NO ANO OTERIANO
Galería | Polos ríos e montañas de Ourense, en fotos
NO ANO OTERIANO
Que mellor época para falarmos do territorio, dos espazos naturais, das montañas, ríos e paisaxes máis sobranceiros e significados da nosa provincia e dos moitos valores naturais que atesouran que este ano oteriano, así declarado polo Parlamento de Galicia que preside o amigo banduense Miguel Santalices para honrar a poliédrica e inigualable figura de don Ramón Otero Pedrayo (1988-1976); o historiador, xeógrafo, escritor, galeguista e home de ben entregado en corpo e alma a Galicia; e que, cos seus compañeiros da Xeración “Nós”, dedicaron a súa vida a estudar a Terra e a sentila por dentro, a escoitar o seu longo e vagaroso latexar.
Igual que don Ramón recoñecía que grazas á carta xeométrica ou mapa de Domingo Fontán de 1845 puidemos descubrir por fin cal era o auténtico rostro de Galicia; tamén poderiamos dicir que grazas a Otero Pedrayo chegamos a coñecer como era a verdadeira alma de Galicia, como era o noso país “por dentro”; logo dun inxente e detallado traballo en múltiples frontes de análise e interpretación da paisaxe galega; das formas, modos, movementos e asentamentos que ao longo dos séculos fomos creando neste privilexiado territorio situado no hemisferio norte entre os paralelos 41º e 44º, entre as altas montañas orientais e as costas de rías e os extensos areais do litoral, entre o Atlántico e a meseta castelá.
En efecto, Galicia ten o privilexio de ocupar un lugar excepcional no planeta; nas latitudes temperadas, rodeado polo océano, cruzado por unha infinidade de ríos e regueiros, e cunha fisionomía tan variada que mudan os escenarios a cada paso que damos. E son eses cambios, ese devalar que dicía don Ramón, esas mudanzas nos ritmos e nas formas, nas rochas, no chan, nas luces e nos aires as que, consecuentemente, nos regalan unha extraordinaria diversidade adaptada a cada un deses tan cambiantes ambientes. Iso é o que fai tan atractivo o noso país, o da Galicia verde temperada; o da chuvia e as rúas molladas; o das altas montañas nevadas; o da poeira que levantan no estío os tractores nas grandes chairas cuaternarias; o do marisco, os bos viños e a mellor carne do mundo que se crían nestas tan diversas e espectaculares morfoloxías.
Na exposición de motivos da Lei de Protección da Paisaxe de Galicia (Lei 7/2008) que eu promovín dende a Xunta de Galicia a comezos de século facía referencia a esa realidade: ... esa especial morfoloxía fixo que as persoas galegas tivesen que vivir estreitamente xunguidos á terra dun xeito íntimo e sen parangón na xeografía peninsular. Asentados en milleiros de lugares que constitúen practicamente a metade dos existentes no Estado español, esta actividade secular incidiu de xeito diferenciado sobre o territorio, construíndo paisaxes singulares con diferente grao de desenvolvemento, xerando de vez paisaxes culturais de extraordinario valor e que son o reflexo fiel do noso ser e entender Galicia, da nosa identidade. E remataba dicindo: ... a paisaxe é un elemento fundamental da calidade de vida das persoas, e por iso tamén debe ser o reflexo fiel dun territorio e dun medio ambiente de calidade, dunha sociedade en relación harmónica co medio onde primen o uso racional do territorio, o aproveitamento sostible dos seus recursos, un desenvolvemento urbanístico respectuoso e o recoñecemento das funcións principais que xogan os ecosistemas. A Lei da Paisaxe do ano 2008 foi o cerne de moitas cousas e de outras que espero cheguen co tempo, como o Catálogo das Paisaxes de Galicia, a Estratexia e as Directrices de Paisaxe, as guías de boas prácticas e de integración paisaxística, ou a rede de itinerarios de interese paisaxístico; normas, instrumentos e ferramentas das que de seguro Otero Pedrayo, como precursor e pioneiro, ben ledo e orgulloso estaría.
Por todas estas cousas faremos un percorrido polos ríos e montañas da provincia de Ourense, por esas zonas privilexiadas que atesouran valores naturais e paisaxísticos únicos e paradigmáticos, moitas veces excepcionais no ámbito non só de Galicia senón tamén da península ibérica; e por iso gozan dun certo grao de protección conforme á normativa vixente no eido da conservación da natureza, como poden ser os parques naturais, os monumentos naturais, as paisaxes protexidas ou os lugares de interese comunitario (LIC) incluídos na Rede Natura 2000 hoxe declarados Zonas de Especial Conservación (ZEC).
