Sandra Martínez, xefa do Servizo de Prevención de Incendios Forestais en Ourense: "Priorizouse salvar vidas antes que a extinción dos incendios"

ENTREVISTA

Sandra Martínez Paz conta como foi a súa experiencia a cargo do operativo contra os incendios da provincia

Sandra Martínez, no CECOP de Ourense.
Sandra Martínez, no CECOP de Ourense. | Iago Couto

Sandra Martínez Paz (Bande, 1982) conta como foi a súa experiencia a cargo do operativo contra os incendios da provincia. Tras numerosas noites sen durmir e situacións límite que ninguén merece vivir, afronta o alivio do lume en Ourense con calma tensa.

Pregunta. Tras 15 días de situación 2 de emerxencia na provincia de Ourense, como está a ser a desescalada?

Resposta. Tranquila. Pouco a pouco. Seguimos con moita precaución, houbo 15 días que foron moi duros. As condicións son mellores, xa non hai ningún incendio que estea activo, pero seguimos coa máxima cautela.

P. Estas semanas foron a situación máis complicada da súa carreira?

R. Si, sen dúbida. A noite antes de declarar a situación 2 para a provincia xa pensara que era a noite máis difícil que vivira a nivel profesional, pero todo foi sumando e converténdose en noites máis e máis difíciles. Afortunadamente, dentro da gravidade, todo foi saíndo ben.

P. Que foi o máis duro?

R. Ter compañeiros atrapados polo lume. Temos emisoras cun botón de emerxencia e houbo numerosas ocasións onde foi accionado. Eses minutos nos que non consegues saber se todo saíu ben son horribles. Tamén o tempo sen saber se non hai danos persoais cando o lume se aproximaba a unha poboación. De igual modo, o confinamento da estación de esquí de Manzaneda, cos 150 rapaces dentro foi moi complicado.

P. Nunha situación de emerxencia onde un compañeiro pide axuda, que podedes facer dende aquí?

R. Temos xeolocalizados a todos os efectivos. Automaticamente, chamámolos ou envíase a unha persoa á posición onde está. O protocolo existe, pero nunca tivemos que poñelo en práctica nunha situación real antes.

P. Como foi o traballo no CECOP, con membros de moitas institucións diferentes?

R. Non sei o que se percibe de portas para fóra, pero foi sinxela. Todo o mundo entendeu que estabamos nunca situación nunca vista e a implicación de todos foi máxima e leal. Aquí dentro éramos un e viviuse un compañeirismo e unha colaboración total. Os egos quedaron fóra destas portas.

P. O incendio de Larouco, con máis de 30.000 hectáreas calcinadas, é o máis destructivo dende que hai rexistros en Galicia.

R. A situación foi bastante grave. Solicitouse unha análise a un grupo de expertos a través do mecanismo europeo. Había unha previsión de que o comportamento dos lumes da provincia tivesen un comportamento convectivo. A predición era mala para a metade dos incendios da parte oriental de Ourense. Soamente se cumpriu no de Larouco. Converteuse nunha tormenta de lume disparando focos secundarios en todas as direccións a máis de 200 metros facendo imposible atacar o incendio. A única sorte é que esa situación soamente se deu aí.

P. É a primeira vez que se dá isto en Galicia?

R. É a primeira vez que se dá con esta magnitude. Xa houbera algún fenómeno similar durante o 2022 tanto no Courel como no Barco de Valdeorras.

P. A situación podería ser aínda peor entón?

R. Houbo días onde as previsións eran moi malas. Tamén esas análises fan que se marquen obxectivos. Traballouse para que evitar que ocorrese o peor. En lumes como o de Larouco non hai posibilidade de traballar no incendio forestal. O único que se pode facer neses momentos é intentar chegar ao máximo número de poboacións posibles. Foi unha emerxencia máis de protección civil que de incendios forestais.

