A ampliación do parque permitirá que novas empresas se instalen en 2028

833.000 METROS CADRADOS

O proxecto supón un investimento de 19,8 millóns de euros e actualmente está pendente da tramitación ambiental

Vista dunha das rúas principais do parque empresarial do Pereiro de Aguiar.
Vista dunha das rúas principais do parque empresarial do Pereiro de Aguiar. | La Región

A ampliación do polígono do Pereiro de Aguiar está lista para avanzar na consolidación industrial da comarca de Ourense. Este proxecto suporá un incremento do 38% na superficie do parque empresarial, que pasará a superar os 833.000 metros cadrados de solo industrial dispoñible. Este crecemento materializarase coa incorporación de 231.391 metros cadrados adicionais aos 601.837 metros cadrados actuais.

A consecución deste obxectivo avanza a bo ritmo grazas aos pasos administrativos iniciados pola Xunta de Galicia. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou no mes de marzo a aprobación inicial do Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial (PEOSE) para o parque do Pereiro de Aguiar. Este paso é fundamental para dotar de seguridade xurídica ao proxecto e garantir que as obras de ampliación poidan converterse nunha realidade. Paralelamente, xa se iniciaron os traballos de redacción do proxecto de urbanización que definirá o deseño e a infraestrutura do novo espazo.

Traballo en colaboración

Coa ampliación deste espazo empresarial, a Xunta dalle resposta a unha demanda urxente e de carácter estratéxico para o sector da provincia. Así, aínda que se busca a máxima axilidade para responder á demanda empresarial, o proceso mantén o respecto aos trámites administrativos e medioambientais. Salienta neste punto a importancia da colaboración institucional, traballando da man das empresas, dos rexedores municipais e da Deputación para coñecer onde hai necesidade empresarial. O obxectivo é acelerar todos os procedementos necesarios para que o novo solo sexa unha realidade e as empresas poidan comezar a instalarse a partir do ano 2028.

A ampliación do Parque Empresarial de Pereiro de Aguiar representa un investimento de 19,8 millóns de euros. Actualmente, a actuación atópase pendente do inicio da tramitación ambiental do Proxecto de Urbanización (PDU), un trámite necesario para asegurar a sustentabilidade da intervención. Esta actuación é esencial e xustíficase pola demanda de novo solo industrial na área metropolitana de Ourense e pola idónea localización do emprazamento.

O cinto industrial de Ourense

Esta ampliación enmárcase dentro da estratexia máis ampla da Xunta de Galicia para impulsar a creación de solo industrial e atender as crecentes demandas dos empresarios na comarca. A Xunta outorga prioridade á ampliación dos parques empresariais de Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas, que, debido á súa continuidade xeográfica, conforman o cinto industrial máis potente e dinámico da provincia.

Entres os dous constitúen un polo industrial de referencia cun forte impacto económico. Segundo as cifras, xuntos albergan máis de 440 empresas, xeran un volume de negocio que ascende a 2.418 millóns de euros e proporcionan 9.256 empregos directos. Así, a pesar de que a súa poboación total apenas supera os 12.500 habitantes, este cinto industrial representa aproximadamente o 40% do emprego total das empresas da comarca e o 38% do volume de negocios das entidades mercantís da zona, subliñando o seu papel crucial na economía provincial.

Mentres se xestiona a expansión, o Parque Empresarial de Pereiro de Aguiar segue sendo obxecto de melloras continuas. Recentemente finalizáronse novas obras de acondicionamento, cun investimento superior aos 120.000 euros, froito da colaboración constante entre a Xunta de Galicia e o Concello.

As actuacións máis recentes centráronse tanto na seguridade como na mellora da imaxe do recinto. Renováronse elementos clave como a capa de rodadura dos principais viais e a sinalización horizontal e vertical. Ademais, instalouse un novo e modernizado directorio de empresas, que agora inclúe iluminación nocturna para optimizar a súa visualización.

Contenido patrocinado

stats