O mal estado dunha vía en Punxín dificulta o paso

ACCESIBILIDADE

Os veciños de Figueiroa levan anos pedíndolle ao Concello que a arranxen

Algunhas das fochanchas que se repiten pola calzada.
Algunhas das fochanchas que se repiten pola calzada. | La Región

Figueiroa é unha pequena aldea na parroquia de Vilela, no Concello de Punxín, onde os seus veciños se enfrontan a un problema que “levamos anos aturando e ante o que nos sentimos abandonados”.

Segundo conta Ana Belén, filla de dous veciños da aldea, levan avisando ao Concello durante anos do mal estado da vía de acceso á aldea, a estrada que conecta Barxelas coa localidade. Unha estrada de competencia municipal e que “para ir ao Carballiño ou ir a Ourense temos que atravesar tódolos días”.

A calzada atopase ateigada de fochancas: “Conforme pasa o tempo e chegan as choivas, o problema non fai máis ca empeorar. A rodaxe dos vehículos faise complicada, pois xa nin se poden sortear”, explica Ana Belén.

Este problema agrávase ao ter en consideración que os poucos veciños de Figueiroa son xente maior, que requiren o constante acceso dos vehículos de emerxencia, que encontran dificultades para atravesar a estrada. “Hai un veciño que está enfermo e vén a ambulancia bastante a por él”, remata Ana Belén.

Estes veciños comunicaron o problema en reiteradas ocasións, tanto persoalmente como a través de escritos pola sede electrónica do Concello -o último datando do 6 de xaneiro deste ano- e no rexistro, “eles son perfectamente sabedores da situación, sentímonos moi esquecidos”.

“Somos veciños que pagamos os mesmos impostos ca unha gran cidade e é incrible o grado de indiferenza absoluta que mostran ante o problema aos veciños que un día lle outorgaron a confianza para xestionar este Concello”.

Problema de vello

Lorena Peleteiro, voceira do PSdeG de Punxín, apunta que é “un problema que vén de vello e non son sin razón as queixas”, explicando que “malia que é certo que un pobo de poucos veciños, teñen o dereito de que se lles atenda igual que o resto”. “Recoñecemos que os veciños teñen a razón, levamos tempo reclamando a mellora desta carreteira”, rematou a voceira.

O tenente de alcalde, Eladio Fernández (Compromiso por Galicia), explica que “é certo que hai un tramo que esta especialmente deteriorado” e que fai uns meses foi el persoalmente a comprobalo “cun representante da Deputación que nos fixo un orzamento para esta estrada e outros puntos do Concello”, que supuña preto de 15.000 euros, e foi rexeitado ao considerar “imposible asumir os custes ao presentar a factura”, apunta Fernández.

O tenente de alcalde non dubida en afirmar que se atenderá a estrada “na primeira oportunidade que teñamos a través dos fondos de cooperación”, xa que “non temos outra posibilidade, temos un problema de liquidez no Concello”. “Recoñezo o mal estado e estou facendo todo o posible para solucionalo, pero a situación agora mesmo é esta”, insistiu.

Contenido patrocinado

stats