A Ribeira Sacra, a fenda máis profunda
A Ribeira Sacra, a fenda máis profunda | La Región

A Ribeira Sacra, a fenda máis profunda

POLOS RÍOS E MONTAÑAS DE OURENSE

Terra de bosques, viñas e mosteiros

Ficha técnica

ZEC “Canón do Sil ”

Superficie: 5.961 hectáreas

Altitude media: 416 metros

Concellos : Nogueira de Ramuín, Parada do Sil, Sober e Pantón

Se os antigos entendían os cumios das montañas como morada dos deuses e punto de encontro entre o ser humano e a divindade, nese lugar intermedio entre o ceo e a terra; non menos certo é que as profundas fendas que crearon algúns ríos no seu imperecedoiro camiñar cara ao océano foron tamén lugar de encontro entre a xente e o seu Deus. Pero neste caso no prima a magnificencia olímpica das altas cumieiras nevadas, nin a celestial beleza dos solitarios e illados picoutos; pois é na melosa luz do día que apenas aloumiña os angostos desfiladeiros, na soidade que acouga nas arrepiantes fendas dunha terra en penumbra, onde o ser humano, ao amparo das vertixinosas paredes e coa mirada eternamente alzada aos ceos, dobrégase a si mesmo nese punto agora intermedio entre o inferno e a terra; e nesa natureza pródiga e salvaxe, dende esa posición inferior, sublimando corpo e espírito, explora o mundo que o rodea e a súa propia alma para achegarse á divindade. Esta é a Ribeira Sacra, terra de mosteiros, país de cenobios e anacoretas; lugar de oración.

Os Balcóns de Madrid
Os Balcóns de Madrid | De Cabo a Rabo

Observemos o territorio que espalla polas espectaculares paisaxes tanto naturais como culturais que rodean o encontro fluvial dos dous ríos máis importantes de Galicia se atendemos aos seus caudais e lonxitudes: o Miño (315 qm) e o Sil (123 qm no tramo galego); sen esquecer, por suposto, os 132 qm do río Ulla do que don Ramón dicía que “penetra profundamente nas terras altas de Galicia para enxertar na maior das nosas rías”. Observemos esas profundas fendas e vales encaixados que forman os dous cursos e os seus afluentes antes de atoparse en Os Peares ou país dos Tres Ríos (xunto co Búbal que vén de Carballedo e nace na Serra de A Martiñá que vimos o primeiro día), e que coñecemos como “Ribeira Sacra” pola gran concentración de mosteiros e antiquísimos templos que aquí se levantaron co paso dos séculos. Estamos a falar dos mosteiros de Santo Estevo e Santa Cristina de Ribas de Sil, de San Pedro de Rocas, de Santa María de Montederramo, Santa María de Xunqueira de Espadanedo e Santa María de Ferreira de Pantón; e, por suposto, desas pequenas xoias da nosa idade media como son as igrexas románicas de Santo Estevo de Atán, San Miguel de Eiré e San Fiz de Cangas no concello de Pantón; de Santa María de Pesqueiras en Chantada; de San Paio de Diomondi e Santo Estevo de Ribas de Miño en O Saviñao; ou de San Xoán da Cova e Santo Estevo de Chouzán en Carballedo. Un territorio que, como ben se sabe, goza ademais dun enorme recoñecemento pola espectacularidade das súas paisaxes, a bonanza do clima e os afamados viños; e onde o Xeodestino promovido pola Xunta de Galicia inclúe ata un total de vinte e seis concellos; se ben, os realmente ribeiregos, son, no Miño: Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo pola marxe dereita lucense ata Os Peares; Paradela, O Saviñao e Pantón pola esquerda e na mesma provincia; e, no Sil: Monforte de Lemos, Sober e Pantón pola marxe dereita lucense, e O Castro de Caldelas, A Teixeira, Parada do Sil e Nogueira de Ramuín pola esquerda e xa na nosa provincia.

As formas

Se facemos un voo de paxaro sobre a área comprendida entre os cursos do Miño e do Sil dende Belesar (Chantada-O Saviñao) e a Ponte da Abeleda (Castro Caldelas-Monforte), respectivamente, ata Os Peares, un observador atento detectaría a presencia dunha serie de chanzos ou superficies de aplanamento que van ascendendo desde os vales ata os cumios das montañas, e cuxa orixe se remonta á fragmentación sufrida polo territorio durante o Paleozoico, e rexuvenecida durante o Cenozoico cando a tectónica de placas afundiu e elevou os bloques seguindo as vellas fracturas; determinando así, logo de seren traballados pola erosión fluvial, as morfoloxías que hoxe vemos. Por esa razón o noso observador poderá identificar neste territorio un primeiro nivel elevado próximo aos 1.000 metros de altitude onde empraza a Cabeza de Meda, O Rodicio e a Serra do Burgo que dominan dende aquelas alturas as terras de Parada do Sil, Montederramo e O Castro de Caldelas; un segundo nivel intermedio aos 800 metros que espalla pola superficie de aplanamento de Nogueira de Ramuín, Esgos e tamén os concellos antes citados; e un chanzo final inferior aos 600 metros pertencente ao Miño e conformando o nivel de Chantada que se ten polo mellor conservado da denominada superficie fundamental de Galicia, e que semella continuar despois do Miño polo Saviñao e Pantón.

