O padroado da Fundación Otero Pedrayo planifica con ilusión o 2026

ANO OTERIANO

Nos vindeiros 12 meses haberá multitude de actividades e recoñecementos arredor do escritor

Reunión do padroado celebrada no Pazo de Trasalba.
Reunión do padroado celebrada no Pazo de Trasalba. | José Paz

Os membros do padroado da Fundación Otero Pedrayo reuníronse este luns no Pazo de Trasalba, para facer un repaso do que foi o 2025 e compartir parte das actividades que se levarán a cabo ao longo do próximo ano 2026, no que se renderá homenaxe ao escritor ourensán. A un par de días para iniciar o que será o Ano Oteriano, os membros da institución agardan con ilusión os vindeiros 12 meses. “Podemos sentirnos orgullosos de que o Parlamento de Galicia aprobase por unanimidade a declaración do 2026 como o ano de don Ramón Otero Pedrayo”, festexou o presidente da Fundación, Eduardo López Pereira, ao inicio da reunión.

Para conmemorar o 50 cabo de ano de Otero Pedrayo e o centenario da publicación da súa “Guía de Galicia” están previstas multitude de propostas. “A comisión do padroado está mantendo reunións con distintas entidades, como a Real Academia Galega ou Galaxia, para organizar as posibles actividades a desenvolver no Ano Oteriano”, asegurou López, que tamén desvelou que algunhas homenaxes xa están listas para ver a luz.

Ramón Otero Pedrayo.
Ramón Otero Pedrayo.

Actividades previstas

No mes de xaneiro, estrearase un documental titulado “Ramón Otero Pedrayo. O dereito á paisaxe”, no que a relación do escritor coa súa contorna será a protagonista. Tamén se publicarán varios libros sobre a traxectoria do homenaxeado, tendo en conta o seu papel literario, xornalístico ou político. Ademais, está previsto que se faga unha reedición da “Guía de Galicia”, con capítulos introdutorios das persoas máis destacadas hoxe no mundo da xeografía, da historia e da cultura de Galicia. Por outra banda, organizaranse rutas seguindo as historias escritas polo Patriarca das Letras Galegas e volveran a convocarse os premios que levan o nome do autor. Dende a fundación agardan que o 2026 se converta nun gran ano para a memoria.

Un ano pensado para render homenaxe ao legado do Patriarca das Letras Galegas

O 2026 marcará un fito cultural para Galicia coa celebración do “Ano Oteriano”, unha efeméride aprobada por unanimidade no Parlamento galego, o pasado 17 de decembro. Esta conmemoración responde a unha dobre coincidencia histórica de gran calado: o 50º aniversario do pasamento de Ramón Otero Pedrayo e o centenario da publicación da súa “Guía de Galicia”.

A declaración institucional debulla os motivos que fan de Don Ramón unha figura de consenso indiscutible: “Únenos a todos”. O texto recoñece a un intelectual inabarcable que non deixou xénero sen cultivar, dende a novela e o teatro ata o ensaio xeográfico, pero pon o acento na súa dimensión humana e política.

Membro das Irmandades da Fala e do Grupo Nós, Otero foi un dos fundadores do Partido Galeguista e deputado na República, un compromiso que pagou coa represión, non podendo retornar á docencia ata 1948. Dende a súa cátedra na USC e os faladoiros do Café Español, Otero inspirou á mocidade da posguerra e ao grupo Brais Pinto, mantendo acesa a chama do galeguismo. Hoxe, ese legado, custodiado pola Fundación Otero Pedrayo, segue a ser un referente.

Don Ramón foi un construtor da Galicia moderna, unha figura de consenso e “autoridade moral” que hoxe, medio século despois da súa morte, segue sendo capaz de unir a toda a comunidade. Institucións como a Fundación Otero Pedrayo, a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega ou a Deputación de Ourense, entre outras, traballarán da man para poder levar a cabo distintas propostas que axuden a homenaxear ao Patriarca das Letras Galegas, da forma que merece.

Contenido patrocinado

stats