Pena Trevinca, o teito de Galicia
POLOS RÍOS E MONTAÑAS DE OURENSE
Xosé Benito Reza permítenos viaxar polos ríos e montañas de Ourense cunha nova entrega, nesta ocasión, sobre Pena Trevinca
Ficha ZEC
Superficie: 24.894 hectáreas
Altitude máxima | Pena Trevinca: 2.127 metros
Concellos: Viana do Bolo, A Veiga, Carballeda de Valdeorras e O Bolo
Logo da visita o domingo pasado ás terras de Viana, é hora de procurar novos horizontes na parte central desta ZEC que chamamos, xenericamente, “Pena Trevinca”; un universo onde agora un novo río, o Xares, adquire un compromiso permanente con todas as terras en rodopío que xa non son de Viana senón do concello de A Veiga. Un río que, ao contrario do que lle acontece ao Bibei, nace, medra e desenvolve todo o seu curso no país que andamos a analizar; marcando a fisionomía dunha das áreas máis atractivas desta nosa Galicia chea de matices, sinaladamente da Serra do Eixo e da Serra Calva. Imos dende o Alto do Covelo polo concello de A Veiga cara ao corazón da montaña seguindo un val espectacular, o val do río Xares; un río de augas prístinas por onde vemos remontar os escalos do encoro e que a estrada vai seguindo fielmente dende a capitalidade municipal ata A Ponte polas parroquias de Baños, Valdín, Seoane e Xares.
Hai nestas terras altas reboleiras cubrindo como manta inmensa a corga pola que marcha o río. Ao cruzar a ponte do lugar de Xares, emprazada na cota de mil metros, xa se nota con ser ribeira a presencia da montaña, a brisa fresca que vén da serra e que nos calorosos veráns enguedella toda a cohorte de gramíneas pratenses que viven nestes campos polos que imos camiño da fin do mundo galaico, caso da Poa legionensis e a Agrostis tileni que son endemismos do noroeste peninsular, da Luzula caespitosa e tamén da herbácea Centaurea langei. O lugar de A Ponte, no cruce do río co regueiro dos Poulos que vén da lagoa de Ocelo, marca o principio do camiño terreño para quen teña peito e folgos para subir ata o teito de Galicia. Hai alí un centro de visitantes que se merece todos os nosos parabéns; igual que o merecen outras cousas de proveito que andan a facer dende este concello, como o centro astronómico declarado Destino Starlight, a rede de rutas de alta montaña, e agora a praia fluvial dos Franceses no encoro de Prada que foi distinguida hai pouco coa primeira bandeira azul da provincia.
Penetrar no mundo que vén logo de A Ponte é coma entrar nos soños de London, daquel Yukon ou das terras finais da Última Thule; unha paraxe acantonada no fantástico labirinto de serras que veñen do leste pola fronteira máis monumental. Velaí un dos vales glaciares máis espectaculares de Galicia na inminencia piramidal de Trevinca e por onde devalaba en tempos unha lingua glaciar duns 10 qm de lonxitude e 200 m de espesor. Velaí o camiño dos montañeiros na procura dos ceos que ultiman Galicia; da ruta PR-G 199 que vai a Trevinca pasando pola ponte do Meladas, o Sestil Alto e a Valigota ou Lombo do Rocín; co espectacular circo glacial do Foio Castaño precipitándose a man esquerda (vítima do incendio do ano pasado que arrasou preto do 20% desta área protexida), e a grandiosa cabeceira do río Xares afundindo pola dereita. Alí está tamén, remontando o río que xa é regueiro e coma testemuña senlleira daquel tempo dos grandes fríos, a lagoa da Serpe onde se reflicte a face núa da serra máis alta, pendurada no último relanzo e á que podemos acceder pola ruta PR-G 200 de O Fial que pasa tamén pola lagoa de Ocelo.
