A Ribeira Sacra, flora e fauna nas ribeiras miñota e siliense
A Ribeira Sacra, flora e fauna nas ribeiras miñota e siliense | La Región

A Ribeira Sacra, flora e fauna nas ribeiras miñota e siliense

POLOS RÍOS E MONTAÑAS DE OURENSE

Terra de bosques, viñas e mosteiros

Ficha técnica

ZEC “Canón do Sil ”

Superficie: 5.961 hectáreas

Altitude media: 416 metros

Concellos : Nogueira de Ramuín, Parada do Sil, Sober e Pantón

Como xa dixemos a semana pasada a Ribeira Sacra foi declarada pola Xunta de Galicia Zona de Especial Conservación (ZEC) da Rede Natura 2000 co nome de “Canón do Sil”; en consideración a que, ademais da espectacularidade e o innegable atractivo destes escenarios, aparecen aquí hábitats naturais e hábitats de especies catalogados como de interese comunitario. Estamos a falar de moitos dos hábitats que xa vimos anteriormente, caso das uceiras secas europeas (código 4030), das pendentes rochosas silíceas con vexetación casmofítica (código 8220) nas impresionantes cortadas dun dos canóns fluviais máis famosos da península, das carballeiras galaico-portugueses (código 9230), por suposto dos magníficos soutos de Castanea sativa (código 9260) que enchen estas profundas ladeiras de agarimosas e cada vez máis cobizadas sombras; e, sobre todo, de algo que inda non vimos e que responde á espectacular entalladura que crea aquí o gran río nun ambiente de características indubidablemente mediterráneas: as aciñeiras de Quercus rotundifolia que acadan aquí o seu límite occidental.

Flora

En efecto, a importante biodiversidade da área débese tamén a que nos atopamos de novo no encontro entre eses dous mundos ou biorrexións que sempre se resolve nun aumento da riqueza biótica, con presencia de comunidades vexetais tipicamente ibéricas en íntima comuñón con outras acostumadas á influencia moderadora do océano. Así, se nas terras elevadas de Chantada, Carballedo, O Saviñao, Pantón e no interfluvio Miño-Sil que ocupa a depresión de Lemos priman os ambientes atlánticos coa súa orla de especies propias da rexión eurosiberiana, e que os expertos enmarcan coroloxicamente na provincia cántabro-atlántica do sector galaico-portugués; no val encanastrado do río Sil o clima arroxa índices de elevada mediterraneidade e sequidade estival, de tal xeito que todos estes tramos fluviais, tan encaixados, poderiamos encravalos na rexión mediterránea, sector ourensano-sanabriense da provincia carpetano-ibérico-leonesa. Indubidablemente, a presencia, disposición e magnitude dos conxuntos montañosos que vimos en anteriores entregas fan de barreira ante as frontes que chegan do Atlántico; e o val do Sil, en “sombra de chuvia” por este feito, vólvese máis mediterráneo que atlántico, ou submediterráneo, como sinalan algúns autores.

Domeando a paisaxe máis brava
Domeando a paisaxe máis brava | Tursimo Ourense

Por outra banda, e ademais do clima e da litoloxía en canto elementos decisivos para a construción da cuberta vexetal, debemos engadir outro feito significativo: atopármonos na rede de drenaxe máis importante de Galicia (o sistema Miño-Sil), e esta realidade xeográfica determina que outras especies non propiamente atlánticas teñan acadado por este gran corredor fluvial que chega ata A Guarda, paraxes tan distantes como nas que agora nos atopamos; caso do loureiro, da sobreira e do érbedo. Así é, e por ese motivo os expertos consideran que aínda que Galicia é un territorio onde prima o “macrobioclima temperado”, caracterizado pola ausencia ou moi escasa seca estival; nalgunhas áreas xeográficas situadas no extremo sueste da rexión, como pode ser o Canón do Sil ou os vales de Quiroga e Valdeorras, aparece o “macrobioclima mediterráneo”, caracterizado porque durante os veráns hai un período de dous ou máis meses nos que a temperatura media mensual en graos Celsius é superior a dúas veces a precipitación dese mes en milímetros; sendo eses dous meses “secos” a duración mínima esixida para que o clima sexa considerado como mediterráneo, ou mellor, como variante mediterránea do macrobioclima temperado. E son precisamente estes territorios os que coinciden, en liña xenerais, coas áreas de presenza dun tipo de vexetación chamado termófilo esclerófilo, e cuxo paradigma son os aciñeirais de Quercus rotundifolia (código rede natura 9340) que aparecen no canón do Sil; o que vén confirmar a posición bioclimática fronteiriza do territorio galego, sendo as cuncas media e baixa do río Sil onde se concentra o maior conxunto florístico de distribución mediterránea de todo o noroeste peninsular.

