MIRADORES DEL CAÑÓN DEL SIL
La provincia de Ourense, a vista de pájaro
POLOS RÍOS E MONTAÑAS DE OURENSE
O val de Verín é, sen dúbida, un dos vales máis singulares de Galicia, un escenario inesperado que xorde de repente cando cruzamos as Estivadas camiño da Meseta ou cando transitamos en senso contrario pola costa de Fumaces. Velaí a riqueza paisaxística de Galicia, sempre engalanada cunha diversidade de paisaxes a cada cal máis rechamante e acariñadora; por moito que teñamos que lamentar, como acontece agora, a negrura e a desolación que nos rodea e que nos entristece profundamente. Porque o que temos agora en fronte non son as formas e composicións que vimos na Limia a semana pasada; nin tampouco as da anterior cando baixabamos dende o Alto do Vieiro cara ao val encanastrado do mesmo río; senón algo moi diferente.
Altitude: 373 metros (en Verín).
Superficie: 630 hectáreas (ZEC).
Concellos: Laza, Castrelo do Val, Monterri, Verín e Oimbra.
Agora, preséntase ante os nosos ollos un val dotado dunha gran personalidade polo forte contraste entre a enorme veiga ou fondo da depresión por onde vai o río Támega e que chega a acadar os sete quilómetros de ancho entre Albarellos e o balneario de Cabreiroá, e os aínda fortes e poderosos brazos de tantas serras como ata aquí se achegan para estomballar de repente sobre os vellos depósitos aluviais. Estamos pois ante unha enorme foxa tectónica rechea de sedimentos que espalla dende Tamicelas, lugar onde o Támega deixa de ser un regueiro para se converter nun río de verdade, ata a fronteira con Portugal e máis aló.
En efecto, todo o val está rodeado por importantes serras que superan os mil metros de altitude, e cuxos rebordes erosionados álzanse como un prodixio sobre o fondo chairo da depresión a tan só 400 metros sobre o nivel do mar. Falamos da Serra do San Mamede e O Fial das Corzas, da dorsal que separa as bacías do Támega e do Mente, das terras de Vilardevós e da Serra das Penas Libres, e da Serra do Larouco, que pecha o territorio pola banda occidental. Aquí nace tamén o río Búbal, “o único afluente de importancia do Támega”, segundo Otero Pedrayo.
A Zona de Especial Conservación do río Támega (ES1130005) ocupa 630 hectáreas nos concellos de Laza, Castrelo do Val, Monterrei, Verín e Oímbra, cun percorrido de 51 km ata a fronteira con Portugal. A súa protección responde á importancia do río como ecosistema de augas doces e á existencia de zonas húmidas de grande valor ecolóxico.
Destacan as charcas e lagoas artificiais resultantes da extracción de áridos, así como as veigas enchoupadas polas augas freáticas. Estas áreas acollen unha importante biodiversidade e inclúen hábitats como os medios lénticos (3130), os ríos de augas correntes (3260 e 3270), os prados húmidos (6410 e 6510) e os bosques aluviais de amieiros e freixos (91E0*).
O río Támega nace na confluencia da Alberguería de Laza e Paradiña de Sarreaus, na contorna da Vía da Prata. É tamén territorio onde nace o río Limia, nun feito xeográfico singular.
Baixando cara ao val, o río vai trazando unha paisaxe onde alternan montes, lousas e piñeirais de repoboación, testemuño dunha intensa política forestal histórica. Estes montes sufriron o impacto recente dun gran incendio en Oímbra, que arrasou unhas 23.000 hectáreas.
Malia todo, o Támega recupera pronto a súa vocación natural: a veiga. Ao seu paso por localidades como Laza, Soutelo Verde ou Vilameá, o río avanza novo, cantareiro e bulideiro, abríndose paso entre montañas que o encadran pero non o conteñen.
Trátase dun río que busca o seu perfil de equilibrio, alternando estreitamentos e pequenas chairas, mentres atravesa un territorio onde conviven cultivos, viñedos, lameiros e ecosistemas húmidos de gran valor.
No cruce das dúas estradas entramos noutro universo. Sentimos de repente como as montañas se repregan e dan un paso atrás, impelidas pola forza dunha luz poderosísima e cegadora. Xa estamos no val de Verín, na foxa ou depresión. Lonxe, nunha breve touticeira e asomando como niño de aguia no último esporón das serras, está a espectacular fortaleza ou acrópole de Monterrei. E venme á memoria aquel litixio interminable polas terras de Baroncelli entre os condes do castelo e o meu señor o abade de Celanova.
