5 abr 2026

Antonio Cortés e a pesca como paixón

Dende ben pequeniño, cando acompañaba ó seu pai ás beiras do Miño, a pesca converteuse nunha parte esencial da vida de Antonio Cortés. O que comezou como unha actividade compartida en familia e cos amigos do pobo acabou transformándose nunha afección que, décadas despois, segue viva. Delegado da Federación Galega de Pesca en Ourense, é testemuño directo da situación actual dos ríos ourensáns, das especies invasoras, da evolución dos materiais e, sobre todo, do valor da pesca como espazo de calma, amizade e contacto coa natureza. Como pescador de longa traxectoria, reivindica a necesidade de coidar mellor as augas e preservar os ecosistemas fluviais para garantir o futuro dunha tradición moi arraigada na provincia e que, malia os cambios, continúa atraendo ás novas xeracións.