De Belesar á Ponte da Abeleda

Se entendemos, como teñen apuntado algúns autores, que o marco xeolóxico é o grande “escenario” da paisaxe, veremos como a vexetación asume agora o papel de “decorado”, e como a fauna e nós mesmos somos os “actores” nestas grandes obras da natureza que andamos a visitar. E, para ver esas paisaxes, é preciso que o noso estático observador comece a súa andaina á altura de Belesar para ir río Miño abaixo, e subir logo polo Sil ata a Ponte da Abeleda. Encima de Belesar, pola superficie fundamental de Chantada truncada polo Miño, estamos na Galicia máis verde, á que aínda chegan con forza as frontes oceánicas. Hai alí mestas carballeiras de Quercus robur, e onde máis pecha o bosque viven silvas (Rubus sp.), madreselvas (Loniceras sp.) e varias especies de fentos; moitos castiñeiros, algunhas cerdeiras bravas que no outono incendian o bosque coas súas labaradas vermellas e amarelas, nogueiras na inminencia humana, e campos verdes, millo e parras na entrada dos lugares. E tamén vense piñeirais de repoboación de pino bravo ou marítimo (Pinus pinaster). Os bidueiros marcan aquí as lindeiras no mosaico de agras onde a tona da terra se fai máis húmida e pesada; e as vimbieiras e os salgueiros perfilan o contorno itinerante dos regueiros, corgas insinuadas que percorren, tenteando lentamente, estas superficies horizontais. Mais alá, onde a paisaxe na súa estrutura perde un estrato pola desaparición do arboredo, asoma o mato máis atlántico de todos: as toxeiras altas de toxo arnal (Ulex europaeus), e unha queiruga que vive ben nestas alturas: a queiruga maior (Daboecia cantabrica) de grandes corolas colgantes típica destes climas atlánticos; e tamén a xesta dos varredores (Cytisus scoparius), verde e de alta talla. Os pobos da depresión de Lemos que espallan cara ao nacente son de cor ocre, unha terra sedimentaria tan chaira que na distancia despuntan como en Castela as espadanas; pero aquí, nestas superficies achanzadas do Miño, as casas aínda presentan a cara gris do consistente granito, e por sombreiro en troques de lousas levan tella árabe.

Os lugares culminan as rasantes entre cerdeiras bravas, cipreses e froiteiras: pero conforme avancemos cara a Os Peares iremos notando a quentura que emana da gorxa fluvial.

Pero xa é hora de comezar o descenso, e facémolo por Belesar, viaxando pola superficie fundamental de Chantada onde o Miño labrou a súa gorxa. Unha terra de transición entre os vellos chanzos horizontais e as temperadas ribeiras do río. No chan asoma de cando en vez algún bolo granítico; e os valados, que son tamén desa materia tan dura, xogan coas pendentes e unhas veces as defenden e outras as trampean; e as agras e herdades debuxan planos inclinados que asoman cara ao río invisible que vai embaixo. Por aquí é un mundo eminentemente agropecuario, onde o ser humano é actor principal da paisaxe. Hai alí grandes bloques de granito meteorizado vivindo nunha derruba case permanente; e cipreses longos e espigados como sentinelas observando o horizonte; e casas e adegas retando á vertixe por aquelas pendentes extraordinarias. O demais son milleiros de cepas en socalcos que se perden ladeira arriba; mentres por baixo viaxan, somnolentas e dunha cor achumbada, as augas do pai Miño. É a paisaxe domesticada, obra de séculos de esforzado labor, con algúns retallos de bravura silvestre.