Vexetación
Moi lonxe quedan as reboleiras mediterráneas acubilladas na corga do Bibei e acompañadas polo piorno espiñento (Genista falcate) nese sector que chaman Ourensán-Sanabriense. Estamos agora de novo no dominio das reboleiras de montaña que viven nese chanzo intermedio entre os 800 e os 1.600 metros de altitude e onde son frecuentes os piornos e a xesta negra. Arboredos espléndidos como os que progresan polo val glacial do río Canda, sempre no concello de A Veiga; con turbeiras alternado cos cerquiños entre morenas e ombreiras glaciares, e tamén por veces con cancereixos (Sorbus aucuparia); un val paradigmático, traballado polos xeos dende unha cota próxima aos 1.300 metros e coa característica forma en artesa. Unhas reboleiras que cando se degradan deixan paso ás matogueiras de xestas e piornos orófilos das especies Genista obtusiramea, Cytisus scoparius e multiplorus, e tamén á uz branca e á carqueixa; conformando entre todas o hábitat de interese comunitario das uceiras oromediterráneas con toxos (código rede natura 4090). E tamén veremos nas zonas altas e húmidas, seguindo os regueiros ou deslindando os últimos prados que suben pola cubeta do Xares a xeito de valioso e rechamante “bocage” os resistentes e sacrificados bidueiros.
Vai por fronte, a un tiro de pedra, a enorme cordal na procura da cota dos dous mil metros ao que non chega Ancares por uns poucos metros. A estas alturas a cobertoira vexetal comeza a sufrir os rigores do clima de montaña, e nas penechairas onde chantan as malladas e andan as vacadas en extensivo xorden coma en Manzaneda os cervunais de altura, sempre por riba dos 1.600 metros; e tamén as turbeiras de esfagnos tan valiosas e fráxiles; e outras rarezas que só teñen acubillo neste derradeiro chanzo ao que chega Galicia antes de tocar o ceo. Plantas excepcionais porque escaso e limitado é o seu hábitat na alta montaña, nestes ambientes estremados camiño dos pisos alpinos aos que Galicia non chega porque é terra soidosa do mar. Estamos a falar dunhas matogueiras baixas e almofadadas pertencentes a asociación Genisto sanabriensis-Juniperetu nana e ao hábitat da rede natura “formacións montanas de Cytisus purgans” que levan o código 5120; e onde aparecen como especies principais: o piorno da serra (Cytisus oromediterraneus), a aulaga ou gatiña sanabriense (Genista sanabrensis) que é un endemismo ibérico, e as medicinais xanzá (Gentiana lutea) e surbias (Veratrum album); e outros elementos de modesta presenza que axudan, como en Ancares, a colonizar os últimos territorios de montaña neste piso orotemplado superior, caso dos cimbros (Juniperus communis sb. nanus e alpina) que medran nos lugares máis expostos e penedosos e as arandeiras comúns e de turbeira (Vaccinium myrtillus e uliginosum). E tamén podemos ver narcisos endémicos de flor amarela (Narcissus asturienses), lirios azuis (Iris latifolia), queirugas (Erica tetralix) aló onde gorgolexan os solos máis húmidos xunto coa Drosera rotundifolia que é unha planta carnívora, e a Dechampsia flexuosa, unha gramínea E tamén, por suposto, os teixedos de Taxus baccata que é un hábitat prioritario e que veremos a semana que vén. Por último, nas cumieiras e chanzos máis elevados, aló onde en tempos un enorme casquete glacial cubría todos estes relevos, aparecen os pasteiros de Festuca indigesta, conformando outro hábitat de interese comunitario co código 6160. En fin, todo un mundo vexetal de enorme valor ecolóxico, un mundo cohibido e achantado na estrema gravidade dos máis altos e espidos espazos abertos de Galicia; aló onde a vida sofre e teima por saír adiante fronte aos embates dun clima aciago e feroz.
Así chegará o viaxeiro a aquela insólita congregación de cumieiras onde toca teito Galicia: Pena Trevinca (2.127), Pena Negra (2.123), Pena Surbia (2.112) e O Alto do Fial (1.841) onde comeza a Serra Calva que nos separa de Zamora. Por detrás, na Serra Segundeira onde nace o Tera de Sanabria vai un mundo aínda máis devastado, de grandes volumes comestos polos xeos de hai trinta mil anos. E contan que iso se debe a que ao estar aquelas terras a sotavento das frontes polares que chegaban na era dos glaciares, amoreou por aquela banda moita máis neve que pola nosa; e por iso a desfeita que fixeron os glaciares pola banda da lagoa de A Baña e do impresionante glaciar do Tera foi aínda máis demoledora. Agora, por riba, xa non hai máis terra que a que vai nos soños dalgún cazador de ventos ou dun tecedor de nubeiros.
