Xavier Castro, catedrático de Historia Contemporánea da USC: “Galicia debe apostar por viños singulares"

ENTREVISTA

Un acto no Museo do Viño de Galicia reivindica o viño tostado como xoia histórica e gastronómica de Galicia.

Xavier Castro.
Xavier Castro.

O catedrático de Historia Contemporánea da USC, Xavier Castro, presenta este venres ás 19:00 horas no Museo do Viño de Galicia, en Ribadavia, as publicacións “Tostado. O viño nobre de Galicia” e “Os grandes viños galegos. Orixinalidade e historia”. O acto incluirá unha mesa redonda sobre o viño tostado e unha degustación co fin de dar a coñecer un produto que para o autor é primordial na nosa gastronomía.

Pregunta. Por que un libro dedicado ao tostado?

Respuesta.Pola súa importancia extraordinaria. É o produto mais singular e valioso que ten a gastronomía galega. É un viño moi natural, elaborado por pasificación, pendurando os mellores acios de treixadura e deshidratando a uva. A fermentación é mais longa e a maduración moi coidada. A produción é reducida pero de altísima calidade. Alcanza os 15 ou 16 graos de forma natural, e a diferenza doutros viños doces, non leva alcohol engadido.

P.Tivo tamén unha importancia histórica e social.

R.O tostado era o viño das grandes ocasións, o dos pazos. Os fidalgos presumían de facer un estupendo tostado poñendo énfase en que non empalagase, en que acadase un punto axustado de dozura. Tamén era o viño dos colleiteiros acomodados, e se gardaba para eventos importantes como vodas ou bautizos e para endozar os momentos críticos da existencia. Por exemplo, a unha persoa que estaba agonizando dábaselle unhas pingas de tostado para que levase un sabor agradable.

P.Que lle parece a recuperación que se está a dar no Ribeiro?

R.É francamente marabillosa, porque durante o franquismo quedou relegado. A partir dos anos 70 houbo algúns adegueiros conscientes da importancia do tostado que comezaron a elaboralo e o comercializan hoxe en día. O desafío é que o consumidor o coñeza e se decate da importancia de ter un viño así en Galicia, tan excelso. Na dieta atlántica, a xoia é o viño tostado, e as administracións tamén deberan ser conscientes de que temos esta marabilla e impulsar a súa promoción.

P.Pode axudar nun momento difícil no Ribeiro polo descenso da produción?

R.A calidade é a gran aposta da viticultura galega. Galicia non pode competir en viños baratos e sinxelos porque o clima e a humidade fan necesarios tratamentos que encarecen a produción. Non seremos competitivos cos produtos básicos, temos que apostar por viños de gran calidade, singulares, orixinais e elaborados. E o tostado debe ser o mascarón de proa da nave na que viaxan os viños galegos.

P.E que papel xoga a muller neste futuro do viño?

R.Tradicionalmente as mulleres foron discriminadas no consumo de viño. Era un produto de homes, eles o facían e o bebían e estaba ben visto que a muller fose abstemia. Hoxe téndese a igualdade, e está demostrado que elas teñen unha sensibilidade moi particular e unha actitude mais aberta para as innovacións de viticultura e para apreciar a excelencia, e en particular os viños doces como o tostado.

Contenido patrocinado

stats