Camiños para perderse...
Camiños para perderse... | De cabo a rabo

Río Miño abaixo muda o esqueleto e o chan decide laminarse ante a aparición dos xistos metamórficos, por esa razón as casas visten agora lousas nos tellados, e só as portas e as ventás perfílanse coa dura cantaría dos granitos. Aquí os lugares culminan as rasantes entre cerdeiras bravas, cipreses e froiteiras; pero conforme avancemos cara a Os Peares iremos notando a quentura que emana da gorxa fluvial. Esa é a razón pola que agora os inmigrantes vexetais que antes citamos, chegados da Meseta ou das distantes costas oceánicas, comezan a colonizar as abruptas pendentes. Son as sobreiras de Quercus suber (código rede natura 9330), os érbedos (Arbutus unedo) e o noso fiel amigo o loureiro romano (Laurus nobilis) que tamén conforma un hábitat de interese comunitario co código 5230. E hai tantos por aquí, que á altura dos cotarelos e fervenza de Chouzán ou de Augacaída (Carballedo) imaxinamos que todos os rodais de piñeiros de repoboación deberon ser en tempos un extenso e trabado sobreiral. E tamén hai moito toxal pintado do púrpura das queirugas, e as viñas pola banda de Pantón asoman á caivanca para mirar o mediodía. Só nas corgas abrigosas cohabitan os carballos, os cerquiños e os castiñeiros; o demais segue a ser piñeiro bravo e monte baixo onde medran as uces de flor branca e agora tamén as carpazas de Cistus philosepalus e as codesedas de Cytisus multiflorus. Se ben as formacións máis rechamantes son sen dúbida os érbedos sempre verdes que nesta zona adquiren portes case arbóreos. E, xa por último, na estreita franxa onde as augas soben e baixan ao compás de comportas e enxurradas, está o bosque de galería, con salgueiros, amieiros e freixos mediterráneos de folla estreita (Fraxinus angustifolia). Así chegamos a Os Peares, no encontro do Miño co Búbal e o Sil; esa encrucillada fluvial no país dos tres ríos, tan partido que incluso os límites administrativos se resenten coa movida topografía.

Nos ríos andará algunha londra, O Martiño Peixeiro, as lavandeiras, a andoriña das barreiras e o merlo acuático.

Subindo agora polo enorme canón que abriu o Sil, o primeiro que salta á vista é o evidente contraste na cobertura arbórea das dúas ribeiras. En efecto, na da dereita e lucense abundan os elementos lusitánico-mediterráneos xa citados (loureiro, sobreira e érbedo); pero na ladeira oposta (a nosa) abundan os bosques caducifolios que chegan en masas puras ou mesturados con piñeiros bravos ata a mesma ribeira. A razón é obvia, e reside fundamentalmente en que ao circular o gran río de leste a oeste, e ser tan brutal a entalladura, a marxe lucense vive nunha case permanente exposición ao mediodía, ou sexa, unha solaina mirando o sol que máis quenta; é por iso é máis seca e xerófila que a nosa; mentres que a ourensá é moito máis atlántica e húmida, mergullada como está na penumbra dos vellos bosques e soutos que miran o norte e rodean Santo Estevo e Santa Cristina de Ribas de Sil.

Mapa Canón do Sil.
Mapa Canón do Sil. | La Región

A acusada mediterraneidade da soleada vertente lucense faise máis notoria conforme nos mergullarnos no barranco, onde aparecen agora as sobreiras que irán remontando o río coa súa cohorte de especies tipicamente mediterráneas: xaras (Cistus ladaniferus, populifolius e salvifolius), adernos ou labiérnagos (Phillyrea angustifolia) e lavandas ou cantroxos (Lavandula stoechas); ademais de xibardas (Ruscus aculeatus) e codesos (Adenocarpus complicatus). Aos que debemos engadir tamén a freixa ou freixo de folla estreita (Fraxinus angustifolia), unha especie que conta aquí, no lugar de Monte Pando de Monforte, cun dos mellores exemplares de Europa; e que substitúe nestas áreas secas e quentes ao freixo de folla ancha da zona atlántica (Fraxinus excelsior). E, por último, atopamos tamén o paradigma da mediterraneidade e do elemento ibérico que nos sorprende por vez primeira na nosa viaxe: as aciñeiras de Quercus rotunfifolia, mensaxeira da Meseta, e que acada na Ponte da Abeleda o límite occidental da súa área de distribución. Nas proximidades, e tamén cara á Teixeira, atopamos outra rareza: o pradairo de Montpellier (Acer monspessulanum), que acompaña nas frescas e fondas valgadas destes ambientes mediterráneos ao pradairo común (Acer pseudoplatanus). En canto á ladeira ourensá o ambiente é, como xa se dixo, moito máis húmido e temperado, e por iso abundan os soutos de castiñeiros e as carballeiras mixtas, con presencia do citado pradairo de Montpellier e o terebinto ou escornacabras (Pistacia terebinthus), outra especie mediterránea que precisa algo de humidade.

Cabaceiros de outrora
Cabaceiros de outrora | Tursimo Ourense

E tamén aparece nestas terras sombrizas e escarpadas o monte baixo de toxo anano ou gateño (Ulex minor), acompañado de queirugas, carrascas, carqueixas e cama de fentos ao paso dos regueiros.