Outros camiños
Tamén pode o viaxeiro achegarse a estas insolencias orográficas pola Serra do Eixo, orografía magnífica que se proxecta dende Trevinca cara ao noroeste marcando o límite augas vertentes entre os concellos de A Veiga e Carballeda de Valdeorras. Unha serra que ademais de bater nas mesmas portas de Trevinca (cousa que aproveitan os montañeiros para achegarse a ela dende o lugar de Vilanova), ten tamén o seu olimpo particular: o Maluro a 1.934 metros de altitude. Terras, todas elas, moi forestais; de espalladas repoboacións de piñeiros silvestres de cortizo alaranxado polas ladeiras meridionais de Vilanova, Meixide, Lamalonga e Riomao, e que van aguantando a duras penas o embate dos incendios.
Facemos a última aproximación a esta ZEC pola estrada que sae de Sobradelo ao pé do Sil cara a Casaio e os montes da fin do mundo galaico. Un remonte cunha pendente tan extraordinaria que segundo os botánicos estamos ante unha das distribucións vexetais en altura ou “catena” máis espectaculares de Galicia. En efecto, naquela dura ascensión cara á Serra Lardeira e os Montes de Casaio pasamos nun suspiro do mundo tremelucente, quente e mediterráneo de aciñeiras, xaras, tomiños e cantroxos, ao mundo superior das altas penechairas nevadas, dos circos glaciares e a apoucada vexetación rastreira que coloniza os solos onde se consume Galicia definitivamente. Un remonte que nos leva dende os 350 metros pé do Sil ata os 1.800 metros na Fonte da Cova, cun gradiente térmico que supera os dez graos centígrados. Por se fora pouco estamos agora nunha terra de formas e acenos ben diferentes aos que vimos antes; aquí xa non hai granitos a xeito de bolos ou castelos, nin tampouco gneises de ollo de sapo, nin sequera os grandes e rechamantes bloques erráticos que os xeos transportaron hai miles de anos; entramos agora na terra das lousas que caracteriza a Galicia oriental montañosa, unhas rochas que, como sabemos, dan lugar a unhas fisionomías en grandes lombeiros de pronunciadas vertentes que van esmiuzando os ríos e regueiros. E, por esa razón, o que agora vemos no remonte e ata moi preto dos cumes son as crueis pegadas da actividade mineira atacando os lombeiros; as profundas poutadas da extracción de lousa nos contrafortes da serra; desmontes, noiros e unha derruba espantosa mentres marchamos co corazón encollido cara ao teito de Galicia. Casaio está contra o cerne aberto da montaña, un traballo de home famélico; mentres, por fronte, lonxe e cara ao sueste, camiña o cordal inmenso. A partir dos 1.200 metros comeza a desaparecer o arboredo e os cerquiños ou ben son substituídos polas xesteiras e pioneiras de Citisus scoparius e Genista florida subsp. polygaliphylla; ou ben se refuxian nas corgas xunto cos seus compañeiros os acivros, cancereixos, freixos, amieiros e abeleiras; sabedores todos de que ese é o único lugar seguro para defenderse da ira descontrolada dos incendios. E así, conforme imos gañando en altura, collendo máis luz e perdendo solo, veremos como, paseniño, vai dominando as pinas ladeiras a cobertoira mesta de uces vermellas e carqueixas amarelas, esa matogueira tan típica das nosas montañas centrais e orientais.
Na Fonte da Cova, a 1.780 metros, chegamos ao punto máis alto da ascensión; lugar de saída da ruta que, seguindo a dorsal que limita con León, alcanza Pena Survia e os demais picos. Unha terra herbácea e pecuaria; de cabalos e vacas de andar pousón pacendo estas campas soleadas; planicies somitais arrasadas polos glaciares do Pleistoceno e onde, durante milleiros de anos, pousou un inmenso casquete de xeo. Paso habilitado para achegármonos ao macizo de Trevinca apegados aos nacentes dos ríos San Xil e Valborraz, os do famoso Teixadal e da mina dos alemáns. É esta unha paisaxe alpina, onde se aprecia claramente o rabuñar dos xeos, as ombreiras glaciares e as profundas fendas que marcan os grandiosos anfiteatros naturais. Paraxes recollidas berce dos ríos nomeados, e que abrollan moi próximos ao pé destas insolencias orográficas: o Bibei, o Xares e o Casoio; e tamén o Tera de Sanabria que nace do outro lado da corda, para crear algo máis adiante o gran lago de Sanabria.
