María Souto, meteoróloga, sobre a eclipse: "Poderá haber algunha nube en zonas altas, pero a visibilidade seguirá sendo fantástica"

ENTREVISTA

A meteoróloga María Souto aclara dúbidass de cara ao día da eclipse

María Souto
María Souto | Europa Press

Para gozar ao máximo da experiencia da eclipse hai que ter en conta os lugares de maior duración, pero tamén a meteoroloxía, para impedir que as nubes estraguen a súa observación. Para iso, a meteoróloga de MeteoGalicia, María Souto, ofrece a mellor guía.

Pregunta. Cal é a previsión xeral para a provincia?

Respuesta. Para mañá a previsión é que as temperaturas máximas pasen dos 39 graos. En canto á visión para a eclipse, é verdade que se esperan en xeral en toda a provincia de Ourense ceos despexados, pero si que imos ter algún punto, sobre todo se nos imos de cara a zonas altas, onde se estean formando esas nubes de treboada.

P. Eso significa que pode haber algún risco meteorolóxico en zonas de gran visión como Trevinca?

R. Pode haber algunha nube de evolución, si. Non a consideramos de especial significancia porque non é como outros puntos nos que se mete a nube baixa, por dicilo así, e que nos vaia tapar por completo o sol. Estas nubes de evolución son moi estreitas, e como moito moverse un pouquiño xa nos poderemos librar. A visibilidade seguirá sendo fantástica.

P. A Mariña lucense é onde máis durará a totalidade, alí haberá problemas de nubosidade?

R. Aproximadamente a partir das oito da tarde, que é máis ou menos a antesala da totalidade da eclipse, é cando empezarían a entrar esas nubes. Por outro lado, son nubes que se moven de norte a sur, e moitas veces chaman coas primeiras montañas e quedan aí estancadas. Pode suceder que o que é estritamente na praia, na Mariña, teñamos visibilidade e, en nada que nos movamos cara ao interior, xa teñamos esas nubes de estancamento típicas da Mariña. Polo tanto, temos ese risco na parte máis norte da provincia de Lugo de que co avance da tarde se vaian metendo as nubes.

P. Tendo isto en conta, cal é a mellor zona de Galicia para ver a eclipse con seguridade meteorolóxica e boa duración?

R. Aí hai unha combinación de factores. En canto a duración da totalidade iríame á provincia de Lugo, pero para asegurar que non entre ningunha nube diríame máis cara a puntos como Terra Chá, Lugo capital, ou cara á zona da Fonsagrada.

P. Rubiá será a zona de Ourense onde máis durará, alí haberá algún problema?

R. Nesa zona a probabilidade de nubes é moi baixa, só en puntos altos si que poderase ver algunha nube de evolución, algunha nube de treboada. Non vai ser un ceo nubrado nin moito menos, pero puntualmente podemos ver algunha nube. Non creo que sexa problemática á hora de poder ver a eclipse e, como moito significaría moverse nada, moi pouco, para cambiar un pouquiño de perspectiva.

P. Con altas temperaturas a radiación solar pode ser máis agresiva?

R. Non, non ten nada que ver. A radiación que nos chega do sol é independente da temperatura que teñamos na superficie da terra, nese sentido se imos mirar ao sol directamente, obviamente ten que ser sempre con protección, a máxima protección posible, independentemente de que faga frío ou calor.

Contenido patrocinado

stats