A esperanza choca coas dúbidas nos concellos ourensáns da Ribeira Sacra

PATRIMONIO DE LA HUMANIDAD

Os alcaldes dos concellos ourensáns da Ribeira Sacra confían en conseguir a distinción de patrimonio da Humanidade o ano que vén e ven este período como un reto para mellorar, mentres que as asociacións da zona expresan o seu rexeitamento

Os alcaldes dos concellos ourensáns da Ribeira Sacra.
Os alcaldes dos concellos ourensáns da Ribeira Sacra. | La Región

A decisión do Comité do Patrimonio Mundial da Unesco de aplicar un “referral” (devolución técnica) á candidatura da Ribeira Sacra abriu unha fenda nas valoracións locais. Mentres os rexedores municipais respiran aliviados tras esquivar o rexeitamento definitivo, os colectivos sociais denuncian un abandono institucional e esixen un cambio de rumbo no referido a postularse como patrimonio mundial.

Para os alcaldes, o aprazamento asúmese como unha vitoria estratéxica. José Miguel Pérez Blecua, rexedor de San Xoán de Río, definiu a resolución como “a mellor das opcións” que estaban sobre a mesa, despois dun informe de Icomos desfavorable, catalogando o rexeitamento neste ano coma “un desvío no camiño”. Outros, como Pedro Yáñez (Manzaneda) ou Xosé Vázquez (A Teixeira), admiten que a nova foi nun principio un “xarro de auga fría” e un “golpe duro”, pero valoran que aprazar o exame permite evitar o fracaso e corrixir as deficiencias. En palabras da maioría “unha oportunidade” para presentar unha candidatura máis competitiva.

Ademais, algúns rexidores, como Manuel Seoane, de A Peroxa ou Sara Inés Vega, de Castro de Caldelas coinciden nun logro xa alcanzado durante este proceso: “A Ribeira Sacra xa se puxo no mapa mundial”, resaltó Seoane, atraendo turismo de calidade desde lugares tan afastados como Groenlandia, según confirmó la alcaldesa de Castro de Caldelas. Todos apuntan a seguir as pautas técnicas e apostar por un modelo sostible para xerar vida no rural sen converter a zona nun parque temático.

Esta visión optimista choca frontalmente coa indignación da Federación de Asociacións da Ribeira Sacra. O colectivo cualifica a xestión de “fracaso técnico e político” e insta á Xunta a convocar un referendo nos municipios afectados para comprobar se a cidadanía apoia realmente o proxecto. Desde a federación denuncian que se trata dunha candidatura “nefasta”, tecida ás costas da sociedade e que ignora o despoboamento real das parroquias. Ademáis pediron o cese de Mique Iceta despois da súa xestión: “Son escandalosas as declaracións de Iceta cuestionando aos técnicos de Icomos e da Unesco. Só por elo debería dimitir”.

A visión dos alcaldes

“A Ribeira Sacra xa se puxo no mapa mundial” — Manuel Seoane - A Peroxa

Para o alcalde da Peroxa ”non se acabou o partido e hai moitas posibilidades de gañalo”. Para o seu concello sería unha gran oportunidade para potenciar as ruinas do Castelo da Peroxa como “illa de patrimonio da humanidade”.

“Pon a semente para que o ano que vén saia para adiante” — Julio Carlos Temes - Nogueira de Ramuín

Para o Julio Carlos Temes trátase dun rexeitamento “entre comillas”, xa que non hai que empezar de cero: “A estratexia xa está montada, é simplemente solucionar esas deficiencias que había nun principio”.

“Un desvío no camiño, pero a mellor das opcións que tiñamos” — José Miguel Pérez Blecua - San Xoán de Río

Resaltou que “non sería favorable sacar un patrimonio da humanidade cun informe do Icomos en contra”, algo que consideraría “moi forzado”, polo que esta é “unha oportunidade para seguir mellorando”.

“Foi un golpe duro pero esperamos para o ano conseguilo” — Xosé Vázquez - A Teixeira

O rexidor de A Teixeira ve con esperanza a posible declaración o ano que vén: “Somos o concello con máis adegas da Ribeira Sacra con sete adegas, sería un pulo para o sector primario, que de momento non temos”.

“Poucas veces a vida concede unha terceira oportunidade” — Patricia Domínguez - A Pobra de Trives

A alcaldesa de Trives chama a reflexión ante os erros cometidos, e melloralos para levar a cabo unha “candidatura máis sólida, co maior consenso técnico, científico e social posible”, con esperanza de conseguilo no 2027.

“O de onte non é un punto e final nin moito menos” — Óscar Diéguez - Montederramo

Opta pola paciencia e o esforzo colectivo: “Continuaremos traballando todos xuntos como ata o de agora perfeccionnando e mellorando aspectos da candidatura para o ano que ven conseguilo”.

“Estamos seguros de que o ano que ven o conseguiremos” — José Antonio Blanco - Esgos

O rexidor do concello de Esgos mostrouse confiado de cara a próxima candidatura tras a estratexia seguida polos organismos públicos: “Estamos totalmente de acordo coa postura adoptada pola administración”.

“Necesitamos xente que veña a emprender e a dar vida ao rural” — Francisco Rodríguez - Chandrexa de Queixa

O alcalde de Chandrexa de Queixa saca en positivo que tras esta canditadura sábense “as cousas que hai que mellorar” e ve unha oportunidade turística e incluso de crecemento do concello coa posible declaración.

“Despois dun informe demoledor, é unha satisfacción” — Sara Inés Vega - Castro de Caldelas

Para a alcaldesa é “unha oportunidade” tras partir dunha posición “pouco esperanzadora”. Un dos principais obxectivos xa está cumprido: “Xa se fala tanto da Ribeira Sacra que o máis importante xa o temos conseguido”.

“É un período de bypass para matizar a candidatura” — Pablo Graña - Xunqueira de Espadanedo

Negouse a falar de “rexeitamento” e volorouno máis ben coma un período para estudar mellor a candidatura. Para o seu concello, “a xoia oculta da Ribeira Sacra”, é unha opción para potenciar o seu mosteiro do século XII.

“Non teño ningunha dúbida que para o ano que vén si vai” — Aquilino Domínguez - Parada de Sil

“Creo que temos que celebrar que chegamos aí, con todo o informe negativo que había por parte de Icomos e fomos capaces de darlle a volta ao tema”, subliñou o alcalde de Parada de Sil, que se mostrou confiado para 2027.

“Para asegurar a vitoria é mellor aprazar para o ano” — Pedro Yáñez - Manzaneda

Detallou o risco que suporía por en votación a candidatura da Ribeira Sacra como patrimonio da humanidade, e dado o axustado que estaría, polo que o mellor foi aplazar parra correxir os problemas técnicos.

Contenido patrocinado

stats