 solicitudes en só dúas horas. Ofrecemos ata 30.000 euros para rehabilitar vivendas, co requisito de que sexan residencia habitual ou se destinen ao alugueiro. Queremos fixar poboación no rural. Isto súmase ao programa Fogar Vivo, que axudou a que 239 vivendas baleiras en Galicia pasasen ao mercado de alugueiro no último ano grazas a axudas para reformas e seguros de impago.

P. Para rematar, como é a relación co Goberno Central en materia de vivenda?

R. Estamos preocupados. O Plan Estatal finalizou en decembro e aínda non temos un novo que cofinancie axudas tan importantes como o Bono Alugueiro ou a rehabilitación de edificios. O Ministerio está a ser irresponsable. En Galicia temos os orzamentos listos e estamos dispostos a actuar pola nosa conta se o plan estatal non chega, pero é inadmisible que non se axilice este marco financeiro nacional. Necesitamos colaboración, non trabas, para que os mozos poidan emanciparse e todos os galegos teñan un fogar.

Contenido patrocinado

stats