Xosé Eduardo López Pereira: “Non hai mellor sitio para empezar a coñecer a Otero que ir a súa casa”
PRESIDENTE DA FUNDACIÓN
Eduardo López, presidente da Fundación Otero Pedrayo, afonda nos retos e proxectos que trae consigo esta efeméride
O 2026 marcará un fito na cultura galega coa celebración do Ano Oteriano, coincidindo co cincuenta cabo de ano do pasamento do patriarca das Letras Galegas e o centenario da publicación da súa icónica Guía de Galicia. Eduardo López, presidente da Fundación Otero Pedrayo, afonda nos retos e proxectos que trae consigo esta efeméride.
Pregunta. Que supón para a Fundación a declaración do 2026 como ano de Ramón Otero Pedrayo?
Respuesta.É unha gran satisfacción e ilusión para todos os membros da Fundación e especialmente para min como presidente. Ver que o Parlamento, por unanimidade, acordou facer deste 2026 o ano de don Ramón Otero Pedrayo é algo que quedará para sempre na nosa memoria. Dende a Fundación trataremos de corresponder a este encargo que nos fai o pobo galego. Trataremos de distinguir e por á altura que merece este ano atribuído a don Ramón.
P. Servirá para poñer en valor a figura de Otero en todas as súas facetas?
R.Penso que si. Don Ramón, evidentemente, é unha figura sobranceira na cultura de Galicia dende todos os aspectos: o político, o escritor... é un home que escribiu teatro, poesía, ensaio, novela e xornalismo literario. Con todo, considero que o gran reto é dalo a coñecer ás novas xeracións. Dende que me fixen cargo da presidencia da Fundación creei, co apoio de todo o padroado, o Premio Otero Pedrayo para estudantes de Bacharelato, para que a memoria de Otero Pedrayo non se perda cando marchen as xeracións pasadas. Tamén a Asociación de Amigos de Otero Pedrayo creou un premio, que é un podcast de retórica, pois Otero Pedrayo foi sen dúbida ningunha o máis grande orador que deu Galicia. É o modelo do orador clásico. A través destas actividades nos centros, buscamos facer edicións didácticas para os estudantes dalgunhas das obras de Otero.
P. Que lle ofreceredes aos ourensáns e ao resto de galegos ao longo do 2026?
R.Temos programadas múltiples actividades, porque todo isto supuxo xa unha programación previa por parte da Fundación con obxectivos a desenvolver durante este ano. O primeiro vai ser xa o lanzamento do primeiro volume, dos tres que vai editar La Región, sobre o don Ramón xornalista a través da cantidade de artigos que foi publicando no diario. Ao longo do mes de xaneiro estrearáse un documental titulado “Ramón Otero Pedrayo: dereito á paisaxe”, que é precisamente a primeira visión de don Ramón nesa súa Guía de Galicia que cumpre cen anos. Neste sentido, o Parlamento fará tamén unha reedición desa guía de 1926 cuns capítulos introdutorios das persoas máis destacadas hoxe no mundo da xeografía, da historia e da cultura de Galicia. Tamén faremos un número especial da revista Trasalba. E logo, algo que encaixa dentro do que é a ilusión de Otero Pedrayo pola paisaxe: imos facer, coa colaboración da Deputación de Ourense e o Concello de Amoeiro, o gran Miradoiro Boca Ribeira.
P. Que papel xoga a Guía de Galicia no que hoxe coñecemos como Galicia e porque tamén merece formar parte desta homenaxe?
R.Foi o punto de partida fundamental. Para Otero o territorio é a alma de Galicia. Cando ninguén consideraba a xeografía como paisaxe, el foi todo un precursor do que hoxe está tan de moda. A xeografía de antes, a que estudabamos e líamos, eran os ríos e as capitais de provincia, pero non a paisaxe. Don Ramón foi o primeiro grande admirador da paisaxe hai xa cen anos. Por iso, na reedición desta primeira guía de 1926 aparecerán descricións magníficas da paisaxe que imos ter en consideración tamén no documental.
P. O Pazo de Trasalba exercerá como punto de reunión ao longo do Ano Oteriano?
R.Non hai mellor sitio para empezar a coñecer a Otero que ir á súa casa. A casa de Otero Pedrayo xa foi a casa de todos os galegos dende aquela época na que el vivía, porque por alí pasaron as persoas máis sobranceiras da cultura de Galicia. Dende Castelao, Ramón Piñeiro, Carlos Casares, García-Sabell, Sixto Seco... Sería innumerable a cantidade de figuras que pasaron, e algúns durmiron, nesa casa.
“Cando ninguén consideraba a xeografía como paisaxe, el foi todo un precursor do que hoxe está tan de moda”
P.Que tesouros se esconde alí?
R.Don Ramón, que non tivo fillos nin sobriños, fixo o seu testamento en 1975 deixándolle todo á súa filla adoptiva: Galicia. Creou en 1950 a Fundación para que, cando el morrese, esa fose a súa herdeira. Deixou todo aquilo. A casa e a súa contorna, ese magnífico pazo rodeado dunha enorme solaina. Grazas á Fundación e ás axudas recibidas, a casa hoxe está nunhas condicións idóneas. Alí recuperamos o chamado “Xardín Romántico”, recuperamos a parra da Lagarada baixo a que se representou a obra do mesmo nome... A casa consérvase hoxe como un auténtico museo, tal e como estaba no momento de Otero Pedrayo, e gozamos alí de cousas tan importantes como o cadro de Castelao, mapas orixinais de Fontán e máis de 30 mapas manexados por Otero Pedrayo que imos dixitalizar e poñer a disposición dos investigadores.
P. Que queda de Otero Pedrayo nas nosas rúas?
R.O seu legado permanece, pero hay que impulsalo. Por iso é importante este ano. Otero Pedrayo está presente nos ollos de calquera que pasee polas nosas rúas. Se enumeramos a cantidade de rúas que hoxe en Galicia levan o nome do patriarca das Letras Galegas, sería un dato a considerar. Se a iso lle engadimos a cantidade de centros escolares e de ensino que levan o seu nome, o seu legado é inmenso.
P. Que destacaría vostede dese legado que deixou o patriarca das Letras Galegas?
R.Otero Pedrayo non estivo só, colaborou coas persoas máis competentes daquela época e tivoas ao seu lado. Falando concretamente do Grupo Nós, aí temos a Vicente Risco, a Castelao, a Cuevillas, a Antón Losada Diéguez... Nese momento coincidiu o máis brillante da cultura galega en xeral. Pero hai que ver que do que eles arrincaron, dun momento en que non se podía escribir en galego, Otero Pedrayo non volveu escribir na nosa lingua ata moito despois da Guerra Civil, cando foi reincorporado a súa praza no ano 49. A partir de aí, Otero empeza a dar as súas primeiras conferencias en galego e convértese nun abandeirado en todos os ámbitos da cultura: como escritor, como creador e como impulsor das diversas entidades culturais, dende o Ateneo de Ourense ata a creación de Galaxia, da que se ven de celebrar agora o 75 aniversario.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
ESCENIFICACIÓN ARTESANAL
Miniaturas que esculpen la memoria en la iglesia de Beariz, en Carballiño
UN PARÉNTESIS
Rozalén explica su retirada temporal de los escenarios
EXPOSICIÓN ARTÍSTICA
“Castelao. Mirar por Galicia” se despide con 34.000 visitas