Marta Novoa, alcaldesa de San Cibrao das Viñas: “O lume prendeu xusto diante de casas, é estraño”

BALANCE

A alcaldesa de San Cibrao, Marta Novoa, fai balance da situación dos incendios no seu concello

Marta Novoa
Marta Novoa

Pregunta. Como viviron os incendios en San Cibrao das Viñas?

Respuesta. Non somos un concello moi grande, 40 km², pero si temos moitas vivendas e empresas. O incendio do día 12 din que foi polo tren, pero os meus veciños dende o primeiro momento indícanme que alguén tiña os focos preparados, porque foi xusto diante das casas. É moi estraño. Xusto prendeu onde hai vivendas e non no resto do tramo.

P. Que opina da acción dos veciños?

R. Os veciños son os primeiros que chegan, pero os incendios apáganse con medios, que os houbo, pero sen eles ardían as casas.

P. Hai prevención?

R. O problema que sempre se ve en primeiro lugar son os políticos, pero en San Cibrao notificamos as franxas de protección e instamos aos veciños que non o fan a levalas ao día. Porque si, moitos veciños saíron a axudar, pero outros teñen a culpa disto por non limpar as súas fincas a pesar da nosa insistencia. Os incendios foron en núcleo urbano, non foron en monte. Se se acercan é porque as vivendas non están limpas.

P. E o concello non pode facer nada?

R. Para entrar a fincas a limpar hai que facer un procedemento moi custoso. Notificar, esperar, volver inspeccionar a zona, volver notificar e finalmente publicar no Boletín Oficial do Estado. Iso para cada limpeza. Imaxínate o traballo que pode levar intentar facer todas as necesarias.

P. Entón quen son os culpables?

R. Os culpables son os que prenden, pero claro, eu entendo que en incendios como o de Chandrexa de Queixa pode entrar a teoría do rural abandonado. Pero iso non pode aplicar a un concello como San Cibrao, ten que estar todo limpo, non nos pode custar facer desbroces.

P. Estivo ameazado o polígono de Barreiros?

R. Sí, ardeu nas bocas do túnel, nas obras do AVE, e iso está enriba de todas as naves. Antes de comezar a vaga de incendios, xa ardera un pequeno foco en Barreiros, alá por xullo. Apagouse bastante rápido. Dinme que foi a liña de alta tensión, pero é raro. A realidade é que aquí temos alguén que está intentando por todos os medios que arda a zona. Ademais, pedinlle a ADIF axuda para poder facer contralumes coa maquinaria e negáronmo. Os meus veciños levan ano e medio sufrindo esas obras, debería facerse un pouco de contraprestación.

P. Como o está a vivir isto como alcaldesa?

R. Levo unha semana entre incendios, os focos reavívanse. Sinceramente, eu nunca pensei que pasaría isto.

Contenido patrocinado

stats