Un territorio que goza dun enorme recoñecemento pola espectacularidade das súas paisaxes, a bonanza do clima e os afamados viños.

Por riba desta secuencia de grandes superficies a xeito de banzos, pechan a liña do horizonte os volumes montañosos das serras que se alzan na distancia: un primeiro ao oeste do Miño como parte da denominada dorsal meridiana e que nesta zona inclúe as prominencias da Serra do Faro e de A Martiñá que vimos o primeiro día, máis os rebordes erosionados que baixan cara á superficie fundamental polos concellos lucenses de Chantada e Carballedo; e un segundo grupo ao sur do Sil en contacto coa fosa de Maceda que conecta a Serra do San Mamede coa Cabeza de Meda pola falla do Rodicio que vimos antes. Finalmente, e ademais dos bloques soerguidos tamén debemos considerar os que afundiron; ese é o caso da gran depresión tectónica de Lemos que ocupa o interfluvio Miño-Sil e que vemos xusto en fronte pola banda de Lugo; unha planicie ateigada de sedimentos que chega ata as terras de Quiroga e a magnificencia alpina do Courel; formas chairegas que se formaron polo recheo das fosas abertas ao longo das vellas fracturas tectónicas. E, por último e xa para rematar, chegamos finalmente ao que máis nos atrae e reclama poderosamente a nosa atención: os profundos vales fluviais do sistema Miño-Sil que conforman as espectaculares paisaxes que case todos coñecemos.

Mapa Canón do Sil.
Mapa Canón do Sil. | La Región

Particularmente, distinguen os xeógrafos no que é o tramo ourensá do río Sil, dúas grandes unidades. Por unha banda a parte oriental da cunca vertente que ocupa a depresión tectónica de Valdeorras con orientación E-O e con vales moi fértiles de fondo plano sobre xistos e lousas; unha área onde podemos distinguir tres subfosas: a de O Barco, a de Vilamartín e a de A Rúa, emprazadas entre as terras movidas da divisoria de augas co río Xares ao sur e a Serra de Cereixido no límite co concello de Quiroga ao norte, e que foi arrasada o pasado verán polo incendio forestal que ata hai só uns días se tiña polo maior da historia de España con máis de 30.000 has, e superado agora polo de Ávila. E, por último, unha segunda unidade que é a que nos interesa e que vai dende o encontro do concello lucense de Ribas de Sil co ourensán de O Castro de Caldelas ata Os Peares, lugar onde o Sil cumpre 123 qms por terras galegas; un espectacular bloque situado entre as cotas dos 700 a 800 metros de altitude que o Sil tronza dun xeito aparatoso, creando un enorme desfiladeiro cunha anchura media dun quilómetro na parte superior e unha profundidade que pode superar os 400 metros de desnivel nas paredes graníticas, case verticais, que na zona ourensá van polos concellos de Parada do Sil e Nogueira de Ramuín, sinaladamente polas parroquias de Santa Mariña de Parada do Sil, Santa Cristina de Caxide, Santiago e Santa Baia de Cerreda e Santo Estevo de Ribas de Sil.