Seguimos remontando o río, coa planicie omnipresente da Terra de Lemos pola man esquerda, e os lombeiros suaves, fortemente erosionados, que suben pola dereita cara a Cabeza de Meda. Por baixo está o mosteiro de Santo Estevo, un refuxio a media ladeira que nin mira o ceo nin a terra; simplemente gravita, e é ese suspense o que o ampara e do que pendura o seu innegable encanto. Os soutos, numerosísimos, compiten polo espazo coas herdades; e unha mesta reboleira, onde os vidos poñen a textura fina e a luz dos seus cortizos, repta por los lombeiros de Meda. Nestas humidades sombrizas onde vive a corza e se refuxia o lobo e o xabarín, abundan as abeleiras (Corylus avellana), os sanguiños (Frangula alnus), a queiruga de cruz (Calluna vulgaris), a pudia (Genista florida), una maraña de hedras, escambróns, silvas e salgueiros, e o freixo eurosiberiano (Fraxinus excelsior) ao paso dalgún regato cantareiro. Pero, o que máis impresiona, é o canón que vén. As caras da fenda son ásperas, abruptas e devastadas polo cicel das augas e un millón de temporais; unha hecatombe onde malamente sobreviven as especies rupícolas e unhas matogueiras escasas. O Sil, moi abaixo, vai sobrio e domesticado; só o catamarán lle esperta de cando en vez algún remuíño. Dende o río o mundo semella estraño e distante; apenas algún campo verde, un casal illado pintado de branco asomado ao barranco, e un falcón silencioso xogando co aire que sobe da espectacular engroba. É tal a diversidade paisaxística da área que andamos a contemplar, que agora, cando xa estamos a piques de abandonala, aínda xorden outros rechamantes escenarios, submundos constrinxidos por la presión do río e as forzas tectónicas que modelaron este pequeno universo hai millóns de anos; xeografías humanizadas como as de Chandrexa, Rabacallos e Sacardebois, que viven acubillados nunha cuncha feraz de singular fermosura; lugares onde as viñas e os campos comparten territorio coa espesura dos soutos e os bosques hidrófilos que compasan o río pé das augas domeadas. Se se vai alí en outono, a paisaxe adquire matices e tonalidades dunha subxugante beleza.

Farallón granítico.
Farallón granítico. | Xosé Varela

Fauna

Os actores destas paisaxes son tamén moi diversos, e colaboran co súa presencia na elaboración deste bocexo que andamos a realizar. Nas masas arboradas abundan aves da familia dos córvidos como o gaio ou pega marza (Garrulus glandarius) e o corvo viaraz (Corvus coronae); columbiformes como o pombo (Columbus palumbus), a pomba dos penedos (Columba livia) e a rola estival (Streptophelia turtur); bubelas (Upupa epops), varios petos (Picus e Dendrocopus) e un gran número de papuxas e picafollas (Sylvia e Phyloscopus), rapinas como o azor e o gabián das áreas boscosas (Acipiter gentilis e nisus) e o abondoso miñato, e unha infinidade de paseriformes e páridos como os ferreiriños reais, cristados e azuis instalados nos bosques da zona ourensá; grandes mamíferos como o imprevisible xabarín (Sus scrofa) ou a silandeira corza (Capreolus capreolus), e seres escorregadizos como a garduña (Mustela foina) e o teixugo (Meles meles). Nas agras cultivadas viven as aláudidas como a cotovía pequena (Lullula arborea) e a laverca (Alauda arvensis), deambulan os golpes ou raposas preto dos galiñeiros (Vulpes vulpes), espían pairados no aire os lagarteiros (Falco tinnunculus), cantan os paspallás (Coturnix coturnix) nos campos abertos, e sáenos con frecuencia ao camiño o valente pisco ou paporrubio (Erithacus rubecula). Viven tamén na zona as donicelas (Mustela nivalis), esculcan a maraña silvestre os ollos do lobo, das algarias e dos picanzos (Lanius sp.); brincan os coellos e planean rentes do chan as tartarañas e as gatafornelas (Circus sp.).

Bosques caducifolios na banda ourensá
Bosques caducifolios na banda ourensá | Tursimo Ourense

Nos ríos andará algunha londra, o martiño peixeiro, as lavandeiras, a andoriña das barreiras e o merlo acuático; e as grandes troitas que habitan as profundidades frías e escuras dos encoros xunto coas bogas, anguías e escalos. E sobrevoando o canón estarán os de sempre, os señores do vento; como os falcóns, asexando o paso dos habitantes dos pombais que abundan a un lado e a outro deste portentoso escenario do que xa nos despedimos.

Os Peares
1/3 Os Peares | Tursimo Ourense
O contrate entre as dúas ribeiras
2/3 O contrate entre as dúas ribeiras | Tursimo Ourense
Viñas e bosques comparten espazo (Xosé Varela)
3/3 Viñas e bosques comparten espazo (Xosé Varela) | Xosé Varela

Contenido patrocinado

También te puede interesar

Lo último

stats