Os apaleados de Celeiros e outras nupcias

CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

O acto do casamento, como boa noticia social e persoal que é para quen o protagoniza, sempre estivo rodeado de troula, balbordo e algarada. Sen embargo, por veces tórcense as tornas do previsto e a festa acaba en liorta, cando non nun drama

Día de voda na aldea dos Quintairos de Amoroce (Celanova), cos convidados levando os regalos á casa da noiva.
Día de voda na aldea dos Quintairos de Amoroce (Celanova), cos convidados levando os regalos á casa da noiva. | La Región

A pasada semana o topónimo da provincia ourensá foi citado ata a saciedade en tódolos medios escritos, vistos e oídos do panorama nacional por mor dunha voda -ou un remedo de cerimonia, que non quedou moi claro- nunha casa rural do municipio de Gomesende, cousa que me fixo ollar cara atrás para esculcar se nesa cadenciosa e repetitiva noria sen fin que constitúe a intrahistoria dos pobos se deron casos máis ou menos semellantes e, obviamente, claro que aconteceron. Algúns certamente rimbombantes.

Para comezar é preciso contextualizar que estas celebracións responden a criterios de organización, costumes e tradicións, así como ao momento histórico no que teñan lugar.

Poñamos por caso como, a comezos do século XIX, o Goberno tivo que promover unha circular “prohibiendo celebrar con tiros las funciones de boda y demás”, como polo visto era costume daquela, provocando situacións de perigo, cando non algunha traxedia.

Un exemplo do indicado recolleuno o boletín oficial da provincia en outubro de 1838, facéndose eco dunha notificación do comandante da milicia de Boborás dándolle conta á autoridade provincial de que dous días antes “se oyeron en el punto de Cimadevilla de Cabanelas muchos tiros de fusil” que puxeron en alarma a todo o contorno, crendo que o distrito era invadido por hordas rebeldes.

Perante o balbordo, o comandante enviou “cincuenta nacionales”, ata que comprobaron que os disparos se facían en celebración dunha voda.

A celebración saldouse cunha multa de mil ras ao alcalde e outro tanto á institución municipal.

Por fortuna, neste caso ninguén saíu malferido.

Pero as armas de fogo non constituían os únicos elementos que influían no estado físico e mental do colectivo participante nestas cerimonias, elementos que aínda hoxe seguen estando presentes, agora acompañados en moitos casos doutras substancias, e que, de cando en vez, continúan mantendo estas celebracións na corda frouxa.

Tal é o caso do alcohol, que en maio de 1884 lle custou o cargo ao alcalde “de un pequeño municipio del centro”, que participou no banquete de voda da filla “de un rico labrador”, no que o viño foi tan abondoso “que al levantarse de la mesa casi todos los convidados estaban en situación lastimosa”.

E, evidentemente, entre eles, o alcalde tamén, pois non tivo reparos en cumprir os desexos dunha parella asistente que lle pediu que os casara alí mesmo, cousa á que accedeu, colocando aos contraíntes fóra da legalidade do momento porque eles entenderon que quedaran oficialmente comprometidos e fixeron vida marital contra a opinión dos seus familiares.

O resultado foi que o alcalde non só foi destituído, senón que se viu sometido a un xuízo por falta grave contra as funcións delimitadas á autoridade municipal.

Agora ben, o auténtico perigo chegaba cando o alcohol e as armas confluían coa música e a desinhibición individual. Así aconteceu nunha voda celebrada en novembro de 1904 en Reza, “a la cual asistieron varios mozos que también participaron en la celebración posterior de una animada romería”.

Conta o xornal El Miño que, “efecto del exceso de bebida, los mozos de las Caldas promovieron una reyerta”, saíndo a relucir toda clase de armas e facendo algúns disparos, resultando ferido no peito un veciño de Reza.

Menos cruento e máis senlleiro foi o acontecido anos máis tarde na aldea de Celeiros, en Chandrexa de Queixa. Este caso tivo lugar na véspera da voda, cando os amigos do noivo foron reclamarlle unha ola de viño -como seica era costume- ao futuro contraínte.

Ao ver que non cumpría coa tradición, organizáronlle unha estrondosa cinzarrada, pero “cuando estos se hallaban más comprometidos en sus improvisaciones musicales, se vieron obsequiados con una lluvia de palos”, que viñeron interromper finalmente a sinfonía e causaron a detención do noivo, do futuro cuñado e doutro mozo que os axudou no proceso de poñerlle fin ao concerto.

Unha voda xitana e un romance que conta unha vinganza

Danza da noiva nunha voda xitana en Barcelona, en 1963 (Museo Reina Sofía).
Danza da noiva nunha voda xitana en Barcelona, en 1963 (Museo Reina Sofía). | La Región

Sabido é que na prensa decimonónica e do século XX era habitual informar sobre as cerimonias matrimoniais das xentes coñecidas ou das dos anónimos, cando algunha singularidade as desprazaba ás crónicas de sucesos e non ás de sociedade.

Como botón de mostra sérvenos unha recollida en El Miño o 11 de xuño de 1910, na que, baixo o título de “Entre gitanos”, o xornal liberal aborda o episodio protagonizado por un mozo desa etnia chamado Manuel Jiménez Montoya, que estaba namorado de Juana Arenas, filla do “famoso gitano conocido por Andresillo”, que establecera o seu rancho preto dos xardíns do Posío.

Seica, unha noite que o patriarca non estaba na cidade, Montoya conseguiu embeleñar á moza e fuxiu con ela. Sen embargo, pola mañá seguinte a moza vulnerable retractouse e volveu para Ourense “desconsolada y arrepentida de la acción que cometiera”.

O pai perdooulle, pero xurou vinganza para el por pretender “furtarlle” ao seu ser máis prezado. Primeiro denunciou os feitos e os axentes da autoridade lograron deter o amante en Celanova, onde foi encarcerado.

Enterados os amigos do clan, dirixíronse en número de 22 onda o ofendido patriarca e imploraron clemencia para Montoya baixo a promesa de que repararía a falta.

Finalmente, Andresillo decidiu ser magnánimo co mozo, pero baixo a condición de que habería voda para garantir a honra de Juana. Unha voda que o tocador de flamenco disque celebraría no teatro para que a xente soubese como eran as vodas dos xitanos.

Non consta que o escenario fose o Teatro Principal, pero polo menos o episodio tivo un final feliz.

Non coma o recollido nun romance de cego cantado polas feiras da provincia, reproducido por El Heraldo Gallego en marzo de 1878 e que dicía así:

“En Orense ha sucedido/ un hecho muy singular/ por cuestión de dos queridos,/ que se iban a casar./ Parece que la muchacha/ calabazas quiso dar/ a su amante que con calma/ se marcha sin replicar;/ pero al domingo siguiente/ en que ha tenido lugar/ la boda de la muchacha/ con otro a quien quiso más,/ aquel de las calabazas/ a los novios fue a buscar/ y al volver del templo, estos,/ con comitiva y demás,/ disparó sobre los mismos/ unos diez tiros o más,/ causando varios heridos/ de bastante gravedad”

Contenido patrocinado

stats