Natalia Prieto: “Somos a porta á que chaman os alcaldes para atopar solucións”

CAFÉ DE REDACCIÓN

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, debulla o papel crucial do seu departamento para os concellos galegos na busca de solucións

Momento da entrevista a Natalia Prieto, realizada no plató de Telemiño.
Momento da entrevista a Natalia Prieto, realizada no plató de Telemiño. | Xesús Fariñas

Natalia Prieto, directora xeral de Administración Local, senta no Café de Redacción para debullar o papel crucial do seu departamento como a “porta á que chaman os 313 concellos galegos” na busca de solucións. Na conversa, a directora xeral aborda a complexa realidade galega, marcada polo reto demográfico, e defende a necesidade de dotar de servizos ao rural para fixar poboación. Prieto subliña o compromiso da Xunta co municipalismo, que só o ano pasado se traduciu en 32 millóns de euros para case 700 proxectos locais, vitais para concellos que, como moitos en Ourense, teñen dificultades “simplemente para sobrevivir”.

Pregunta.Comecemos definindo a función da Dirección Xeral de Administración Local. Cal é o seu papel na xestión das políticas públicas de Galicia?

Respuesta.A Dirección Xeral de Administración Local é o departamento da Xunta encargado da relación cos 313 concellos, coas catro deputacións provinciais e tamén co resto das entidades locais como poden ser os consorcios e as mancomunidades. O noso principal obxectivo é servir de enlace entre a Xunta de Galicia e as entidades locais. Eu sempre digo que a nosa dirección xeral é esa porta ´s que poden chamar todos os concellos cando teñen que resolver algún problema. A Xunta de Galicia mantén un firme compromiso cos concellos galegos, que se evidencia e concreta, entre outras cuestións, a través das distintas liñas de axuda que se articulan a través da Dirección Xeral de Administración Local. Estas axudas constitúen un claro apoio para a prestación de servizos e a realización de proxectos que terían difícil ver a luz con recursos unicamente municipais. Só o ano pasado, distribuíronse, a través da Dirección Xeral de Administración Local, máis de 32 millóns de euros para a execución de case 700 proxectos municipais mediante liñas de axuda específicas. Estas axudas son de diversa índole, dende achegas para mellorar as infraestruturas de uso público ou para financiar gastos de persoal, ata achegas para desenvolver proxectos estratéxicos de tipo industrial ou económico.

P.¿Cales son os principais problemas que presentan os concellos galegos?

R.Os problemas nunca son os mesmos. A realidade galega é moi diferente, non é o mesmo a situación que teñen as zonas do interior como Ourense ou a montaña lucense que a dos concellos da costa atlántico de Pontevedra e A Coruña, onde a poboación é maior e tamén a capacidade económica e a posibilidade de acceder aos recursos públicos. En Galicia temos 313 concellos, dos que 201, un 64%, teñen menos de 5.000 habitantes e 37 teñen menos de 1.000 habitantes, a maior parte na provincia de Ourense. A dificultade destes concellos, en moitas ocasións, é simplemente sobrevivir. Acoden a Xunta porque teñen problemas para financiar o seu gasto corrente como poden ser facturas ou o pago de nóminas. Por iso nos últimos anos estamos orientando as nosas políticas para priorizar que as axudas cheguen aos pequenos concellos. Dos 313 concellos galegos, 303, o 97%, solicitaron algunha axuda e dos 303 solicitantes, 292, o 93%, recibiron unha subvención.

P.Atendendo a esas diferenzas entre concellos, se poñemos o foco na provincia de Ourense, ¿cal é a medida estrela?

R.A Xunta de Galicia aprobou hai catro catros anos a primeira lei de impulso demográfico de España, que nos permite enfocar as nosas actuacións con perspectiva demográfica. En Galicia hai 83 concellos en risco de despoboamento e a maior parte están en Ourense. Temos focalizado ese problema, pero para lograr afianzar poboación no rural, temos que dotalo de servizos públicos. Se falamos da provincia de Ourense, concretamente o ano pasado un total de 194 proxectos por un importe de 7,2 millóns de euros. Proxectos de todo tipo, pero basicamente para mellorar a eficiencia enerxética das infraestruturas municipais porque así conseguimos baixar o gasto corrente dos concellos e que se poidan destinar cartos a outras cuestións.

