Riós e Castro Caldelas: conta atrás para os novos topónimos
PATRIMONIO CULTURAL
O orriolense Vicente Feijoo Ares é un dos expertos en toponimia que traballou nesta proposta
A Comisión de Toponimia da Xunta aprobou o 18 de xullo a proposta de revisión, corrección e actualización do Nomenclátor de Galicia, vixente dende 2003, realizada polos especialistas en toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG). Esta obra recolle as formas oficiais dos topónimos das catro provincias, 313 concellos, 3.788 parroquias e 38.808 aldeas que integran Galicia. As modificacións afectan a 14 concellos, 183 parroquias e 2.335 lugares.
Dúas novidades significativas en Ourense, oficiais previsiblemente antes do fin de ano, son as dos concellos de Riós e Castro Caldelas, que incorporan o artigo e tamén unha preposición, e pasarán a denominarse O Riós e O Castro de Caldelas.
En Riós oficializarase unha pronuncia común na fala cotiá da veciñanza e modificaranse os nomes dalgunhas aldeas que se ditaminaran erroneamente por figuraren así no INE: Domiz, Pedrosa, Pena do Souto, Castrelo de Cima e Castrelo de Abaixo, que agora figurarán coas formas correctas Domez, Pedroso, A Pena do Souto, Castrelos de Cima e Castrelos de Abaixo.
Vicente Feijoo, membro do Seminario de Onomástica e da Comisión de Toponimia, explica que o obxectivo é “restituír as formas etimolóxicas galegas coas que naceron os topónimos, partindo da documentación histórica e do uso oral da xente”.
O experto afirma que O Castro de Caldelas non só está presente “na oralidade” dos seus habitantes, senón que a documentación histórica investigada recolle dende o século XV esta forma “tanto para o nome da parroquia coma do concello, o propio Catastro de Ensenada (1752) recolle o topónimo castelanizado como El Castro de Caldelas”.
“Paixón pola toponimia"
Feijoo (Riós, 1975), visitou recentemente Laza e Riós para gravar novos vídeos sobre as orixes dos seus nomes, no marco da serie de pezas audiovisuais “O Seminario de Onomástica responde”, dispoñibles nas webs da RAG e de Toponimia de Galicia. Filólogo de formación, leva 25 anos traballando coa toponimia galega, unha disciplina fermosa pola que sente auténtica “paixón” e que considera moi valiosa para saber máis sobre nós: “Con ela descubrimos a pequena historia de cada aldea, a que non aparece nos libros”.
Como orriolense, sente moita “satisfacción e orgullo” de formar parte dunha comisión que ditamina os nomes oficiais de Galicia e ter a oportunidade de repór o nome que sempre usaron os seus familiares e veciños: “Cando se oficializou a forma Riós sen artigo, no 2003, eu aínda non era membro da Comisión de Toponimia, polo que non puiden achegar a opinión dos meus veciños nin o resultado da miña investigación. A xente da contorna, non só os do concello, sempre pronunciou ese ‘O’ interpretado como artigo, a pesar de que en orixe formaba parte da raíz do topónimo, unha raíz prerromana ‘Orr-’ que significa ‘val entre montañas’, polo que a forma orixinal era ‘Orriós’, todo xunto”.
Galicia nomeada
Ademais, Feijoo foi o creador e actualmente é o coordinador técnico do proxecto “Galicia Nomeada”, unha aplicación colaborativa para a recollida da nosa microtoponimia (nomes de terras, montes, pedras, fontes, regatos camiños) e toda a tradición oral vencellada a ela, que naceu para evitar que se sigan perdendo estes nomes. O especialista e divulgador do valor cultural da nosa toponimia leva percorridos 94 concellos impartindo as charlas da campaña “Toponimízate”, para concienciar a cidadanía da importancia de conservar esta riqueza.
Dende a súa posta en marcha no 2020, este proxecto leva recollidos máis de 90.000 microtopónimos grazas ás achegas de máis de 4.100 persoas que se deron de alta na aplicación, que se unen a un total de máis de 533.000 topónimos recompilados xa en toda Galicia. Tal cantidade converte a Galicia nun territorio “único” en Europa, que esperta a “admiración” entre os toponimistas doutros países: “Quedan abraiados ante a cantidade e a variedade dos nosos nomes, con máis de 25 temáticas diferentes, e tamén coa súa antigüidade, pois temos moitos nomes prerromanos que son o único vestixio que nos queda das linguas faladas aquí antes da chegada dos romanos”, conclúe Feijoo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
TRES GRANDES PROYECTOS
Los principales objetivos de la Fundación San Rosendo para el 2026, obras y proyectos
FORMACIÓN Y BECAS QUE IMPULSAN
Las becas Benigno Moure llegan a 129 beneficiarios
SIN PERDER SU CARÁCTER OURENSANO
Fundación San Rosendo se sitúa entre los 11 mayores grupos asistenciales de España
Lo último
Pilar Cernuda
LAS CLAVES
Sánchez, cuestionado por los suyos pero inamovible
PLANES EN OURENSE
Agenda | ¿Qué hacer en Ourense hoy, sábado 20 de diciembre?
ESQUELAS DE OURENSE
Las esquelas de este sábado, 20 de diciembre, en Ourense