Río inviste 60.000 euros no seu sector vitivinícola

INNOVACIÓN E FORMACIÓN

O concello de Río, en colaboración con Vinopres e Finnova, aposta pola modernización a través do proxecto “Wine & Spirit Taster Academy”, cun orzamento de 60.000 euros e unha duración de dous anos.

Casa Consistorial de San Xoán de Río.
Casa Consistorial de San Xoán de Río.

O Concello afirma que da un paso máis no seu compromiso coa innovación e a formación no sector vitivinícola. En colaboración coa entidade belga Vinopres e coa Fundación Finnova, o Concello opta a financiamento europeo para poñer en marcha o proxecto “Wine & Spirit Taster Academy”, unha iniciativa pioneira que busca mellorar a cualificación de profesionais e persoas interesadas no mundo do viño e das bebidas espirituosas.

Este programa formativo centrarase na análise sensorial, a sustentabilidade, o emprendemento e a dixitalización, con especial énfase no uso de ferramentas innovadoras como a intelixencia artificial para a avaliación de viños e licores. O obxectivo que se busca, según explican, é capacitar aos participantes en métodos de cata avanzados, boas prácticas de produción responsable e novas oportunidades de negocio no sector.

Se o proxecto recibe luz verde, contará cun orzamento de 60.000 euros e desenvolverase ao longo de 24 meses, entre setembro de 2025 e agosto de 2027, grazas ao programa Erasmus+. Durante ese período, os participantes terán acceso a talleres, mentorías e formación específica, que ao finalizar permitirá obter certificacións acreditativas dos coñecementos adquiridos. A nivel organizativo, Vinopres será a entidade coordinadora, a Fundación Finnova prestará apoio na xestión e desenvolvemento da iniciativa e o Concello de Río centrará o seu labor na conexión local.

Contenido patrocinado

stats