Alianza entre comercio, oficios e patrimonio para dinamizar as vilas

ARTESANÍA E COMERCIO LOCAL

O casco histórico de Ribadavia complementa un evento de artesanía e cultura que trascende a actividade comercial

(De izda. a dcha. y arriba a abajo) Sonia Argiz, de Mimacuir; María Aba; Blanca Quiroga y Serse Saruis, de Ceibe Madeira y  Lora González, de Boro.
(De izda. a dcha. y arriba a abajo) Sonia Argiz, de Mimacuir; María Aba; Blanca Quiroga y Serse Saruis, de Ceibe Madeira y Lora González, de Boro. | La Región

O proxecto Artesanía, Saber e Sabor, que se celebra este ano coincidindo coa posta en marcha do proxecto Vilas Vivas, consolídase máis como un evento chave, non só no tocante ó fomento da artesanía galega, senón como un motor de revitalización cultural e social do casco histórico de Ribadavia. Lonxe de ser un simple evento de venda de produtos, a proposta é quen de combinar patrimonio, creatividade e compromiso sostible, segundo destacan os propios profesionais do sector que dende onte están instalados nas rúas e espazos da vila.

Emprazamento “de luxo”

Máis alá das vendas, o evento que ata o luns converte Ribadavia no epicentro da artesanía galega, apóiase no patrimonio e na cultura. A participación de moitos artesáns que debutan este ano, como Sonia Argiz de Mimacuir, Lora González de Boro e María Aba, confirma o atractivo do evento para a promoción dos artesáns. Se ben o aspecto máis aplaudido é a singularidade do seu emprazamento. Tanto Sonia Argiz, que estará nun dos locais rehabilitados do proxecto Vilas Vivas, como María Aba e Lora González, coinciden en subliñar a importancia da organización e do marco arquitectónico que a envolve.

“A verdade é que é un luxo, sinceramente poder participar nun evento cunha organización así en todos os sentidos”, apunta María Aba. Para ela, trátase de “darlle vida aos pobos, que ao final somos os artesáns os que lles damos vida e poder facelo reforzados por Artesanía de Galicia”.

En termos semellantes pronúnciase Lora González, de Boro, sinalando que “o que máis me gusta é que se aproveita o patrimonio especial de Ribadavia, dáselle vida ao que xa hai, non se crea algo novo, senón que lle dá esa potencia dándolle vida aos espazos que existen, e iso gústame moito, paréceme un valor”.

A utilización dos locais rehabilitados e a integración no entramado urbano demostran que Artesanías Saber e Sabor e Vilas Vivas son unha estratexia de éxito para a dinamización do comercio local e a promoción cultural, convertendo a vila de Ribadavia nun referente de artesanía de calidade e sostible, especialmente nunha época comercial tan importante como a do Nadal.

O evento non se limita a ser un punto de venda; é un espazo de intercambio cultural e innovación. Blanca Quiroga e Serse Saruis, de Ceibe Madeira, que traballan en Ventosela a poucos quilómetros de Ribadavia, entenden así o seu proxecto de elaboración de instrumentos de madeira no que ofrecen produtos “que fan cultura e dan alegría”. Para el, esta fin de semana en Ribadavia conflúe o gran valor do oficio dos artesáns porque “xuntando a parte de artesanía gastronómica e de artesanía normal estase ensinando realmente todo un repertorio cultural de Galicia que hai que poñer en valor cada día máis”.

Os artesáns participantes comparten un compromiso coa calidade e a autenticidade dos seus procesos, algo que buscan os consumidores e que estes eventos axudan a visibilizar. Sonia Argiz, de Mamacuir, que traballa o coiro con curtido vexetal, destaca o seu proceso de produción integral. “Fago bolsos, complementos, pequena marroquinería... Fago todo o proceso, desde o patrón ata a cosido, acabados, todo.” Sonia, que leva tres anos e medio no sector, percibe unha tendencia positiva na que “a xente aprecia máis a artesanía” e iso, acompañado do selo de Artesanía de Galicia, “é unha garantía de calidade”.

Nesta mesma liña de valorización, María Aba detalla a minuciosidade das súas creacións. “Fago bixutería con cristais, traballo cun cristal de orixe xaponés que se chama Miyuki” que require unha elaboración minuciosa. Pola súa banda, Lora González, de Boro, incide no compromiso coa sustentabilidade na artesanía téxtil e serigráfica. No seu caso baséase na patronaxe “intentando xerar o menos residuo, que se chama agora o cero waste, intentando utilizar todos os retallos de tea”.

Con estes ingredientes, o proxecto Vilas Vivas transcende o formato dun evento comercial para configurar un modelo de revitalización cultural e social onde os oficios, o compromiso coa sustentabilidade e a innovación se mesturan co patrimonio arquitectónico de Ribadavia.

Axenda de actividades de artesanía, saber e sabor e Vilas Vivas

Mercado Artesanía Saber e Sabor

Horario: sábado, domingo e luns, de 11,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 20,00 horas.

Artesanía alimentaria

Mercado de produtos gastronómicos e cata de viños (Praza Maior)

“Cousas ricas” (rúa Yáñez)

Artesanía de galicia

Lugar: igrexa da Magdalena

Expositores: Amora, Barreiros Artesanía, Boro, Ceibe Madeira, Cerámica Unzueta, Enxógate, Leónlagata, Lia B, María Aba, Zeltia ao aire

Locais vilas vivas

Rúa Banda A Lira: Félix de Martín, Julia Vilariño, Alberto Lista e Mimacuir

Rúa Banda A Lira: Colmado de Sabores

Rúa Rodríguez Moure: Puravila

Xudería: A Tafona do Camiño

OBRADOIROS ABERTOS

Cianotipias de nadal, con Peixesapop

Horario: sábado de 11,00 a 14,00 e de 16,00 a 20,00 horas

Lugar: Rúa Rodríguez Moure, 7

Téxtiles de Nadal, con Nai Diseños

Horario: sábado, domingo e luns de 11,00 a 14,00 e de 16,00 a 20,00 horas

Lugar: igrexa da Madalena

Encadernación xaponesa, con Peixesapop

Horario: domingo día 7 de 11,00 a 14,00 e de 16,00 a 20,00 horas

Lugar: Rúa Rodríguez Moure, 7

Estampaxe téxtil, con Peixesapop

Horario: luns día 8 de 11,00 a 14,00 e de 16,00 a 20,00 horas

Lugar: Rúa Rodríguez Moure, 7

Música (pasarrúas)

Cuarteto Milagriños: sábado, día 6 ás 12,00 horas

Os Carunchos: domingo día 7 ás 13,00 horas

Brigadiers: luns día 8 ás 13,00 horas

Sorteos

Artesanía Alimentaria: sábado, domingo e luns ás 14,00 horas na Praza Maior

Artesanía de Galicia: sábado, domingo e luns ás 20,00 horas na igrexa da madalena (5-8 de decembro)

Mercado de Nadal

Horario: do sábado ó luns, de 11,00 a 21,30 horas

Lugar: Alameda

Contenido patrocinado

stats