Miguel Santalices, candidato al Senado por el PP de Ourense: “Eu detesto a corrupción, veña do partido que veña”
ENTREVISTA
O presidente do Parlamento galego durante os últimos 10 anos postúlase como candidato ao Senado polo Partido Popular de Ourense.
Logo dunha longa traxectoria no Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices postúlase como candidato ao Senado polo Partido Popular de Ourense nas eleccións do 29N con dous obxectivos claros.
Pregunta. Suma case 30 anos como deputado no Parlamento, os 10 últimos como presidente da cámara. Xa dixera que esta sería a súa última lexislatura. Por que decide dar o salto ao Senado?
Respuesta. Nunha conversa que tivemos hai pouco o presidente Rueda e mais eu, propúxome a posibilidade de ir ao Senado e a min pareceume unha oportunidade interesante. Non é unha cuestión de necesidade, é unha cuestión de compromiso. Vou contento ao Senado porque hai dúas cousas moi concretas polas que vou interpelar e estar pendente co meu máximo interese.
P. De que se trata?
R. Por unha parte, a inclusión do termalismo na carteira das prestacións do Sistema Nacional de Saúde. Como médico e levando a testemuña do doutor Rodríguez Míguez e de Marita Souto creo nas augas mineromedicinais que curan determinadas patoloxías. Iso témolo en Ourense e suporía unha gran dinamización. Se hai un goberno, como espero, do Partido Popular, creo que podo sacar ese tema adiante. O segundo tema é a localización da UME en Toén. Ourense é posiblemente a provincia galega, e unha das de España, máis castigada polo lume. Nós pedimos xa dende o Parlamento galego, a través dunha resolución dun debate de autonomía, a localización dunha UME en Toén. Iso sería a salvación, porque quedaría moito máis cerca para intervir e salvar as situacións que se poidan producir co tema do lume.
P. Deixa atrás un Parlamento galego relativamente tranquilo. Non teme arrepentirse do cambio?
R. Non, porque a miña etapa no Parlamento foi moi interesante, tanto como deputado como na dirección, como vicepresidente e como presidente. É unha etapa na que tiven moita sorte en lograr ter un entendemento cos distintos deputados dos distintos partidos. Xeramos, aínda que sexa lonxe das nosas discrepancias ideolóxicas, unha certa empatía. E esa certa empatía creo que foi o que me axudou no que é un difícil labor como dirixir un Parlamento, sobre todo no ámbito do plenario. Eu sentinme moi respectado por eles e, ao mínimo incidente, trataba de reconducilo e sempre tiven a colaboración de todos. Podemos dicir que somos un Parlamento que nunca xeramos unha noticia dun telexornal. Discrepancias? Si. Debates duros? A diario, pero bastante respectuosos. Estoulle moi agradecido por isto e espero ir ao Senado e atoparme, a ver se é posible, nun ambiente coma este, como o que vivín no Parlamento galego.
P. Moita xente descoñece o papel do Senado. Como se convence aos cidadáns de que é importante elixir os seus representantes nesta cámara?
R. Creo que os que nos elixen fan un acto de xenerosidade moi grande, que é darnos un cheque en branco, que é o seu voto, para que nós os representemos. Hai que asumir ese compromiso como propio. Se imos a un Senado onde vai haber follón, iso xera unha desafección política total. O Senado é importante, vímolo no caso do procés e nesta lexislatura con moitos proxectos nos que houbo que esclarecer determinadas situacións que na outra cámara non se esclarecían. Hai que desterrar esa idea de que o Senado é algo como un balneario. O Senado é un espazo onde se traballa, onde hai liberdade e onde se debe fomentar tamén as inquietudes dos cidadáns a través dos seus representantes. Quizais o Senado está un pouco máis cerca da parte territorial que o propio Congreso.
P. Estamos a facer esta entrevista en galego. Feijóo propón eliminar o uso do galego nos debates do Congreso, pero mantelo no Senado. Como se explica que valla nunha Cámara pero non noutra?
R. Iso será un debate que terá que dilucidarse. Eu o que teño claro é que son arraiano, veño dunha familia galeguista e cristiá, e penso en galego. Como non o vou defender? Nós temos unha riqueza que ao mellor non está ben explicada. Co galego podemos entendernos co portugués e, falando devagar, co castelán tamén. Esa riqueza forma parte da nosa cultura e da nosa identidade, e defendereina sempre porque creo que non molesta a ninguén. Non sei exactamente como vai terminar iso, pero se no Senado se pode falar en galego salvo que haxa unha norma que o prohiba, a miña intención é facelo.
P. Precisamente vostede é un galeguista convencido, como ben está dicindo. Sentiríase tranquilo cun pacto con Vox?
R. Eu creo que o pacto con Vox, se hai que facelo porque as circunstancias así o esixen, o que hai que deixar claro é cal é o pacto. Eu, por suposto, son defensor da autonomía. Son un autonomista convencido porque vivín o que é o Goberno central xestionando, por exemplo, a sanidade. Ademais, son un bilingüista convencido, o que pretendo é que haxa unha harmonía entre os dous idiomas, porque os dous son unha riqueza. Non estaría de máis que os senadores e deputados que imos estar aí coñezamos tamén as tres linguas que son de comunidades históricas. Seriamos uns parlamentarios máis cultos.
P. O PP apela ao feito de ter un ourensán na Moncloa como unha oportunidade histórica para a provincia. Con todo, a campaña de Feijóo non fixo parada en Ourense.
R. A axenda del é complicada, pero fixo unha parada simbólica nas catro provincias, que foi o mitin central que se fixo en Santiago. El alí xa o explicou. Alí estabamos xente das catro provincias. Creo que el aplica aquí tamén o razoamento lóxico de saber que aquí ten o asunto ben gardado e ben coidado, e que hai outros sitios onde pode ser máis necesario esforzarse, porque aquí ten o presidente Rueda e estamos nós, persoas que estamos dándoo todo polo presidente Feijóo. Pero non teño ningunha dúbida do que lle quere a Galicia e do bo xestor que é.
P. E vostede como está a vivir a campaña e cales están a ser as claves?
R. Estou facendo unha campaña tratando de chegar transmitindo tres ou catro ideas. Isto que está pasando non vai de ideoloxía, vai de salvar un país. Necesitamos un sistema de financiamento autonómico que financie as necesidades da xente e os dereitos que temos, independentemente de onde vivamos. Por outra parte, nós somos a comunidade máis lonxeva de España e temos unha necesidade grande coa dependencia. Necesitamos que se nos dote e que se nos pague o que nos debe o Goberno central, son 3.000 millóns de euros. Nós somos un país que emigrou. Non podemos ter un ministro de Asuntos Exteriores que cada vez que sae provoca un conflito, como pasou con Arxentina, sen darse conta de que aí viven moitos galegos. E por último, eu detesto a corrupción, independentemente do partido do que veña. Non é só que vaian ao cárcere, os corruptos deben devolver todo o que roubaron, e se non, incautárllelo. En canto ás penas, o que corrompe ten que ter un castigo exemplar. Creo que habería que aplicarlle unha cadea perpetua ou 80 anos de cárcere. Hai que dar unha imaxe moito máis seria contra a corrupción.
P. Para rematar. De darse a oportunidade, gustaríalle ser presidente do Senado?
R. Non está iso na miña óptica. Non porque xa fun presidente do Parlamento e sei como son esas cousas. De momento na miña óptica está a UME e o termalismo e si que che podo dicir que durmiría moi ben se o consigo. Creo que aí xa podería dicir que cumprín no Senado.
Contenido patrocinado
También te puede interesar