Castrelos de Cima, no Riós, ultima a súa 53º Gran Queimada

NOITE MEIGA

A aldea de Castrelos de Cima (O Riós) convoca á veciñanza na madrugada do xoves para a súa emblemática noite de meigas e tradición, mentres mantén firme a súa reivindicación para se converter en Festa de Interese Turístico Galego

Castrelo de Cima, a “queimada popular máis antiga de Galicia”.
Castrelo de Cima, a “queimada popular máis antiga de Galicia”. | A.C. Os Queimas

A aldea de Castrelos de Cima, no concello do Riós), atópase en plenas celebracións patronais na honra da Virxe dos Remedios. Organizadas pola asociación cultural Os Queimas, entidade que dinamiza a vida social e cultural do núcleo ao longo de todo o ano, estas festas teñen como principal sinal de identidade a súa emblemática Gran Queimada. Considerada a queimada popular máis antiga de Galicia, a veciñanza e os organizadores manteñen dende hai tempo un intenso traballo, co apoio do Concello orriolense, para acadar a súa declaración oficial como Festa de Interese Turístico de Galicia.

A programación festiva, que arrancou este luns cos ritmos da charanga Barullo, vive este martes a súa segunda xornada que se iniciará coa misa solemne e procesión ao mediodía, amenizada pola mesma agrupación musical de onte, para continuar pola tarde e a noite coa actuación do trío 3.COM.

Este mércores chegarán ao seu fin co día grande. A xornada arrancará cun pasarrúas da Banda de Gaitas do Riós, misa ao mediodía e a tradicional ruada a partir das 18,00. A verbena correrá a cargo da orquestra D’Noche, que porá a música antes do momento máis agardado de todo o calendario festivo.

Conxuro de madrugada

Ás 02,00, xa na madrugada do xoves, arrancará a LIII edición da Gran Queimada, un espectáculo único onde a invocación do lume e a lectura do conxuro se combinará cun desfile de persoeiros da mitoloxía galega, entre os que non faltarán meigas, feiticeiras e mesmo a Santa Compaña.

Contenido patrocinado

stats