A nova unidade de partos do hospital materno de Ourense estará operativa a próxima semana
OBRAS NO CHUO
O CHUO da un novo paso cara a unha mellor atención materno-infantil coa reforma integral dos espazos destinados aos servizos de Pediatría e Xinecoloxía-Obstetricia, así como a Unidade de partos
O Hospital Universitario de Ourense, coñecido como o CHUO, dá un novo paso cara a unha mellor atención materno-infantil coa reforma integral dos espazos destinados aos servizos de Pediatría e Xinecoloxía-Obstetricia, así como a Unidade de partos. Logo de varios meses de traballos, estas áreas estarán plenamente operativas a finais deste mes de xullo, como estaba previsto nos plans. O traslado de pacientes dependerá do visto e prace de riscos laborais e medicina preventiva, con todo, previsiblemente será a principios de agosto.
As obras, impulsadas pola Xunta cun investimento superior aos 2,7 millóns de euros, están a piques de completarse nas plantas primeira e cuarta do Edificio Cristal e na primeira planta do edificio cirúrxico. A súa posta en marcha suporá un salto cualitativo na calidade asistencial, grazas a instalacións máis modernas, accesibles e adaptadas ás esixencias clínicas actuais.
Avances
Un dos principais avances será a posta en marcha dunha área provisional de paritorios na Unidade de Cirurxía Maior Ambulatoria, mentres se remata a construción da nova unidade definitiva no edificio cirúrxico.
Este novo espazo contará con dúas salas de partos completamente renovadas e cinco salas de dilatación independentes, deseñadas para garantir a seguridade, o confort e a intimidade das pacientes. Cada unha destas salas disporá de acceso diferenciado e equipamento actualizado, ofrecendo un entorno acolledor e funcional para as mulleres.
A reorganización dos servizos permite, ademais, unha mellor coordinación entre Pediatría e Obstetricia-Xinecoloxía, ao agruparse en áreas contiguas con comunicación interna reforzada. Na cuarta planta do Edificio Cristal, habilítase a nova unidade de hospitalización pediátrica, neonatoloxía e unha UCI pediátrica integrada na unidade de coidados intensivos, mentres que na primeira planta acóllese a área de consultas, probas diagnósticas e hospitalización xinecolóxica.
Estas actuacións forman parte do plan de reorganización de espazos da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, co obxectivo de mellorar a atención integral á saúde da muller e da infancia. A reforma permitirá, ademais, iniciar as obras dunha nova área de obstetricia de máis de 1.000 metros cadrados no espazo ocupado agora por Anatomía Patolóxica, considerada unha prioridade cero no Plan Director.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
24 HORAS PARA ALQUILAR
El reto de alquilar un piso en Ourense: “Hay anuncios que no duran ni un día”
ÚLTIMOS DÍAS DE SOL
Los termómetros de Ourense rozaron la máxima de España
Lo último
TRADICIÓN GASTRONÓMICA
❌ ✅ Encuesta | ¿Esta Semana Santa fuiste más de torrijas, monas de Pascua o roscón ?
OCHO PARTIDOS SIN GANAR
El Arenteiro vuelve a caer y sigue lejos de la salvación ante el Arenas de Getxo (1-2)