O motín das “verduleiras de Ourense”
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Non foi o primeiro, pero si o de meirande impacto na prensa. Unha suba de arbitrios, un espontáneo tumulto, disparos da Garda Civil e un médico morto fixeron saltar polos aires a vida cotiá daquel 10 de setembro de 1892 nos abastos da cidade
A linguaxe soez, as provocacións, os insultos, os conflitos permanentes nos que convive a cotío a que debería ser a elite da clase política española -agora ata se espatarran nos escanos-, espertaron en min a necesidade de traer a colación este episodio no que unha trintena de ourensáns e ourensás acabaron sendo inxustamente sometidas a un consello de guerra, acusadas de “delitos de palabra” no seu enfrontamento coa forza pública como protagonistas dun tumulto que foi coñecido coma o “motín de Ourense”.
O estado da cuestión respecto da situación socio política que vive o país e que non nos dá un respiro, unido á franca e impredicible decadencia cara a que devala a actualidade, fai acaído este desgraciado suceso que tivo lugar o 10 de setembro de 1892 no corazón da cidade e que baixo a denominación do “motín de Ourense” ou “motín das verduleiras”, acabou ocupando páxinas, non só dos xornais ourensáns e galegos, senón tamén das máis importantes cabeceiras madrileñas.
Como queda dito, os feitos deron comezo durante aquela mañá do mercado sabatino no espazo onde mercadeaban coa verza.
A repentina subida dos arbitrios de 5 a 10 céntimos por cesto de produtos que dende os arrabaldes (Barra de Miño, Cudeiro, Quintela de Canedo, San Cibrán das Viñas, Regueirofozado, Piñor, A Valenzá ou A Rabeda) baixaban á cidade (algúns medios falaban dunhas mil persoas diarias) para surtir á capital de froitos, verzas, aves, pescados de río, leite, leña e outros, acabou por facer estourar un malestar que levaba tempo latendo entre os abastecedores e que xa se tiña manifestado noutros mercados de Madrid e Pontevedra.
O caso foi que cando un axente de consumos lle quixo estender o recibo a unha das “verduleiras” -de aí a intitulación mediática do episodio- esta non só se negou a aboarllo, senón que comezou a berrar na súa contra, o que alertou e animou ó resto de abasteiros, que lle seguiron as trazas “dando desaforadas voces, silbando y descargando sobre el recaudador y los agentes municipales una nube de pepinos y tomates”, ocasionando “un gran escándalo” que fixo que o recadador e os axentes se afastasen inmediatamente do escenario.
Sen embargo, a mecha xa estaba prendida e a voz da espontánea “verduleira” comezou a correr coma a pólvora polas outras prazas que acollían o resto dos mercados e o que ó principio non era máis “que una docena de verduleras y unos cuantos niños” multiplicouse diante do Goberno Civil, cuxo titular non foi quen de aplacar as protestas, mentres o alcalde, unha vez suprimido o decreto, fuxiu para a casa e non deu sinais de vida ata tres días despois da algarada.
En tanto, os abastecedores e a veciñanza que se ía sumando á causa “recorrieron las calles en manifestación tumultuosa” que se dedicó a “asaltar fielatos, inutilizar las básculas, derribar las casetas y después de rociarlas con petróleo prenderle fuego a los fielatos del campo de la feria, del Posío y del puente Pelamios”, concentrándose finalmente na Horta do Concello (fronte á actual Alameda).
Entón entrou en escena o xefe da Garda Civil, o comandante Brasa. Unha das “verduleiras” colleu un trapo vermello atado a un pau, coma se fose unha bandeira, e lanzouse contra a tropa, polo que ó verse acurralado, o oficial ordenou unha salva de disparos ó aire, pensando que así provocaría a desbandada.
Sen embargo, a imprudente previsión do oficial viuse desbaratada no momento no que unha bala atravesou o cráneo dun veciño situado nun balcón da redacción do xornal “El Derecho” que caeu abatido sen remedio.
O desgraciado morto resultou ser un xove médico chamado Arturo de la Torre, que observaba o balbordo na compaña doutros colaboradores do xornal e que de súpeto deixaba viúva, fillos, nai e unha avoa desamparadas.
Loxicamente o ambiente reivindicativo transformouse nunha lamentable traxedia e aquel día pasou a formar parte da crónica negra da cidade de Ourense.
Un consello de guerra para 20 procesados, un gobernador cabreado e un indulto festexado
Pese ás veladas acusacións de varias testemuñas sobre a intención do disparo -entre elas a do indignado historiador Benito Fernández Alonso-, nunca foi aclarado se o destino da descarga foi ou non fortuíto e iso que o sumario final do motín encheu dous mil folios.
Ó día seguinte a cidade amenceu zarabatida polo impacto, o corpo do infortunado médico foi velado na redacción de “El Derecho” e o enterro concentrou a un xentío. O propio xornal iniciou unha campaña de recadación de fondos para paliar o desamparo da familia e nuns días conseguiron unhas 3.000 pesetas.
A impresión causada polo funesto suceso afogou de contado as protestas, que deron paso á acción do xuíz Ucha Fociños, quen ós seis días ordenou a detención de quince homes e dúas mulleres ata chegar ós 31 procesados.
Case dous anos tiveron que pasar en prisión provisional no cárcere e, mentres a opinión pública e algunha publicada cargaban a responsabilidade na actuación irresponsable e temeraria do xefe da Garda Civil (ata o tenente de Carabineiros lle recriminou a orde ditada), o gobernador denunciaba ós xornais “El Derecho” e “El Diario de Orense”, dis que “porque al relatar los hechos, han estado más exactos de lo que a la autoridad pudiera convenirle”.
Isto, ata que a finais de marzo de 1894 comezou o consello de guerra contra unha vintena, por uns feitos que primeiro foron cualificados de sedición e despois, polo fiscal, como “insultos de obra y de palabra a la fuerza armada y desorden público”.
A vista durou varios días e nela, ademais de quedar en entredito a inacción do xurado contra o oficial da Garda Civil, a vehemencia dun dos defensores que falou de “victimas y verdugos”, ocasionoulle unha sanción de dous meses de “correccional en castillo”.
Os trece homes e sete mulleres foron condenados a penas que ían dos tres meses ós catro anos.
A sentencia deu lugar a un movemento a favor da petición do indulto, encabezado polo bispo, deputados e senadores e a colonia galega de Madrid, que apoiaron a petición formulada polo máximo responsable da Garda Civil -o xeneral Palacios- e que foi asinada pola raíña o 31 de xullo de 1894 o que provocou unha gran festa na capital e unha misa de acción de gracias no templo da Paloma.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último