EXTREMAR PRECAUCIÓN
Operación retorno: se intensifica el tráfico en el regreso de Semana Santa
CICATRICES DO LUME
Hai voces pequenas que din cousas moi grandes. As dos nenos e nenas de 6º de Primaria do CEIP Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso, en Trives, soan claras, firmes e cargadas de emoción nun videoclip que naceu da dor, pero tamén da esperanza. Tras os incendios do pasado verán en Terras de Trives, Queixa e Manzaneda, decidiron transformar a tristura nun chamamento colectivo para coidar a vida e o monte.
“Despois dos incendios do verán, os nenos e nenas de 6º de Primaria pensamos en facer un traballo que fora visible a todos, e que mellor que un videoclip. Nel mostramos a nosa tristura e preocupación polo noso futuro e da nosa terra. Todos temos a nosa parte de responsabilidade e entre todos podemos cambiar as cousas, esa é a mensaxe que queremos transmitir”, explica a directora do centro, María F. Lamelas.
Os artistas do videoclip son os propios alumnos: Unai, Camila, Blanca, Aroa, Óscar, Hugo, Uxía e Adrián, que poñen voz e imaxe a unha mensaxe directa e valente. O vídeo foi gravado no propio monte, entre paraxes que aínda amosan as cicatrices do lume. A cámara percorre a fraga e a serra, detense na terra ennegrecida e nos troncos calcinados, mentres as voces infantís poñen palabras ao que moitos adultos senten e ás veces non saben expresar. “O planeta é o noso fogar”, proclaman. “O fogo é un monstro e queima o monte”. “Coidemos a fraga e a serra”. Frases sinxelas, pero contundentes, que resumen o sentir dunha xeración que medra nun territorio marcado polo impacto dos incendios.
O pasado mes de agosto, varios lumes afectaron a distintos puntos de Trives, Queixa e Manzaneda, obrigando a mobilizar numerosos medios terrestres e aéreos. As altas temperaturas e as condicións meteorolóxicas adversas favoreceron a rápida propagación das lapas durante días, deixando unha fonda pegada na paisaxe e na veciñanza.
No videoclip hai tamén unha reivindicación clara: a necesidade de máis apoio e implicación por parte das administracións para protexer o rural e previr novos incendios. A súa letra reclama axuda e medidas eficaces para garantir un futuro sostible para o territorio.
Lonxe de caer no desánimo, a peza desprende unha mensaxe de compromiso colectivo e esperanza. Remata cun verso que resume o espírito da iniciativa: “Que a nosa voz soe coma sementes para construir un novo fogar”.
Sementes de conciencia e responsabilidade compartida. Porque cando a infancia fala do futuro, está falando do presente, da verdade e amor pola terra.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
EXTREMAR PRECAUCIÓN
Operación retorno: se intensifica el tráfico en el regreso de Semana Santa
HISTORIA EN 4 TIEMPOS
Hemeroteca | Conde Corbal: “Xente da terra e do mar”
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este Viernes Santo, 3 de abril
Lo último
VERSIONES CONTRADICTORIAS
Irán asegura haber rechazado una propuesta de EEUU para un alto el fuego de dos días