José Abad, veciño de San Cibrao, e a súa viaxe vital de ida e volta

A MAIORES

Tras deixar o fogar familiar con só 11 anos e traballar en ducias de oficios en Barcelona, José Abad, veciño de San Cibrao das Viñas, conseguiu pechar o círculo da súa vida regresando a Vilanova, a súa aldea natal

José Abad é veciño de San Cibrao das Viñas.
José Abad é veciño de San Cibrao das Viñas.

A vida de José Abad, o Roxo, constrúese de xeito circular co lugar de Vilanova en San Cibrao das Viñas como punto de inicio e final. Nesa circunferencia que articula o percorrido entre o punto común da súa aldea construíuse unha historia de emigración que ben podería erixirse como exemplo dos milleiros de vidas que atesoura a diáspora galega. “Onde máis me pagaban, marchaba”. Con esa máxima como motor, José traballou toda a vida cunha misión: voltar á súa terra

Foron os tempos nos que lle tocou nacer coas súas complicacións coxunturais as que o recibiron alí, en Vilanova, porque daquela “non había hospitais para os pobres e nacín no pueblo”. A infancia duroulle pouco. Poucas cousas eran entón como son hoxe. Con sete anos empezou na escola, “moi tarde porque non había gardería” e menos dun lustro despois entrou de cheo nas tarefas da vida adulta. Tiña José 11 anos cando marchou para outro pobo axudar a unha panadeira que quedara viúva. Unha idade na que hoxe aínda pelexan os nenos cos deberes do primeiro curso da Secundaria, pero a el non lle quedou máis remedio que madurar.

Hoxe cóntao coa mesma naturalidade coa que lle tocou vivilo, pero coa conciencia de saber que eran anos nos que “tiña que estar na escola e xa estaba noutro pobo” traballando. O cambio foi grande para el, “acostumado a vivir cos meus pais e cinco irmáns na casa, marchar para outro pueblo onde non coñecías a nadie e sendo un rapaz moi pequeño…”. Pero, apelando unha vez máis á coxuntura dos tempos, “acostumeime porque non había outra alternativa”.

Dous anos estivo coa panadeira aprendendo o oficio ata que “fun prosperando” e colleu rumbo á veciña cidade de Ourense. “Traballei nunha panadería que había nas Burgas e de alí xa marchei para Barcelona”. Como é habitual na dinámica da emigración, o seu foi tamén un efecto chamada. “A miña nai tiña unhas irmás que estaban en Barcelona, entón alí xa tiña algo. Como no pueblo non había o que quería, emigrei para alí”.

O Roxo, como lle chamaban os seus pola súa cor de pelo, “xa levaba cartilla do seguro de ter traballado aquí”, un oficio aprendido, moitas ganas de saír adiante e tan só 15 anos no carné de identidade. Con esa idade na que a adolescencia comeza a asentar, José Abad chegou a Cataluña, onde viviu “un montón de anos”. “Marchei de Ourense pelirrojo e cheguei a Barcelona negro”, conta. O culpable deste tinguido non foi outro que o carbón do tren onde pasou máis de dous días de viaxe para cruzar a Península Ibérica rumbo a un destino no que “fixen a vida, casei alí, tiven un bar…”. 

Corenta oficios

O de panadeiro que levaba aprendido de Ourense foi o seu primeiro traballo pero “tiven corenta oficios diferentes”. De carpinteiro, de mecánico, no bar…, “traballei dun montón de cousas”. No forno cocendo estivo ata que o reclamou o servizo militar. “Fun a Cartagena, Murcia”. Á súa volta agardábao unha sorpresa. “Eu xogaba ó fútbol e había un centro en Barcelona ó que ía algunhas veces, había un baile e alí coñecín á miña muller”. Disto pasaron “55 ou 60 anos, que levamos xuntos”. 

Boa parte da súa vida laboral pasouna na estrada. “Andaba cun camión facendo rutas por Cataluña e tamén facía viaxes nacionais e internacionais”. Eran outros tempos, tamén no tocante ó camión. O traballo da cabina é, para el, “esclavo” porque nin os camións, nin as carreteras “nin nada eran como agora”

Foron moitos os kilómetros que sumou no seu tacógrafo, que tampouco nada tiña que ver cos sistemas actuais. “Ir a Francia, Alemania ou Holanda era complicado. Eu tireime ás veces pois 17 horas seguidas conducindo. Non había os tacógrafos dixitais que hai agora. Era un disco que rellenabas tu, metíalo alí e facías o que querías con el”, lembra. 

“Era o que había”, asinte consciente de que a evolución dos tempos foi cambiando cousas que a el lle tocou asumir como viñeron, sen preguntar pero adaptándose sempre ás circunstancias. Daqueles tempos no camión lembra as complicacións dos idiomas. “Eu non falo nin francés nin nada, para comer e todo era complicado, había que facer xestos”. 

Polo mundo andou percorrendo estradas co seu camión, co que regresaba á súa vida en Barcelona, “pero a miña cabeza sempre estivo en Galicia, sempre tiven morriña”. Por iso, cando chegou o momento de colgar as chaves da cabina e cruzar cara a xubilación, José non o dubidou. “Volvín outra vez para aquí coa muller e un fillo. Fixen unha casa e agora vivo outra vez en Vilanova”, conta pechando esa circunferencia vital da que partiu con só 11 anos para agora pecharse no lugar que o viu nacer.

Liberado dos horarios do traballo, José Abad hoxe simplemente goza da vida. “Teño unha pequena horta para distraerme e baixo case cada día a Ourense”. Pasear coa súa muller a diario e saír de excursión son algunhas das afeccións que enchen o seu tempo e o da súa muller. Pero, sobre todo, non perde ocasión de xogar ó billar, “vou a un centro que hai na calle Concello e xogo case cada día”.

Así, de xeito circular e coa perspectiva pretérita duns anos moi traballados, dende a súa Vilanova natal, José Abad é un exemplo deses galegos que tiveron que deixar -temporalmente- a terra pero que a terra nunca os deixou a eles.

Contenido patrocinado

stats