Fauna
Houbo un tempo, moi longo, no que estas montañas gardaban celosamente unha fauna que hoxe, por desaparecida hai tantos anos, se nos antolla máis propia do mundo das lendas que da terra que pisamos. Así, contan que o primeiro grande herbívoro que se debeu perder foi o gamo que cita Madoz (que supoñemos reintroducido en tempos históricos). E logo a cabra montesa que se extinguiu máis ou menos cando da desaparición da cabra do Xurés aló polos fins do século XIX. E o veado, que polo visto tamén era moi abondoso hai un século, desapareceu polos anos da guerra civil para ser logo reintroducido polos xestores do coto de Xares. E, por aquela mesma época, aínda era notoria a presencia do rebezo, unha especie cuxo derradeiro avistamento parece que foi en 1970. Ademais destes poderosos e espléndidos ungulados que campaban ceibes polas Trevincas e os Montes de León, tamén existe constancia certa da presencia da pita do monte que algúns aínda querían ver non hai moitos anos no Teixadal de Casaio. E igual sorte desgraciada aconteceu co lince, fermosísimo felino que chegaba na súa distribución ata o macizo galaico-leonés hai máis dun século; un mamífero que podería ser non o lince “ibérico” (Lynx pardinus), senón o “boreal” (Lynx lynx), moito máis grande e poderoso. Pero, sen dúbida, de todas estas especies foi o oso a perda máis significativa. Parece que o enorme plantígrado abandonou estas terras aló pola década dos corenta ou cincuenta do século pasado, naqueles anos de guerrilla e loita armada, de Manuel Girón e camaradas que exhalaron aquí, na inmensidade cósmica da fin do mundo galaico, o seu derradeiro alento (os restos do famoso guerrilleiro foron exhumados e identificados hai pouco). E, precisamente, por ser esa a ausencia máis significada, tamén podemos dicir agora, gozosamente e logo de tantos anos, que o oso pardo está de volta; así o confirma a recente aparición de pegadas e danos varios en alvarizas en A Veiga, Carballeda e Vilamartín de Valdeorras; chegando incluso un exemplar ao Parque Natural do Invernadoiro onde foi gravado por unha cámara de fototrampeo hai agora seis anos. Todo apunta pois a que o gran plantígrado está expandindo os seus dominios dende a Cordilleira Cantábrica (da que nunca chegou a desaparecer), ata estas montañas, procedente seguramente da Serra do Courel e o Alto Sil, espallando a súa área de distribución ata a veciña Cabreira e os montes de Sanabria.
Malia a sorte que tiveron estas grandes e poderosas especies, reducidas e illadas no derradeiro recanto de Galicia antes da súa extinción, aínda podemos descubrir hoxe algunhas notables creacións da natureza galega nestas paraxes finais. Son un total de 162 especies de vertebrados entre os que destacan o corzo, o xabarín, o lobo, o gato montés, a lebre ibérica, a londra e outros mustélidos; a aguia real e a albela, o falcón peregrino, a tartaraña cincenta e a gatafornela, e tamén a perdiz charrela típica destas montañas (Perdix perdix hispaniensis) que sufriu unha forte regresión nas últimas décadas e por iso aparece clasificada no Catálogo Galego de Especies Ameazadas coa categoría de “vulnerable”. E hai tamén outras menos evidentes pero igualmente importantes como a auganeira, a rata de auga do norte, a toupeira ou corta das neves; a pica alpina e a campestre, o merlo rubio, o pedreiro cincento, o escribidor riscado e o chasco do norte; e en réptiles e anfibios o sapo corriqueiro e o cunqueiro, a salamántiga común e a rabilonga, o lagarto arnal, a lagartixa da serra e dos penedos, o escáncer e a perigosa víbora de Seoane, e nas brañas e turbeiras de altura a ra vermella e a ibérica.
Marchamos cara embaixo, camiño de Valdeorras, para mergullarnos no mundo mediterráneo máis puro e contemplar aquela marabilla última que chaman a Serra da Enciña da Lastra, lugar onde remataremos esta viaxe.
Contenido patrocinado