Montserrat Cruz, nova vicerreitora do Campus de Ourense: “Volver a acreditar o Campus Auga é a prioridade absoluta e máis inmediata”
MAIOR AUTONOMÍA
Consciente dos retos que ten por diante, ten claro que a súa xestión debe basearse na colaboración, na integración de todos os axentes universitarios e nunha maior autonomía respecto a Vigo
Montserrat Cruz (Ourense, 1968) asumirá o vicerreitorado do Campus de Ourense tralas eleccións ao reitorado da Universidade de Vigo. A que foi decana da facultade de Empresariais e Turismo chega a esta nova etapa cunha mestura de respecto e moita ilusión.
Pregunta. Como asume o reto de converterse en vicerreitora do campus?
Respuesta. A sinceridade total é que chego con bastante medo, polas grandes responsabilidades, pero con moitísimo ánimo e ilusión. Queremos afrontar un cambio desde a responsabilidade; sabemos que hai que mellorar cousas, pero o noso ánimo está en integrar a todo o mundo. Aquí non sobra ninguén e sabemos que temos que remar e colaborar todos xuntos para que isto poida funcionar correctamente.
P. A vosa proposta non foi a máis apoiada en Ourense. Que lle diría á comunidade universitaria do campus para que confíen nesta nova etapa?
R. Para min os resultados non foron unha sorpresa. Coñezo o meu campus e xa fun falando con persoas que sei que votaron á outra candidatura, o cal me parece xenial porque son unhas eleccións democráticas. Transmitínlles que nós imos afrontar esta etapa con responsabilidade e que queremos colaborar todos xuntos. O campus só funciona se todos remamos no mesmo senso. Non pasa nada porque a elección fose diferente; podemos e debemos traballar unidos igualmente.
P. Cal diría que é a prioridade “cero” neste comezo de mandato?
R. Sen ningunha dúbida, volver a acreditar o Campus Auga. É a nosa prioridade absoluta e máis inmediata porque as datas de avaliación xa están aí e temos que cumprir cos prazos. Este selo dános unha referencia moi relevante a nivel autonómico, nacional e tamén investigador, e superar esta recertificación é o paso previo e indispensable para todo o demais. Confío plenamente no traballo previo que se fixo; son optimista porque a xente involucrouse moito.
P. Que papel vai xogar Ourense nesta nova etapa, haberá máis autonomía con respecto a Vigo?
R. Iso foi unha das promesas que nos fixo a reitora (Carmen García Mateo). Canto máis autónomo é un organismo, normalmente mellor funciona porque hai moitísima menos burocracia. Non é o mesmo estar no sitio que a 100 quilómetros, por moita boa fe que teñas. É a única forma de funcionar mellor, é importante delegar competencias en quen pulsa as necesidades no día a día.
P. Na entrevista que mantivemos antes das eleccións falabas da necesidade de derrubar os muros que separan ás facultades. Como pensa facelo?
R. Refírome a ter a capacidade de que ámbitos e profesorados diferentes estean máis vencellados. Moitas veces parece que somos como pequenas fincas onde un planta tomates, o do lado leitugas, pero non facemos unha ensalada xuntos. Gustaríame moito que titulacións como Empresa, Tecnoloxía dos Alimentos ou Turismo poidan pór en común o seu enorme potencial investigador e académico. Ademais, os edificios están moi preto e iso facilita a interrelación, que pode comezar con formacións máis informais e logo traspasarse á propia investigación.
P. Agora que fala de titulacións... teñen que asentarse as que hai ou pódese pensar en seguir sumando graos?
R. A verdade é que eu non teño moi claro isto de expandir enormemente. Hai que coidar o que temos antes de pensar en medrar sen máis. Neste momento temos titulacións moi interesantes e diferenciadas, como Aeroespacial ou Intelixencia Artificial, que atraen moitísimo alumnado e están moi ben consideradas no mercado laboral. Sería xenial contar tamén a pleno rendemento con Enfermería. Pero todo crecemento ten que ser planificado, as titulacións teñen que nacer nun contexto de seguridade académica e científica para que os alumnos estean ben formados.
P. Nesta liña, unha das grandes necesidades do Campus son as infraestruturas… O novo edificio de Aeronáutica aliviará a situación?
R. Xa nos advertiron de que o edificio nace un pouco pequeno. Se nace pequeno, imos ter o problema de onde meter ao alumnado, sobre todo tendo en conta que é unha carreira moi solicitada na nosa universidade. As aulas de docencia teórica pódense reubicar noutros edificios próximos, pero o que de verdade me preocupa son os laboratorios específicos, como o túnel de vento. Tarde ou cedo terán que ampliarse as prazas dispoñibles e todos os nosos espazos.
P. Onde cree que está o punto débil do Campus?
R. Quizais o que nos faltaría, máis que investigación pura, é a transferencia. É dicir, intentar pulsar o que realmente necesita a provincia e intentar que a nosa investigación se poida aplicar ás empresas de aquí da provincia. Iso sería moi bo, nós temos moito que dar e seguramente a eles lle veña moi ben.
P. No que se refire á intenacionalización, cal considera que debe ser a clave?
R. O obxectivo inmediato é a recertificación, pero o obxectivo seguinte é conseguir proxectos internacionais, traer xente de fóra ou mandar xente fóra. Para min é fundamental.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
PREMIOS Á SANIDADE DE GALICIA
Reconocimiento a la Unidad de Ictus y al servicio de Microbioloxía de Ourense
ZONA ABANDONADA
Colapso total en Rairo: cinco cortes de agua en treinta días
Lo último
184 CASOS POR CADA 100.000 HABITANTES
Ourense, a la cabeza española en prevalencia de casos de esclerosis múltiple
Carmen Rodríguez
EVENTO CULTURAL
La ciencia sale del aula y sorprende a pie de rúa en O Carballiño
TRADICIÓN GASTRONÓMICA
Emotivo homenaje a las pulpeiras en la Fábrica do Papel en O Carballiño