Ourense vólcase ca emblemática xoguetería A Bufarda tras sufrir un roubo: "É a primeira vez en 21 anos, a situación na cidade estase pondo difícil"

CASCO VELLO

A xoguetería ourensá A Bufarda, con máis de dúas décadas de historia, sufriu o xoves 30 de abril un asalto no que o ladrón utilizou unha tapa de sumidoiro das obras próximas para rebentar a entrada.

Imaxes do estado da xoguetería despois do roubo
Imaxes do estado da xoguetería despois do roubo | La Región

Unha emblemática xoguetería do Casco Vello de Ourense foi vítima dun roubo o pasado xoves, 30 de abril. Trátase de A Bufarda, un establecemento que leva varias décadas surtindo aos ourensáns de xoguetes.

Falamos co seu propietario, Carlos Rodríguez, quen relatou como o roubo causou importantes danos materiais no seu negocio. Aínda sorprendido pola rapidez da actuación, contabiliza os danos: "En cuestión de tres ou cinco minutos romperon a porta cun sumidoiro e foron polo caixón".

O "alcantarillazo", un método frecuente

O asalto produciuse seguindo unha técnica tan ruda como eficaz e cada vez máis frecuente en roubos deste tipo na cidade. Os autores aproveitaron a presenza de material dunhas obras de gas na rúa, e utilizaron a tapa do sumidoiro que estaba apoiada nunha parede para rebentar a porta.

Unha vez dentro, os asaltantes "arrincaron con todo", asegura Carlos: "Levaron o caixón, romperon o que é a pantalla, que vai todo conectado, o lector de código de barras, a impresora de tiques... " narra recapitulando o momento no que entrou no local.

Botín escaso, danos elevados

Malia o estropicio causado no local, o beneficio económico para os ladróns foi mínimo. O botín limitouse a aproximadamente 80 ou 90 euros, "eran moedas e billetes destinados ao cambio do día seguinte", asegura.

O sistema de seguridade non funcionou correctamente, xa que as cámaras non captaron o momento do roubo e comezaron a grabar cando Carlos entrou posteriormente ao negocio.

Ourense, volcado ca xoguetería

Este incidente supón un golpe inédito para un establecemento que leva 21 anos na rúa sen sufrir asaltos previos. Carlos Rodríguez lamenta que "a situación de seguridade en Ourense estase pondo máis difícil", sumando o seu caso ao de hurtos en diferentes negocios da zona, galerías ou coches de particulares.

Na publicación da xoguetería en redes sociais, decenas de comentarios envían mensaxes de ánimo a Carlos e ao seu gato, que o acompaña durante a xornada. Comentarios coma "Canto cho sinto Carlos, acabo de velo e sei do esforzo que hai tras esa porta, moito ánimo", "Acabo de flipar. Ánimo querido" ou "Sintoo moito. E o gatiño? Dime que está ben" acompañan unas imaxes que suman máis de 15.000 reproduccións.

Contenido patrocinado

stats