Un milleiro de alumnos de Ourense toman a palabra na loita polo galego no Correlingua
IMPULSO Á LINGUA GALEGA
O Correlingua volveu reivindicar a importancia de defender o galego, reunindo a estudantes de centros educativos de Ourense baixo o lema “Co galego no corazón facemos revolución”.
As rúas do centro da cidade presentaban onte unha imaxe pouco habitual en horario matinal, que non pasou desapercibida para os que paseaban pola praza Maior ou a rúa do Paseo. Máis aló da calor que semella que, agora sí, chegou para quedarse, un total de 1100 rapaces dos centros educativos da provincia percorreron Ourense no Correlingua 2026, coa premisa de reivindicar a importancia de manter viva a lingua galega.
Dende primeira hora da mañá puido verse actividade na praza maior, onde, primeiro os rapaces de secundaria e máis tarde os de primaria, participaron en diversas actividades lúdicas. Alí mostraron con orgullo as súas pancartas nas que se puido ler o lema deste ano: “Co galego no corazón facemos revolución”. Con estas verbas, a organización do evento busca afondar na necesidade de aumentar o número de galegofalantes en especial entre os menores de idade.
A xornada desenvolveuse tamén no Auditorio. Houbo dúas quendas, sendo os máis maiores os primeiros en acoupar as butacas. A actriz Isabel Risco foi a encargada de dar a benvida a todos os participantes, para que pouco despois os alumnos do IES Otero Pedrayo subisen ao escenario para ler o seu manifesto sobre a lingua. No caso do estudantado de primaria os responsables de dar voz ás reivindicacións foron os nenos e nenas do CEIP Folla Respino de Vilamartín de Vadeorras.
O galego tamén se canta
Como en toda festa non puido faltar o toque musical, este ano a cargo do grupo musical Mekánica Rolling Band, cunha traxectoria de quince anos nos que xirou por toda a península e parte de Europa, exportando a música galega a países como Austria, Francia ou Italia. Os estudantes de 2ºA do CEIP O Couto sorprenderon a todos os presentes cunha versión propia do tema “A quen lle importa”, seguidas do grupo Pandeireteiras Loureiro, do mesmo centro escolar, cunha adaptación musical de Poemas de Rosalía de Castro.
O Correlingua naceu en 2001 como unha iniciativa que tiña por obxectivo concienciar ao alumnado e profesorado dos centros educativos galegos na defensa da lingua galega. Un cuarto de século despois esta actividade continúa reunindo a milleiros de rapaces en toda Galicia en xornadas para pór o idioma no foco, para que sexa o protagonista fundamental. Lonxe de ter alcanzado o seu obxectivo fundamental, esta cita é máis necesaria ca nunca, nun contexto no que o castelán gañou máis peso no conxunto de Galicia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
LOS CONDUCTORES LO ESQUIVAN
Vídeo | Pillado conduciendo en dirección contraria por la N-525 a la altura de Rabo de Galo
PROPUESTA DE UN DELEGADO ESPECÍFICO
El salto del narcotráfico en Ourense: de los narcopisos de Covadonga a las aguas del Caribe
Lo último
DENUNCIAS DE LOS LECTORES
Cronista local | Las denuncias de los vecinos de Ourense hoy sábado, 12 de septiembre
COLEGIATA DE SANTA MARÍA A REAL
Seis empresas optan a renovar el núcleo de Ambía