O alcalde de Lisboa, João de Novoa

crónicas de agora e sempre

Ligado á estirpe do castelo de Maceda e perdido na historia entre as variacións do seu nome e apelido, loitou contra os irmandiños, fuxiu para Portugal, fíxose alcalde de Lisboa e sucedeu a Vasco de Gama na exploración das verdadeiras Indias

Actual Cámara Municipal de Lisboa co “pelourinho” e ilustración de João de Novoa, do libro de Santiago Prol.
Actual Cámara Municipal de Lisboa co “pelourinho” e ilustración de João de Novoa, do libro de Santiago Prol.

A traxedia evidenciada hai uns días na cidade de Lisboa virou de novo a miña ollada sentida cara o sur e provocoume turrar doutro fío que une as costuras históricas que nos ligan a galegos e portugueses e que nos converte nun mesmo pobo por máis que as fronteiras administrativas -hoxe máis diluídas- sexan as máis antigas de Europa.

Neste caso fágoo da man de João de Novoa, un personaxe que aínda que ten sido estudado con profundidade e divulgado en libros e xornais, para nada está popularizado como meritoriamente debera.

Á hora de abordar esta “nanobiografía”, aínda consciente de que hai outros autores actuais que afondaron na súa complexa e interesante traxectoria e que, perdidos no tempo, hai investigadores clásicos dos que estes beberon, case son quen de afirmar que o feito de que hoxe poidamos saber algo sobre este ourensán tan singular débeselle dende hai un cuarto de século ó profesor macedao, Santiago Prol, quen, no ano 2002 publicou o libro “João de Nova. Un mariñeiro galego ao servizo da Coroa de Portugal”.

Non refuso outras achegas que poidan gozar de máis actualidade editorial, pero o certo é que só con afondar no traballo de Prol, quen así o faga non só será quen de embarcar na carabela da súa vida, senón tamén na fascinante crónica do Portugal das descubertas e da carreira á par que ambas potencias mantiveron por se faceren co control do mundo coñecido e do que daquela aínda quedaba por coñecer, que era moito.

Tomemos, pois, como partitura a letra impresa de Santiago Prol e comecemos por dicir que tan senlleiro personaxe debeu ver a luz primeira, senón nalgunha sombría habitación do castelo de Maceda, si nalgún outro casal ou pazo que os Novoa Vilamarín tiñan distribuídos pola diocese ourensá, alá pola década de 1450/60 e loxicamente no marco dunha familia nobre e ben asentada entre a elite daquela Galicia eminentemente rural que esmorecía oprimida entre o poder feudal e clerical e onde se estaba a cocer a lume lento unha eclosión popular que quedou rexistrada para a historia de Galicia como a “revolta Irmandiña” e que obrigou ás distintas clases sociais a posicionárense en función dos intereses que cada quen se vise na obriga de defender.

El decidiu facelo do lado do poder central representado en Galicia polo arcebispo Fonseca, co amparo da omnímoda Isabel de Castela e contra as hostes humildes e labregas encabezadas polo axitador Pedro Madruga e os líderes populares, Diego de Lemos, Alonso de Lanzós e Pedro Osorio, que ocuparon -como foi o caso do castelo de Maceda- ou destruíron centos de fortalezas espalladas por todo o territorio galego e que lle aconsellaron fuxir para Portugal como fixeron tantas familias feudais asediadas polas camadas populares e finalmente traizoadas pola monarca cando ordenou a “doma e castración do reino de Galicia”.

Outros volveron, pero João -daquela, probablemente Xoán-, alá por 1480 tomou definitivamente camiño dunha Lisboa que, da man do rei João II, “estaba transformándose nun inmenso mercado internacional de produtos europeos e africanos e que de contado serían asiáticos e americanos”, que a convertían nunha das cidades máis emerxentes de Europa.

João, que ten acceso a parte da nobreza lusitana ben establecida nos arrabaldes da cohorte, sobre todo a un tal Tristão da Cunha que acabou exercendo, xa co novo rei Manuel I, de virrei da India, aproveitando o seu carácter diplomático e aventureiro enrólase na mariña e participa nas primeiras viaxes de exploración das costas africanas ó sur das illas Canarias, cousa que o sitúa como “cabaleiro da Casa do Rei” e posteriormente como alcalde de Lisboa, o que lle permite xestionar o castelo de São Jorge e quedar rexistrado en “Historia da India” como “este nobre cabaleiro do bispado de Ourense, despois de ter servido aos reis de Portugal e de África, foi dos primeiros navegantes que pasou o estreito polo vieiro descuberto recentemente polo ilustre Vasco da Gama”, pero isto verémolo de seguido...

As illas de Ascensión e Santa Elena, ademais doutra con nome propio a carón de Madagascar

A illa de João de Novoa está situada entre Madagascar e Mozambique.
A illa de João de Novoa está situada entre Madagascar e Mozambique.

Estamos en pleno proceso das descubertas. Colón chega a América en 1492. En 1494 Portugal e España asinan o Tratado de Tordesillas. En 1497 Vasco da Gama cruza o Cabo das Tormentas e arriba na India auténtica coa primeira expedición. En 1500 Pedro Álvares Cabral toca terras de Brasil. Todo isto contémplao Novoa dende a atalaia do cumio de São Jorge, polo que decide implicarse tamén en tan ambiciosos como engaiolantes proxectos e, tralo regreso de Vasco da Gama consegue que o rei Manuel lle encargue a terceira expedición (a primeira das tres súas) e que o levará a cruzar o temible Cabo das Tormentas no remate continental de África.

O rei executa o encargo en marzo de 1501 mandando “armar catro velas, a capitanía maior das cales deu a João de Novoa, alcaide da cidade de Lisboa, galego de nación e de nobre liñaxe, por ser home que entendía ben os negocios do mar, onde sempre andou en honrados cargos”.

Abordo da nao “Flor de la Mar” e outras tres carabelas, con catrocentos mariñeiros na expedición, nesta primeira viaxe, João de Novoa descubre as illas de Ascensión e Santa Elena -onde co tempo acabaría sendo recluído Napoleón-, visita Madagascar e chega ás costas da India, concretamente ás baías de Cochín, Calecut e Cananor, onde libraron unha crúa batalla denantes de poderen acceder á poboación.

Cando partiron o rei foi despedir a expedición o lugar de Belem e alí, pouco despois, construíron o mosteiro dos Jerónimos.

Logo, na viaxe de regreso descubriría unha illa no Índico á que lle puxeron de nome “A Galega”.

A segunda viaxe realizouna en 1505 acompañado polo virrei da India Francisco de Almeida á fronte de 16 naos, 6 carabelas e 1.500 homes. Nesta viaxe navegan entre Madagascar e Mozambique e por mor do mal tempo deciden atracar nunha illa que acabou recibindo o nome de “João de Novoa” e hoxe pertence á colonia francesa de Reunión.

Son rescatados pola escuadra de Alfonso de Alburquerque, que ó mesmo tempo que era o seu inimigo, tamén se converteu no seu salvador e finalmente no seu enterrador. Aberta unha loita fratricida polo virreinato entre Almeida e Alburquerque, Novoa decantase polo primeiro e ten unha cruenta pelexa con Alburquerque.

É detido e en 1509 falece, só e desamparado, en Cochín.

Contenido patrocinado

stats