Agosto
Rematamos agosto, octavo do ano e o mes en que Augusto, o primeiro emperador romano, derrotou Cleopatra e Marco Antonio. É o tempo do regreso ao fogar, do retorno ás orixes; un tempo de xuntanza e alegría; un tempo en que, por un intre pequeno, ao mirarnos no espello da casa dos avós, volvemos ser nós.
Así é. E por iso, dende o Xurés ata a Lastra e dende o Faro de Avión ata o Penedo dos Tres Reinos, atronan os ceos co estoupido dos foguetes baixo a atenta e vixilante mirada da autoridade competente. Son os fastos que anuncian que estamos nos días máis grandes do ano: os pasarrúas, a procesión da santiña, as misas de celebración, a sesión vermú, as polbeiras e a poeira do campo da festa baixo a copa frondosa da carballeira; e logo o banquete, os gaiteiros, a bica e o licor café, risos e gargalladas, e, finalmente e para rematar, a verbena, os petardos dos rapaces, o cheiro dos churros e a orquestra máis grande e famosa que nunca se vira por estes lugares. E así, como unha onda que percorre incansable a provincia dunha extrema a outra, resoa a música, estoura a pólvora e acenden as luces multicolores enchendo a nosa vida de ledicia e felicidade. Porque en agosto todo son festas. Hai festas para todos os gustos: festas patronais, festas lúdicas, procesións de santos e santiñas en andas e carriños; romarías nos altos dos montes, e festas de San Roque que é con diferencia o máis celebrado por aquilo das temibles epidemias. E hai tamén este mes festas gastronómicas para todos os padais: da empanada, do polbo, do chourizo, dos callos, da anguía, do viño e a vendima, da carne ao espeto, do porco celta, das sopas de burro canso e do pemento. E tamén a Ramallosa, a Festa do Emigrante, a da Istoria, a do Cabalo e a do Esquecemento. E festas e mais festas porque o caso é ter festa, festa rachada e continuada, co único e lexítimo fin de esquecer o dura e difícil que é a nosa existencia sobre este planeta.
E tamén, claro, veñen nesta época os veraneantes; para comer e beber ben, para contemplar o espléndido patrimonio cultural ourensán e as espectaculares paisaxes que espallan entre os nosos ríos e montañas; e agora, cada vez máis, para durmir, para descansar no refuxio climático en que nos estamos a converter grazas á nosa privilexiada situación aos 42º de latitude norte e a inminencia do mar océano. E, aínda que é certo que tivemos que padecer algúns días difíciles (esta vez foron ben poucos, apenas catro este mes: o 8, 21, 22 e 23), ninguén pode negar que mentres a meirande parte de España cocía nos gozabamos dun verán realmente delicioso.
Pero, se hai algo que en verdade marcou dende sempre este mes, é a presenza dos emigrantes. Ah!... lembramos agora en que os día acurtan (ás oito en agosto sombra no rostro) as longas e interminables ringleiras de coches dos anos 70 con matrículas de Francia, Suíza e Alemaña marchando ininterrompidamente baixo un sol de xustiza pola Nacional 525 en dirección a Castela. Tanta xente que os responsables das estradas víronse na necesidade de habilitar áreas de servizo para dar descanso momentáneo as numerosas familias que daquela abandonaban Galicia e tamén Portugal.
Claro que este era, e segue sendo, o tempo idóneo para volver ao berce nutricio, para cumprir coa Terra Nai, o referente que nos agarima e reconforta porque aquí están os horizontes gravados a fogo na nosa memoria no mesmo intre de abrirmos os ollos ao mundo. E porque, con estes recordos, aliviamos o espírito, acougamos o corpo e acugulamos as forzas necesarias para seguir remando nesta vida onde apenas existen relanzos. Durante moitos meses, mentres eles non volvan, quedaremos nós, os de mantemento; para coidar de que nada se estrague, para que os políticos e os diferentes gobernos cumpran co seu deber e nos devolvan os cuartos que lles damos a xeito de impostos en forma de servizos; aínda que ben se sabe que cada vez somos menos, e tamén máis vellos, para cumprir debidamente con esa encomenda.
Como non imos volver á Terra, a “O Terrón” que cantou Curros, o vate azote de caciques e cregos aproveitados. Como non volver a esta terra mimosa que nos acariña e nos concede, xenerosa, as forzas necesarias para enfrontar os retos dun incerto futuro lonxe das nosas fronteiras.
E Curros contaba, cantaba... Catro cousas me ensinou meu pai, que Dios teña en groria, e pois véñenme á memoria, eiquí pra remate as dou: O millor viño, o da adega; A millor carne, a da alcatria; A millor terra, a da patria; A millor patria..., a galega!
Contenido patrocinado
También te puede interesar
EVOLUCIÓN TECNOLÓGICA
La IA deja atrás la pasividad y empieza a tomar decisiones
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: sábado, 30 de mayo
INVESTIGACIONES ABIERTAS
RTVE, ante el momento más crítico de su historia reciente
Lo último
PARALIZADO EL TRÁFICO AÉREO
Cierra el aeropuerto de Múnich, el segundo más grande de Alemania, tras el avistamiento de drones