O modelado fluvial

A xénese destas extraordinarias paisaxes remóntanse á tectónica neóxena dos últimos períodos do Terciario que tivo lugar entre 65 e 46 millóns de anos; un tempo afastado de cando bascularon as terras e os ríos se viron forzados a abrir camiño de novo, a reiniciar o seu ciclo erosivo abrindo profundos tallos e fortes entalladuras nos bloques levantados para recuperar o perfil de equilibrio; un fenómeno que xa vimos cando visitamos o sistema Miño-Arnoia, pois o pai de todos os ríos tampouco foi indiferente, por suposto, a estes paroxismos tectónicos. De feito o Miño tamén rexuvenece no seu tramo medio e comeza a debuxar meandros e a labrar unha profunda gorxa a través dos xistos que espallan entre Portomarín e os Peares, lugar, este último, onde cumpre 160 qm. Non obstante, o paradigma en Galicia da apertura polos ríos desas barrancas e profundas cortadas nos vellos bloques soerguidos (fenómeno coñecido en xeoloxía como “antecedencia”, pois os ríos xa estaban alí “antes” de que as terras levantaran) é precisamente o impresionante canón da Ribeira Sacra, e que causa admiración a todos os que o contemplan. Unhas paisaxes, di Otero Pedrayo: “no decorrer final do Sil, onde o río amosa unha potente composición de penedías graníticas dominadas pola fermosa ruína do mosteiro (Santo Estevo estaba daquela abandonado) inzadas de fermosos castiñeiros en escaleira e cortada por frieiras só cheas de auga nas invernías”. E engade o patriarca: “Poucas manifestacións da arquitectura dos granitos ricamente diaclasados como estas encostas de Santo Estevo e Pombeiro, de dinamismo e aspecto hoxe variados pola subida do nivel de base coas presas do Sil, e onde o río se dispón a perder o seu nome en Os Peares”.

Miradoiro dos Penedos do Castro
Miradoiro dos Penedos do Castro | Xosé Varela

Por esta mesma razón xeolóxica, os ríos pequenos da zona que andamos a visitar, caso do Edo que nace na Serra do Burgo e camiña parsimonioso pola terra de Caldelas ata a área recreativa da Ponte das Táboas que me trae lembranzas de cando eu comecei a traballar hai tantos anos; ou do Mao que vén da Serra de San Mamede e lambe sereno as paredes do mosteiro de Montederramo; ou do Cabe que percorre pousón e discreto en senso oblicuo a planicie de Lemos, vense tamén obrigados, ao sentir a poderosa atracción do Sil, a profundar o leito nos seus tramos finais; separando Parada do Sil de A Teixeira ou Sober de Pantón con escuros cavorcos e profundas entalladuras no achegamento ao gran río que os reclama. Esa mesma chamada que recoñecía Otero Pedrayo na “estreita e rica ribeira que afonda esculpindo o río Navea” e que vimos o domingo pasado; pois “é de grande e xurdia recompensa prós xeógrafos e os amantes da paisaxe descubrir nun pequeno río as mesmas gracias ou semellante grandeza de encostas que no Sil ou nas polas mestas que o manteñen”. Velaí o porqué tamén da aparición, nos últimos tramos dos pequenos e humildes regueiros que cruzan este territorio antes de atoparse co Sil, das espléndidas cachoeiras que imos atopando no noso vagaroso camiñar; caso da Fervenza do Cachón en A Teixeira que é unha das máis visitadas; a do Rego de Loureiro en Nogueira de Ramuín obra do río da Ponticela que salva un desnivel superior aos cen metros; ou a do Porto do Vao no mesmo concello que salva a pendente nunha secuencia de saltos e pozas envurullados na mesta vexetación que acompaña a aveseda marxe ourensá.

Polo demais, a razón destes espectaculares canóns, barrancos ou precipicios que poden superar os 400 metros de desnivel nas áreas máis abruptas e escarpadas, atende á chamada erosión diferencial; é dicir, a distinta resposta ao ataque da auga e dos factores atmosféricos segundo as litoloxías presentes en cada área. Así, e ante a aparición de rochas metamórficas como xistos ou lousas o val tende a abrirse e as pendentes non chegan a ser excesivamente fortes, que é o que acontece entre A Rúa e Quiroga unha vez abandonada a depresión de Valdeorras. Pola contra, cando o río se atopa cos granitos, moito máis duros, o cicel acuático se resente e traballa forzado, e o río comeza a revirarse en longos e acusados meandros, que é xustamente o que acontece a partir da zona de Rabacallos de Parada do Sil; un lugar onde aparecen os primeiros granitos alcalinos de dúas micas que irán ata cerca de Os Peares, e que forman parte dunha ancha banda que se prolonga todo ao sur do Sil no senso leste-oeste, dende as terras de Vilariño de Conso e Manzaneda ata as terras altas de Cea e Carballiño. Estes duros granitos aguantaron de tal xeito o embate do Sil que o que agora vemos, as abruptas e vertixinosas paredes do canón, son o resultado da incisión fluvial e da meteorización que avanza seguindo o sistema de diaclasas en que fractura esta rocha, e cuxas formas e relevos causan admiración entre os milleiros de visitantes que ata aquí se achegan.

