Máis de 600 veciños déronse cita no Magosto de Porqueira

TRADICIÓNS POPULARES

Acompañaron o churrasco e o viño con música, dende gaiteiros ata orquestra e saxofonista

Los encargados de la parrilla ponen a punto la costilla y la carne a la brasa.
Los encargados de la parrilla ponen a punto la costilla y la carne a la brasa. | B.L.

"Que viva Porqueira!" berraban os máis de 600 comensais que se achegaron onte ao campo da festa do concello limiao para celebrar o seu xa tradicional magosto, ao que asistiu o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor.

Preto das dúas do mediodía, o espazo xa estaba ateigado de veciños e visitantes que conversaban entre eles mentres se ía enchendo o espazo que serviría de comedor -que tivo que ser ampliado cunha carpa-, abrindo o apetito co olor do churrasco e os chourizos que se estaban a facer.

Logo das abundantes choivas das últimas xornadas, o onte foi un exemplo de tarde de outono na Limia: O ceo nubrado e unha temperatura agradable, que se non fose pola ameaza constante das pingadas puntuais, houbese permitido comer fóra.

Entre tódolos famélicos asistentes podíase ver á alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez, xunto ao presidente da Deputación, Luis Menor, conversando e rindo xunto aos veciños. “Agradezo moitísimo a invitación da alcaldesa para desfrutar ca veciñanza, hai unha gran afluencia de xente que demostra o arraigo que ten esta festa”, afirmou Menor, que afondou na importancia de escoitar á veciñanza e para iso “unha xornada de festa é unha ocasión magnífica”.

Pola súa banda, Susana Vázquez explicou que “estamos moi contentos, esta hoxe aquí máis do 70% da poboación. Somos un Concello moi pequeno pero a todo o mundo lle gusta colaborar nesta festa”. Unha das grandes novidades deste ano é a orquestra que amenizou a tarde: “O magosto deste ano mellor aínda que o do ano pasado, ata temos orquestra!”, dixo Manuel Portela, veciño de Porqueira. “A orquestra é duns rapaces de aquí e quixeron facer o fin de tempada coincidindo co noso magosto”, explicou a alcaldesa.

Durante a celebración recordouse con agarimo a José Rodríguez “Peitos” Dobaño, veciño e concelleiro de Porqueira que lle da nome ao edificio no que se celebra a xuntanza, cunha ofrenda floral da man da alcadesa e coa familia presente.

Os tradicionais gaiteiros que animaron o magosto estiveron acompañados por un veciño saxofonista, que amenizou os primeiros momentos da comida, mentres o churrasco e os chourizos chegaban aos pratos. Non faltaron tampouco as risas maridadas co viño e as anécdotas unha e mil veces repetidas das aventuras da veciñanza, que sen dúbida xa agarda con impaciencia o magosto do vindeiro ano. Que viva o magosto de Porqueira!

Contenido patrocinado

stats