Dobre obxectivo: fixar poboación no rural e mellorar a vida dos galegos
RETORNA CUALIFICA EMPREGO
"É unha iniciativa moi boa porque nos permite volver a Galicia e por outra parte tamén favorece á contorna rural ao darlle unha nova vida”
O programa Retorna Cualifica Emprego da Xunta, impulsado a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, consolidouse como unha ferramenta de dobre impacto. Por unha banda, proporciona ás galegas e galegos do exterior unha opción con garantías para o regreso á terra dos seus devanceiros e, por outra, axuda a asentar poboación e a fortalecer o ecosistema empresarial do rural galego.
A área de servizo O Viaxeiro de Riós é un bo exemplo de como esta iniciativa contribúe neste proceso para lograr unha integración que vai máis alá dun contrato de traballo.
Un desexo cumprido
Carlos Alberto Mederos partiu desde Cuba cara a Ourense en xuño, logrando así darlle forma ao seu desexo de regresar á terra dos seus avós coa mirada posta na estabilidade laboral.
O programa garante un contrato indefinido, o que proporciona a seguridade profesional necesaria para poder iniciar un proxecto de vida en Galicia, minimizando así o impacto da incerteza que conleva o cambio. Tras non poder participar na primeira edición, Carlos conseguiu postularse na actual, logrando “moito apoio, sobre todo na parte económica coa axuda que nos deron e un traballo con contrato indefinido”. Con este contrato, traballa como camareiro na área de servizo, aproveitando así a súa experiencia previa en hostalaría.
Para el, esta iniciativa é “moi boa porque resolve dous problemas. Por unha banda, dálle facilidade aos galegos que estamos no exterior para volver a Galicia e por outra parte tamén favorece á contorna rural ao darlle unha nova vida”. Á súa chegada, “vin que hai moitos pobos con moi poucas persoas vivindo e son maiores, así que por esa parte axudamos á comunidade a ter un pouco máis de vida e ao tempo ofrécesenos a nós a posibilidade de poder regresar”.
Carlos relata que, aínda que chegou inicialmente el só, unha vez asentado puido traer consigo á súa nai, o que lle proporcionou un maior arraigamento emocional. A adaptación cultural non foi un obstáculo significativo, “polos meus avós xa estaba familiarizado con palabras e moitos dos aspectos culturais de Galicia”, un vínculo que no seu caso provén de Brentraces, o lugar de orixe do seu avó, que aínda vive en Cuba.
Cubrir vacantes laborais
Desde a óptica empresarial, Isabel Estévez, xerente de O Viaxeiro de Riós, destaca a urxencia que o programa atende nun sector cunha gran demanda de emprego non cuberta pola poboación local. “Agora mesmo a demanda de emprego é moi grande e con estes traballadores podemos cubrir os postos”, explica.
Tanto é así, que a área de servizo O Viaxeiro de Riós converteuse nun exemplo do bo funcionamento do programa, con máis dunha vintena de traballadores integrados no seu cadro de persoal a través do Retorna Cualifica Emprego, a gran maioría na edición actual e procedentes de diversos países latinoamericanos, “pero todos con orixes galegas”.
Porén, o seu obxectivo vai máis alá de cubrir os postos, enfocándose tamén no asentamento de familias para tratar de paliar o despoboamento do rural. “Estamos intentando constituír familias e dar traballo a familias para asentar matrimonios, para asentar a poboación, e con fillos tamén para o colexio”, afirma a xerente do establecemento.
Desde a perspectiva empresarial, Isabel Estévez asegura que “chegan todos moi ilusionados e con ganas de traballar”. Para a empresa que xestiona a estación de servizos O Viaxeiro de Riós, “é un programa moi importante”, tanto pola súa axuda para cubrir os postos de traballo como por facilitar a chegada de persoas que “doutra maneira igual non poderían permitirse vir”.
A busca de vivenda preséntase para ambos como a traba principal coa que actualmente conta o rural galego, unha situación na que tamén contan co apoio do programa Retorna Cualifica Emprego, que lles axuda a atopar un fogar a todos os participantes.
O programa, que segundo a xerente de Riós evolucionou de forma favorable a través das súas edicións, facilitando os trámites burocráticos con maior axilidade, confírmase como unha iniciativa que non só brinda estabilidade laboral en Galicia aos descendentes de galegos, senón que inxecta vida a comunidades que doutra forma verían minguada a súa poboación.
400 familias de galegos asentadas en 60 concellos
A estratexia galega para a captación de talento, a través do programa Retorna Cualifica Emprego, está a demostrar un notable éxito na súa capacidade para equilibrar o territorio. O modelo da Xunta ten conseguido que preto de 400 galegos retornados e as súas familias se asenten en arredor de 60 concellos de toda Galicia, moitos deles no ámbito rural, cumprindo así co obxectivo de dinamizar vilas e municipios.
Este alcance xeográfico é resultado dun proceso de captación ordenado e planificado, onde se casan os perfís dos retornados -persoas cunha idade media de 35 anos, procedentes de 21 países- coas necesidades laborais do tecido produtivo local. A seguridade dun contrato indefinido é o principal atractivo para estes galegos do exterior, dos cales preto do 57% regresa en compañía da súa familia, subliñando a dimensión social e de fixación de poboación do programa.
Os postos de traballo que se cobren nos distintos concellos son amplos, abrangundo dende a hostalaría e os servizos ata a industria, a construción e o sector agrogandeiro, permitindo ás empresas de pequeno e mediano tamaño de todo o territorio atopar a man de obra cualificada que precisan. O interese empresarial é un claro indicador da eficacia territorial do plan, xa que preto de 220 empresas de máis de 90 concellos manifestaron o seu interese en participar. Deste xeito, o programa non só recupera talento, senón que o converte nun motor de desenvolvemento local.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
REGULARIZACIÓN DE MIGRANTES
¿Votan los migrantes en las elecciones? Qué dice la ley y por qué el debate ha vuelto al centro de la política
PRECARIEDAD LABORAL
Cáritas ayuda en Ourense cada vez a más personas con trabajo
Isaac Pedrouzo
¡ES UN ANUNCIO!
El patio andaluz
ACUERDO COMERCIAL HISTÓRICO
El pacto India-Unión Europea llega con el comercio de Ourense en máximos históricos