P. O incendio de Chandrexa é o máis duradeiro da historia de Galicia.

R. O de Chandrexa foi o primeiro da vaga, xa levabamos varios días traballando nel. Deuse nun terreo moi complicado. Foi un lume que consumiu moitos recursos xa dende o primeiro momento. Para min, a duración e as hectáreas neste contexto é o menos importante dentro do importante. Agora mesmo está controlado, que se tarde máis ou menos días en extinguir non o vexo tan relevante.

P. Todos temos claro o que é un incendio activo e un incendio extinto, pero que diferenza hai entre estabilizado e controlado?

R. Nun incendio estabilizado xa traballas dentro dun plan de actuación que consideras suficiente para contelo. Non quere dicir que non medre, pero ese lume xa non vai ocasionar un salto grande. No controlado, xa non vai medrar de aí. Pode haber unha pequena reproducción interna ou algo de fume, pero xa queda así.

P. Houbo moitos concellos que se queixaron de falta de medios. O operativo estivo superado por esta situación extraordinaria?

R. Ningún operativo de España e case do mundo estaría preparado para vivir unha situación así, é practicamente imposible telo. Tiñamos unha cantidade de lumes simultáneos cunha gravidade e un potencial terribles. E iso que o dispositivo tivo posiblemente a maior despregadura da historia. Viuse reforzado con medios das demais provincias da comunidade e con efectivos de fóra. Houbo medios, pero non se puido chegar a todos os sitios. Tívose que priorizar e atender as posibilidades máis inmediatas. Entendo perfectamente aos concellos que se queixaron da falta de medios, e sobre todo aos veciños dalgunha aldea onde non se puido chegar. Intentouse con todas as nosas forzas.

P. Cando houbo que elixir, que criterio se seguiu?

R. A vida das persoas. Foi moi difícil tomar esas decisións. A parte de extinción tivo que ser abandonada. A prioridade foi a xente, despois os bens materais e, por último, o forestal e o patrimonio natural que tamén se viu afectado. Priorizouse salvar vidas antes que extinguir os incendios.

P. Sen o labor dos veciños, as consecuencias serían moito peores?

R. Claro. O labor dos veciños contribuíu moito a que os danos en moitas aldeas fosen menores. Nunha situación como esta, foi moi importante.

P. Volvamos aos incendios. Oímbra, catro feridos. Que pasou aí?

R. O de Oímbra quizais fora o máis complexo en canto ás condicións do lume. Houbo ventos cambiantes, xiros polas noites e lumes de retorno regresando a lugares xa ardidos facendo unha envolvente sobre si mesmo. E iso causou numerosos problemas para poboacións e para os equipos de extinción.

P. O último gran incendio foi o que afectou a Carballeda de Valdeorras. Queimou lugares emblemáticos, como Pena Trevinca.

R. Oxalá estivésemos noutra situación, pero nos momentos iniciais as descargas dos helicópteros tiveron que ser dirixidas a protexer localidades e persoas. O lume de Carballeda entrou dende Zamora nun lugar moi inaccesible onde soamente podían acudir medios aéreos. Cando se puido solucionar a emerxencia de protección civil, enviáronsse medios para minimizar as consecuencias. Nese momento, por desgraza non era prioridade.

P. Os lumes foron provocados?

R. A estatística dinos que o 80% dos lumes en Ourense son provocados. Sobre esta vaga de lumes, aínda se está a investigar nestes momentos, pero todo apunta a que moitos o foron pola propia forma da que na que xurdían os focos. Tamén houbo neglixencias ou prácticas que non se deben facer en tempo de temperaturas tan altas.

P. Isto rematou xa? Ou temos que estar aínda expectantes con setembro e outubro por diante?

R. Temos que estalo. Aquí houbo unhas condicións meteorolóxicas moi extremas que complicaron todo que tampouco son habituais, pero estamos en periodo de alto risco de incendios. Ourense é unha provincia onde é habitual que haxa lumes en setembro. A campaña de alto risco segue.

Contenido patrocinado

stats