O cabo Rapela, un fusil e un pasodobre
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
A recente e silente reunión que mantivo esta pasada semana o presidente do Goberno co primeiro ministro marroquí, fíxome lembrar que na caixa de ourensáns que atesouro gardaba a memoria deste humilde labrador de Gustei que no ano 1925 foi mobilizado para ir defender as prazas españolas en Marrocos, formando parte do Batallón de Cazadores de Mérida Nº 3, e que foi quen de repoñerse a media ducia de disparos, chegando a ser condecorado coa Cruz Laureada de San Fernando, aínda que seis anos despois.
Aínda que o grao de coñecemento que poida ter a sociedade ourensá sobre el, non vaia moito máis alá das lindes da parroquia de Gustei ou, sendo moi xenerosos coa memoria colectiva, non transcenda dos límites municipais de Coles, o seu nome está rexistrado nos anais do Exército Español e recollido na colección de biografías da Real Academia da Historia. E non por levar a cabo grandes conquistas territoriais, senón por algo máis básico pero moito máis enriquecedor no tocante ós valores humanos fronte a situacións límite.
Segundo o historiador José Luís Isabel Sánchez, Manuel Rapela Rodríguez era un labrego nacido na Noiteboa de 1901, que vivía da economía de subsistencia xunto cos pais, Pilar e Gumersindo, e catro irmáns, na aldea de Sobral, camiño de Santiago. En 1922, foi incorporado a filas no Batallón de Montaña Nº 5 de Ourense, onde colleu querencia pola carreira militar.
As necesidades da defensa dos territorios que aínda lle quedaban ó Estado Español en Marrocos mobilizaron ó Batallón de Cazadores de Mérida, no cal exercía xa como cabo, sendo destinado a Estigua, preto da praza de Larache.
O día 14 de marzo de 1925, durante un exercicio de descuberta de posicións inimigas, Rapela liderou cinco soldados polos montes desérticos e foi sorprendido por unha emboscada. O soldado Santiago Fernández foi ferido na clavícula, e Rapela recibiu un balazo no peito, afectando o pulmón esquerdo.
Aínda así, defendeu a súa posición fronte a un grupo de sete ou oito atacantes, sufrindo múltiples feridas no brazo dereito, ventre, brazo esquerdo (fractura de cóbado) e man dereita, sen que iso lle impedise seguir disparando e protexer ao seu compañeiro. Grazas á súa actuación, ambos foron rescatados polos refuerzos.
Ao ser trasladados ó cuartel, o soldado lamentouse por perder o fusil, mais Rapela tranquilizouno, dicíndolle que tamén salvou o fusil.
A súa fazaña correu pola correa de mando do exército e, a través dos xornais, chegou a Ourense e Sobral, onde a comunidade sentiu orgullo polo veciño. Organizouse unha homenaxe ó seu regreso, poñéndolle nome a un tramo da estrada, colocando placa na fachada e solicitando a Cruz Laureada de San Fernando para Manuel Rapela, que porén se faría de rogar.
Seis anos de espera para recibir a Laureada nun acto amenizado pola gaiteira Áurea Rodríguez
Nada máis acontecer o suceso, o destemido cabo de Sobral foi ascendido a sargento e, con tanto buraco no corpo (no hospital contabilizáronlle doce orificios de entrada e saída) tivo unha lenta recuperación que non o devolveu a Ourense ata o 6 de agosto.
Como era de agardar, tanto na cidade como na aldea de Sobral, foi recibido con grande balbordo e unha comisión organizou unha homenaxe que quedou impresa na memoria de Ourense durante moitos anos.
A celebración tivo lugar o 20 de setembro diante da casa familiar. Houbo misa de campaña, puxéronlle nome a un tramo da estrada de Sobral e colocaron unha placa na fachada da casa, deixando constancia do heroico episodio bélico en Larache. Na aldea mesturouse a elite política, militar e social coas xentes humildes, e aparte de regalarlle un luxoso anel de ouro, o director da banda de música de Vilanova dos Infantes compuxo na súa honra un pasodobre titulado “Cabo Rapela”, que estreou a banda de Gustei. Para animar a velada, foi convidada a prestixiosa gaiteira Áurea Rodríguez, que mantiña o grupo “Os Maravillas” cos seus catro irmáns.
Materializouse a solicitude da Cruz Laureada de San Fernando, tramitada polos responsables militares de Ourense, pero o expediente prolongouse e o decreto militar non foi publicado no Diario Oficial do Ministerio da Guerra ata o 28 de outubro de 1927.
O acto de entrega tivo lugar catro anos despois, o 17 de maio de 1931. Rapela logrou os méritos na ditadura de Primo de Rivera, tivo audiencia co rei Alfonso XIII en 1927 e, ao recibir o emblema, o país celebraba a República, co himno “De Riego” en lugar da Marcha de Granaderos.
As cruces, dúas en total, foron sufragadas por subscrición popular e, xunto co anel, expuxéronas no escaparate de “El Barato”.
Chegada a Guerra Civil, Rapela colaborou coa Falanxe e ingresou no Corpo de Inválidos, chegando a capitán. Isto durou ata 1945, cando o seu furado e solteiro corpo non deu para máis.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
RECORD DESCARGAS ELÉCTRICAS
Este domingo cayeron en España más de 83.000 rayos
movilidad laboral
La sanidad privada redefine el mapa de la movilidad internacional