O BNG levará ao Parlamento o barco afundido na Lagoa

Contaminación

Explican que a propietaria Está “vencellada ao Banco Santander” e non se lle impuxo ningunha obriga legal

Bernardo Varela, Sonia Vidal, Agustín Martínez, María Mangana na contorna da lagoa co barco afundido de fondo
Bernardo Varela, Sonia Vidal, Agustín Martínez, María Mangana na contorna da lagoa co barco afundido de fondo

Os cargos institucionais do Bloque Nacionalista Galego, Agustín Martínez, portavoz do BNG de Sarreaus; Sonia Vidal, deputada do BNG; María Mangana, deputada provincial, e Bernardo Varela, portavoz do grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense, achegaronse ao concello de Sarreaus para denunciar a “situación de grave deterioro ambiental por contaminación”, segundo explican, “pola presenza dun barco afundido parcialmente que contén máis de 5.000 litros de gasoil, e que leva filtrando contaminantes desde hai dúas décadas” e que afirman que “non se tomaron medidas efectivas para poñer fin ao vertido”.

Os nacionalistas aclaran que o concelleiro do BNG en Sarreaus xa levou esta problemática a pleno, onde o goberno local “recoñeceu o problema pero non tomou ningunha medida”, indican. “Isto foi levado ao pleno do Concello de Sarreaus. Alí díxose que si, que é necesario sacalo, pero ninguén é responsable disto”, declarou Agustín Martínez Folgoso, voceiro nacionalista no concello de Sarreaus, quen denuncia o “abandono absoluto” por parte do Concello e da Xunta de Galiza ante esta problemática.

Dende o BNG explican que “a actual propietaria é a empresa Aliseda, vencellada ao Banco Santander, e sobre a que non se impuxo ningunha obriga legal para retirar os restos nin deter o vertido”. “Ninguén puxo ningún tipo de obriga á debandita empresa. E, polo tanto, teremos que levalo a outras instancias para ver se desta forma se resolve o problema”, sinalaba o voceiro do BNG de Sarreaus.

Diante desta situación, a deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Sonia Vidal, anunciou que levará esta problemática ao Parlamento de Galiza. “Estamos ante un claro exemplo de abandono da Xunta e da Consellería de Medio Ambiente coa Limia. Hai un plan estratéxico metido nun caixón, e este é só un exemplo máis das consecuencias de non actuar”, denunciou a parlamentaria nacionalista.

Bernardo Varela, voceiro do grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense, lembra que o barco abandonado é resultado dunha explotación fallida que rematou no ano 2009, e que desde aquela permanece na lagoa sen control, sendo “un foco constante de contaminación”.

Este medio intentou contactar co alcalde do Concello de Sarreaus sen éxito.

Contenido patrocinado

stats