P.Unha das cuestións que está enriba da mesa para dotar de máis recursos aos concellos é o tema das fusións. Cre que o futuro das entidades locais galegas pasa por esta fórmula?

R.En Galicia somos pioneiros no impulso de fusións de concellos como foron os casos de Cerdedo-Cotobade e Oza-Cesuras que trouxeron numerosos beneficios dende o punto de vista económico. Non cabe dúbida de que cando aumenta o tamaño dun municipio, aumentan as posibilidades de conseguir financiamento e poder poñer en marcha máis servizos públicos. Dende a Xunta imos seguir apoiando as fusións porque creemos nelas, pero recalcando que é unha cuestión voluntaria, que ten que partir da vontade dos alcaldes e dos veciños. Pero non só imos apoiar as fusións, senón tamén cuestións colaborativas porque creemos que o futuro pasa porque os servizos públicos sexan compartidos, non ten sentido duplicar servizos en zonas limítrofes cando se poden compartir. Polo tanto, temos un amplo abanico de fórmulas para conseguir frear o despoboamento en determinados territorios.

P.Vostede ve cada día a realidade que viven os concellos. Que cambios estruturais ou normativos pensa que serían precisos para mellorar a eficacia das administracións locais?

R.En Galicia temos o mesmo modelo local dende hai moito tempo e polo tanto moitas prácticas están instauradas dende fai anos, pero a realidade da vida dos veciños ten mudado moito nos últimos 30 anos. Un dos principais problemas para poñer en marcha os cambios necesarios nos concellos é que falta persoal. A maior parte dos concellos galegos o único persoal funcionario que teñen é o secretario ou o interventor. Polo tanto, por moita vontade que lle poñan en introducir os cambios necesarios, teñen unha capacidade técnica e orzamentaria moi limitada. Os cambios para mellorar o seu funcionamento pasan por que os alcaldes poidan contar cunhas estruturas dimensionadas e acordes aos servizos que teñen que prestar. Para acadar isto, volvo apelar a que é necesaria a colaboración. O papel das deputacións provincias é clave á hora de prestar ese auxilio aos concellos para que estes poidan modernizarse. Dende a Xunta tamén intentamos axudar neste sentido. Contamos coa Axencia Galega de Innovación, que está implantando plans de innovación en moitos concellos. Eu tamén animo sempre aos propios alcaldes a innovar para seguir mellorando os servizos que prestan aos veciños.

Natalia Prieto, directora xeral de Administración Local.
Natalia Prieto, directora xeral de Administración Local. | Xesús Fariñas

"O Goberno está a darlle as costas á Galicia baleirada"

P.Cales son as principais demandas que chegan dende a zona de Vigo?

R.A realidade das grandes cidades é moi diferente, xa que teñen moitas máis vías para conseguir financiamento. Para garantir a suficiencia financeira das entidades locais, a Xunta realizou unha inversión global histórica en 2025 de 644 millóns de euros, nunca na historia dos orzamentos se dedicara tanto diñeiro aos concellos. No caso das grandes cidades, existen unhas achegas a través do Fondo de Cooperación Local que se inxectan directamente segundo as súas necesidades. No caso concreto de Vigo son 6 millóns de euros os que transferimos a través deste fondo para que poidan ser utilizados nas necesidades que precise o Concello, ademais temos todas as inversións que realizan os diferentes departamentos e consellerías do Goberno galego. Dende a Dirección Xeral de Administración Local temos unha medida estrela que é a que dá voz aos veciños a través das diferentes axudas que concedemos as asociacións veciñais. Precisamente, a área metropolitana de Vigo é a zona dende a que recibimos a maior parte de solicitudes para estas axudas debido a que contan cun movemento veciñal moi activo. Habilitamos cada ano 4 millóns de euros para que as diferentes asociacións veciñais de Galicia fagan fronte a reparacións nos seus locais e poidan desenvolver as súas actividades o cal é moi importante. Por exemplo, no caso de Vigo, que está formado por numerosos distritos, as diferentes asociacións funcionan como interlocutores fundamentais para dar a coñecer as necesidades de cada zona.