A extensa veiga de Verín xa non nos deixará ata que remate o país; dende Nocedo e Castrelo do Val pasando por Vences, Estevesiños, Tintores, Verín, Tamaguelos, Rabal, a fronteira e máis aló; todos sobre a terra fecunda e mesopotámica onde decantaron os depósitos que o río apenas vai lambendo no seu lento escorregar dende hai millóns de anos. Todo seguindo a espectacular fractura xeolóxica Regua-Verín, que se prolonga Portugal adentro. Esta é a razón das augas mineiro-medicinais de Cabreiroá, Sousas e Fontenova, así como de Chaves, Vidago e Pedras Salgadas, formando unha das máis importantes áreas hidroxeolóxicas de Europa.
Nesta ancha e estirada banda, ademais do ecosistema fluvial, existen hábitats incluídos na Rede Natura 2000: lagoas de extracción de áridos, veigas enchoupadas polas augas freáticas e campos de regadío. A Eurocidade Verín-Chaves impulsa proxectos transfronteirizos de termalismo e auga, xunto con accións de interpretación ambiental, seguimento da calidade das augas e posta en valor do patrimonio asociado.
Entre as iniciativas destacan tres rutas de observación de aves con observatorios e paneis: o Roteiro de Tamaguelos-Mourazos, o Roteiro da Raia e o Roteiro das Lagoas de Chaves. O visitante pode tamén percorrer a Ecovía do Támega, ou “Corredor Ecolóxico Transfronteirizo”, un itinerario de máis de 30 km de perfil chairo que conecta Verín con Chaves atravesando lagoas, veigas e zonas húmidas ata chegar á antiga cidade romana.
Como esta vez rematamos camiñando por estas rutas ornitolóxicas, e eu son socio dende hai moitos anos da SEO (Sociedade Española de Ornitoloxía) e teño unha paixón desmedida polas aves dende que vin un xílgaro cando era pequeno cos prismáticos de meu pai e quedei pasmado ao lle ver a cara colorada e a ás amarelas, podemos citar algunhas das marabillas aladas que andan normalmente por aquí. Así, e no que é propiamente o río, voando por riba da lámina de auga a toda velocidade, algún merlo rieiro ou un picapeixe de cores explosivas; entrefebrados na penumbra do bosque de ribeira poderemos escoitar alarmas e reclamos de pimpíns, estreliñas riscadas, ferreiriños, papuxas, picafollas, carrizas, algún ouriolo e quizais o rular fondo e ronco dos pombos; nas charcas e lagoas da vellas explotacións de áridos a cetia das ribeiras, a folosa das canaveiras, a carriza dos xuncos, as gaivotas choronas de cara negra, e tamén lavandeiras e andoriñas das barreiras á caza infatigable dos insectos (eu vin un día a colonia onde vivían: unha gran montaña de area abandonada cun número desorbitado de niños que me deixou aloulado), e sería un milagre que nos topáramos con algún escribidor das canaveiras, que tamén teñen a cara negra e un bigotiño branco; e, por último, nos campos e cultivos as grandes cegoñas brancas de andar pausado; xílgaros, pardaos e andoriñas comúns non lonxe das casas; lavercas, cotovías e paspallás nos campos de cereais, os temibles picanzos que ensartan as presas nos escambróns; bubelas coas súas rechamantes curupelas, eses espectaculares abellarucos que non temos na Galicia occidental atlántica; e, dominando os ceos como grandes señores do vento, buxatos, peneireiros, lagarteiros e tartarañas. E, finalmente, observando todo o que pode ser aproveitable e analizando como aproveitalo, as pegas e os corvos pequenos ou viaraces que os casteláns chaman urracas e cornejas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
MIRADORES DEL CAÑÓN DEL SIL
La provincia de Ourense, a vista de pájaro
POLOS RÍOS E MONTAÑAS DE OURENSE
O río Támega, cruzando a raia da Eurocidade Verín-Chaves
CHATBOT DE ATENCIÓN PERMANENTE
“Cero escusas”, de Sogama, desmonta mitos e desinformacións ao redor da reciclaxe
SENDERISMO EN LA MONTAÑA
Pena Trevinca celebra el Día da Montaña Galega
Lo último
Ricardo F. Colmenero
Unha saia no buzón
RELEVA A MARIO RODRÍGUEZ
José Antonio Blanco toma el mando del PP de Esgos
Xavier Castro
A MESA Y MANTELES
Cunqueiro y el arte de conservar
Antonio Nespereira
PERDÓN POR LA MOLESTIA
Jácome y la plaga de cucarachas