Alá vai o catamarán!
Alá vai o catamarán! | Martiño Piñal

En efecto, poucas paisaxes hai en Galicia máis espectaculares como estes soberbios e arrepiantes precipicios que modelou o Sil nos granitos de Sober, Parada do Sil e Nogueira de Ramuín, con caídas que poden superar o 75% de pendente, nese dobre meandro que fai o río ao pé da Cabeza de Meda. Paisaxes admirables e únicas que van compasando esforzadamente o río e onde a xente creou, para maior gloria deste territorio e asombro de visitantes, os impresionantes socalcos da chamada “viticultura “heroica”, como os viñedos ourensáns de Cristosende en A Teixeira ou de Barxacova e Sacardebois en Parada do Sil. Todos lugares recuados, constrinxidos polas poderosas morfoloxías que os rodean ou asomados temerariamente aos arrepiantes precipicios; lugares onde o vento que murmura polo angosto desfiladeiro parece reproducir o rezo sostido dos ascetas e dos vellos eremitas que un día perdido decidiron instalarse na Tebaida galega, nese locum qui dicitur Rovoyra Sacrata, qui est in monte de Ramo, territorio Caldelas; segundo consta no documento fundacional do dito mosteiro asinado pola raíña Tareixa de Portugal o 21 de agosto de 1124.

Para ver e gozar destas marabillas que creou a natureza hai millóns de anos, dispon o visitante dunha serie de espectaculares miradoiros.

Para ver e gozar destas marabillas que creou a natureza hai millóns de anos, dispón o visitante dunha serie de espectaculares miradoiros; caso, na nosa provincia, dos seguintes: o dos Penedos do Castro para enxergar na distancia o mosteiro de Santo Estevo; o do Pé do Home na zona de Vilar de Cerreda; o de Vilouxe en Nogueira de Ramuín que é dende logo un dos máis espectaculares para contemplar xunto co da Columna ou o de Cabezoás que está ao pé da estrada o impoñente meandro que debuxa o Sil; o do Castro dende o que se pode ver a frondosa ladeira ourensá; o conxunto dos Balcóns de Madrid que son os máis famosos para veren alo embaixo os catamaráns sucando o encoro de Santo Estevo como se foran barquiños de xoguete; e o das Penas de Matacás, xa bastante afastado dos anteriores para contemplar os magníficos socalcos de Amandi dende unha moderna plataforma metálica sobre a Ponte da Abeleda.

Miradoiro de Vilouxe
Miradoiro de Vilouxe | Xosé Varela

A ZEC

Estamos agora na Zona de Especial Conservación da Rede Natura 2000 denominada “Canón do Sil”, un territorio de 5.961 hectáreas e unha altitude media de 416 metros pertencente aos concellos de Pantón e Sober na provincia de Lugo e de Nogueira de Ramuín e Parada do Sil na de Ourense; aportando a nosa provincia ao espazo natural preto do 40% da súa superficie total. Esta ZEC espalla dende Os Peares e extrema do concello ourensá de Nogueira de Ramuín co de Pantón de Lugo ata os pequenos lugares de Portabrosmos da parroquia de Pinol en Sober, marxe dereita lucense, e Rabacallos da parroquia de Chandrexa do concello ourensá de Parada do Sil, nunha lonxitude aproximada de 22 quilómetros.

Miradoiro dos Penedos do Castro
Miradoiro dos Penedos do Castro | Xosé Varela

Ademais, pola banda lucense remonta esta ZEC pola corga do río Cave que vén de Monforte (o único curso fluvial de importancia que desauga no Sil nese territorio), ata Canaval, límite entre os concellos de Sober e Pantón. Neste longo tramo fluvial está o encoro de San Pedro (1959) e parcialmente o de Santo Estevo (1955), os dous aproveitados pola empresa Iberdrola. Desta ZEC e dos seus hábitats e vida silvestre falaremos, como é costume, nunha segunda entrega. Polo demais, tamén debemos indicar que este territorio foi incluído na Reserva da Biosfera “Ribeira Sacra e Serra do Oribio e Courel”; un enorme espazo declarado hai cinco anos con esta figura internacional e onde prima a relación harmónica, sostible, equilibrada e respectuosa entre as actividades das comunidades locais cos seus valores culturais e os compoñentes da natureza e da diversidade biolóxica. A reserva esténdese por unha moi ampla superficie de 306.535 has e 23 concellos das provincias de Lugo e Ourense, sendo os cinco ourensáns:: A Peroxa, A Teixeira, Castro Caldelas, Nogueira de Ramuín e Parada de Sil; e a entidade xestora do espazo a Xunta de Galicia.

Dende o catamarán
1/4 Dende o catamarán. | Xosé Varela
_61A5826
2/4 Canón do Sil. | Xosé Varela
Mirador de Santiorxo
3/4 Mirador de Santiorxo. | Martiño Piñal
Viticultura heroica
4/4 Viticultura heroica. | Xosé Varela

Contenido patrocinado

También te puede interesar

Lo último

stats