P.A Xunta leva anos reclamando un novo modelo de financiamento local que preste atención ás características de cada territorio. Existe moito desfase entre o modelo estatal e o autonómico?

R.Hai que deixar claro que o problema que temos hoxe en Galicia non son os fondos que transferimos aos concellos, senón o modelo de financiamento. A competencia no sistema de financiamento, tanto autonómico como local, é do Estado. Dende a Xunta tratamos cada ano de incrementar os fondos para os concellos, pero a nosa competencia é limitada. Por iso levamos anos reclamando ao Goberno central un cambio no modelo actual para que se teñan en conta as dúas características básicas de Galicia: a dispersión poboacional e o envellecemento. Ademais, agora mesmo estamos absolutamente infrafinanciados. Segundo os cálculos da Consellería de Facenda temos un déficit de financiamento duns 700 millóns de euros. Vostede comprende que con esa cantidade de diñeiro poderíamos mellorar moitos servizos municipais. Polo tanto, axudar aos concellos non é son darlles máis cartos como estamos facendo, senón tamén reclamar que se melloren os criterios de financiamento.

P.Está soa Galicia nesta reclamación?

R.Nós reclamamos o noso, pero parece que o Goberno do Estado está máis preocupado en condonar débeda a outras comunidades autónomas que en solucionar os problemas dos diferentes territorios. A maioría de comunidades reclamamos ese novo modelo de financiamento porque o actual está obsoleto. A España baleirada é a día de hoxe unha realidade e Galicia é un dos territorios máis afectados, polo tanto o que non se pode facer é darlle as costas a este problema como fai o Goberno.

P.O seu departamento tamén está implicado na incorporación das novas tecnoloxías. Como se está xestionando a dixitalización dos concellos?

R.É outro dos grandes retos que afrontan os concellos. Na última década os avances tecnolóxicos foron abafadores e os cidadáns reclaman cada vez servizos máis áxiles, pero en moitas ocasións as administracións locais non poden seguir ese ritmo. Por iso, dende a Xunta de Galicia poñemos a disposición dos concellos, de xeito gratuíto, un amplo catálogo de ferramentas tecnolóxicas que poden utilizar. Estamos falando de ferramentas como os sistemas de licitación electrónica ou os rexistros online. É unha ferramenta que ademais permite a colaboración entre administración e facilita que o cidadán non teña que estar presentando os mesmos documentos en dúas administracións diferentes a hora de realizar determinados trámites. Hai moitos concellos que xa están adheridos a esta plataforma pero é importante que os que non estean se vaian sumando para poder facilitar a vida dos seus cidadáns. Outro exemplo moi claro é a ferramenta de revitalización rural nas aulas CeMIT. Trátase de aulas creadas nas principais cabeceiras de comarca para avanzar na educación dixital e na formación tecnolóxica dos nosos maiores, co obxectivo de que ninguén quede atrás.

P.Que atención se lle presta a cuestións como a lingua ou patrimonio cultural no desenvolvemento dos concellos?

R.A Dirección Xeral de Administración Local funciona como órgano coordinador das políticas dos diferentes departamentos da Xunta que teñen competencias específicas en materia de patrimonio cultural, medio ambiente, política social… e que van poñendo en marcha medidas nos diferentes concellos. Un dos grandes valores que temos na nosa comunidade autónoma é a estabilidade e a coordinación para localizar os problemas nun territorio en concreto e aprobar plans sectoriais, que inclúan medidas de varios departamentos, e que realmente poidan dar resultados.

R. Internamente, temos unha comunicación constante a través de reunións semanais onde se poñen en común e se coordinan todas as medidas que aprobamos. Unha boa mostra disto é o noso orzamento, onde cada ano se ven reflectidas as nosas prioridades. Isto é posible pola grande estabilidade da que goza Galicia, que nos permite ser capaces de aprobar en tempo e forma un orzamento para poder contar cunha planificación, e para poder por en marcha servizos que nos permiten adaptarnos as necesidades e demandas que nos trasladan tanto alcaldes como veciños.

Contenido patrocinado

stats