Comezaremos polo norte xirando no senso contrario ás agullas do reloxo, dende a Serra da Martiñá, tan cara e notoria a don Ramón e que el observaba dende os Chaos de Amoeiro e a casa grande de Cima de Vila en Trasalba; para, dende alí, visitar os enormes penedos que asoman na Pena Corneira; e logo as impoñentes morfoloxías das serras noroccidentais que nos separan de Pontevedra: O Testeiro, O Suído e O Faro de Avión. Deterémonos un intre ao paso do Arnoia e remataremos por esta banda de poñente nas grandes serras da raia con Portugal, nese recanto do suroeste ourensán a xeito de ferradura onde se erguen O Leboreiro e O Xurés. Por A Limia lembraremos a vella e extinta lagoa de tantos paxaros que “anubraban o sol”; e, logo de cruzar As Estivadas, pasaremos ás terras que rega o Támega para remontar o río de Laza e deleitarnos na contemplación do gran Macizo Central. Alí instalan soberbias paraxes e extraordinarios redutos de biodiversidade como O Invernadoiro de Vilariño de Conso ou o bidueiral de Montederramo. Centrados na provincia asomarémonos ao norte para contemplar cun sereno e grave gozo o espectacular taxo co que un Sil desatado fendeu en eras remotas o cortizo da terra para crear o que agora coñecemos como Ribeira Sacra. E, xa para rematar, viaxaremos pola banda oriental que nos separa de León e Zamora a partir do Penedo dos Tres Reinos, pola Pena Maseira de A Mezquita, polo teito de Galicia nas Trevincas e seguindo o río Bibei de Viana que articula todo este territorio; para finalizar nese mundo mediterráneo e calcario tan alleo aos nosos acenos e xeitos atlánticos que é a Enciña da Lastra de Rubiá, xa en terras de Valdeorras. Todos estes espazos, ata un total de quince diferentes tendo en conta os solapes entre as varias figuras de protección, ocupan unha superficie de 132.340 hectáreas, o que supón un 18,2% da superficie provincial, concentrado especialmente nas zonas de montaña como son o Xurés, Trevinca e o Macizo Central, pois só entre elas tres suman máis de cen mil hectáreas.
Espero con estes breves apuntamentos axudar algo ao coñecemento das nosas paisaxes e aos moitos valores que atesouran estes espazos naturais, xa sexa en canto a litoloxías e morfoloxías, a especies de fauna e flora ou a hábitats e ecosistemas; que todos eles xunto coa actividade dos seres humanos dende épocas prehistóricas axudaron a crear os impoñentes escenarios que hoxe podemos contemplar para maior gloria de Galicia. Esas paisaxes onde pousa docemente a memoria dos antepasados e deberían ser a base onde proxectarmos o noso futuro. É tamén o meu xeito de homenaxear a don Ramón Otero Pedrayo neste seu ano, porque ninguén soubo interpretar como el, con tanta ciencia, corazón e sentimento, a paisaxe galega. Aproveitarei tamén a oportunidade que me dá La Región para animar a preservación deses espazos merecedores da nosa atención; ese espertar das conciencias aos que algúns dedicamos a nosa vida, loitando contra a lacra dos incendios, a destrución dos montes e as súas masas arboradas; na defensa desas paisaxes tan mudables e cambiantes, hoxe en gran parte abandonadas polo cese da actividade humana, pero que sempre sentimos tan nosas e tan próximas; na defensa da biodiversidade e da calidade das augas dos ríos e encoros; e, en definitiva, do que moitos creemos que merece a pena, porque está intimamente xunguido ao benestar, á saúde e a calidade de vida das persoas; e porque todos, sen esquecer ás xeracións videiras, temos o dereito a gozar dun medio ambiente san e de calidade, tal e como recoñece o artigo 45 da Constitución Española.
Que dúbida cabe que estas paisaxes, das que tanto nos gabamos e que tanto se valoran en feiras e certames, dende os cumios nevados de Trevinca ata as fendas máis profundas da Ribeira Sacra, pasando polas engrobas e cavorcos do Invernadoiro, son unha das nosas grandes fortalezas; razón das custosas campañas publicitarias pagadas con cuartos públicos no eido do turismo rural; o que non concorda ás veces con determinadas políticas e proxectos fomentados por eses mesmos poderes públicos; e tamén, por suposto, coa falla de alicientes que animen ao aproveitamento produtivo das terras hoxe en gran parte abandonadas, esas prácticas agropecuarias que durante tantos séculos axudaron a manter o hábitat rural e as paisaxes agrarias tradicionais; ese vello complexo agrario que con tanto acerto e admiración estudou Abel Bouhier a mediados do século XX, e que hoxe desaparece comesto polas matogueiras que axiña devoran os lumes que con tanta frecuencia visitan a nosa provincia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
NO ANO OTERIANO
Galería | Polos ríos e montañas de Ourense, en fotos
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este domingo, 26 de abril
Lo último
UNA VIDA DE COLECCIÓN (XXVII)
Galería | Todo empezó con una carcajada
Jorge Vázquez
SENDA 0011
La trampa del modelo