MESES TRABAJANDO
Sandiás limpia caminos para prevenir incendios
ARTESANÍA DE GALICIA
O murmurio do río e a paciencia da pesca atoparon a súa máxima expresión nas mans dun mozo ourensán. Alejandro Portela Fernández (1994), un mozo de 32 anos natural de Sandiás, transformou a súa paixón de neno nun oficio minucioso que o converteu no primeiro artesán de canas de pescar recoñecido por Artesanía de Galicia.
A súa historia coa auga vén de lonxe, herdada dunha forte tradición familiar. “O meu avó xa era pescador, o meu pai xa era pescador, e a min leváronme á pesca dende que nacín”, lembra Alejandro. Pasou de iniciar as súas xornadas nas canles da Lagoa de Antela a introducirse na competición pescando a lance logo e na pesca a mosca. A súa curiosidade pola construción espertou grazas ao seu compañeiro David Da Costa, quen montaba os seus propios equipos e lle prestou o seu primeiro torno para comezar a practicar. Mentres traballa nunha oficina como responsable de compras no sector da automoción, mercou materiais e atreveuse a dar o paso definitivo. “A primeira monteina no traballo ao mediodía, en vez de vir comer á casa”, confesa con humor sobre os seus inicios.
Ese interese pola montaxe derivou nun estudo profundo da técnica. Para Alejandro, o proceso de crear unha cana require exactitude. Todo comeza co “blank” ou tubo de carbono, ao que se lle debe extraer a espina. “Se sacas mal a espina, vas facer que a cana traballe mal”, advirte o artesán. A partir de aí, calcula a distribución das anelas cunha aplicación dixital, pega o mango e ata cada anela á man, rematando cunha capa de resina epoxi que seca nun forno especial a temperatura controlada. A calidade defínea o material escollido. Unha cana excelente utiliza carbono superior, como o IM12, máis lixeiro pero moi esixente, e unha cortiza portuguesa de alta gama para o mango, marcando unha fenda abismal cos compoñentes das opcións baratas.
O salto á profesionalización chegou impulsado por unha premisa moi clara. “Levoume a motivación de poder pescar, de poder quitar troitas cunha cana construída por min”, sinala. Hoxe rexenta un negocio onde todas as pezas se fan exclusivamente baixo pedido. O cliente escabicha os detalles dun catálogo que oscila entre os 210 e os 640 euros, mentres Alejandro inviste entre dúas e tres semanas en entregar cada encarga. A nivel persoal, as súas creacións favoritas son as “lixeiras, sensibles, cunha reserva de potencia boa e cuns acabados que guste mirar”. Este enorme rigor e dedicación artesanal levou a Alejandro a ser nomeado para a V Gala Nacional de los premios de Pesca Río de la Vida, que se celebrará o 19 de setembro en Arroyo de la Encomienda (Valladolid), consolidando o seu prestixio moito máis alá das nosas fronteiras.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
MESES TRABAJANDO
Sandiás limpia caminos para prevenir incendios
PELIGROSA INCORPORACIÓN
Dos heridos en un accidente de tráfico tras una colisión frontal en la N-525 en Sandiás
PROGRAMA ROSALÍA
Sandiás ofrece un espazo de diálogo entre mulleres
Lo último