Ourense conmemora 150 anos do primeiro xornal en galego: “O Tio Marcos d’a Portela”
MEMORIA E LINGUA
No 2026 celebraranse actos en homenaxe a “O Tio Marcos d’a Portela” e a Valentín Lamas Carvajal
O 2026 promete ser un ano grande para a provincia en materia de cultura. Máis aló do Ano Oteriano, ao longo destes 12 meses tamén se conmemorará o 150 aniversario da publicación do xornal “O Tio Marcos d’a Portela”, promovido por Valentín Lamas Carvajal e considerado precursor dos medios de comunicación en galego.
O 7 de febreiro, coincidindo co día no que se publicou o primeiro exemplar desta publicación de periodicidade quincenal, comezarán os actos dunha programación que se estenderá ata o mes de novembro. Para ese día están programadas diferentes actividades. Haberá un roteiro polo Ourense de Lamas Carvajal, con parada en dez lugares, partindo do cemiterio de San Francisco e finalizando no Liceo. Alí, os asistentes poderán desfrutar dun concerto da coral De Ruada e dun xantar (as persoas interesadas deberán anotarse no correo liceodeourense@hotmail.com ou no teléfono 988 220 650, antes do 3 de febreiro).
O 4 de setembro (data do pasamento de Lamas Carvajal) e o 1 de novembro (o seu nacemento) serán datas clave. A Real Academia Galega celebrará unha xornada en Ourense centrada na lingua e nos medios de comunicación, poñendo o foco tanto na histórica publicación como na importancia da lingua no contexto mediático actual. Pola súa parte, a Fundación ONCE dedicará o cupón do 1 de novembro á figura de Lamas Carvajal e ao seu legado. Ademais, completarase a dixitalización da colección de O Tío Marcos d’a Portela, que estará dispoñible para a cidadanía no portal Galiciana.
A comisión de coordinación do 150 aniversario, integrada por distintas entidades, reuniuse onte no Centro Cultural Marcos Valcárcel para dar conta do programa. Estiveron presentes César Manuel Fernández Gil, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Valentín García, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia; María López-Sández, membro da comisión executiva da Real Academia Galega; Armando Ojea, concelleiro de Ourense; Alfonso Vázquez Mondarxín, coordinador da comisión, ademais de representantes da Asociación de Medios en Galego, La Región, Liceo de Ourense, a coral Ruada, a Fundación ONCE e familiares de Valentín Lamas Carvajal.
La Región fará un especial sobre a prensa en galego
La Región prepara un número extraordinario para o 7 de febreiro de 2026 dedicado a “O Tio Marcos d’a Portela” e ao seu creador, Valentín Lamas Carvajal. Estará coordinado por Alfonso Vázquez Monxardín e nel, unha vintena de persoas da cultura galega tratarán diferentes temas abordados na histórica publicación. Félix de Castro Andrés falará da música tradicional; Xavier Castro, das referencias á gastronomía; mentres que Rosario Álvarez ou Henrique Monteagudo, entre outros, abordarán aspectos máis xerais sobre a cultura e o papel do Rexurdimento. Tamén se acompañará a reprodución do primeiro número da publicación.
O especial pretende contribuír a restituír a centralidade histórica de Valentín Lamas Carvajal, unha figura esencial do Rexurdimento galego que, pese á súa relevancia, quedou nun segundo plano fronte a outros nomes. A través do xornalismo, a lingua, a sátira e a divulgación cultural, Lamas Carvajal desempeñou un papel decisivo na construción dunha conciencia galega moderna.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Carlos Risco
LA CIUDAD QUE TODAVÍA ESTÁ
El chalecito anónimo de Marcelo Macías
ESPERANZA ANTE EL CÁNCER
¿Qué es la protonterapia y dónde se aplica en España?
Chicho Outeiriño
DEAMBULANDO
Los zorros y ese Auria que también existe
EL JOVEN FUTBOLISTA
Simón Brainsky llega a Os Carrís