César Iglesias S. A. e a Bolsa dominicana

CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

En Seixalbo saben ben del e estanlle moi agradecidos porque a sede actual da agrupación Agromadas foi o casal no que César Iglesias Freire naceu e de onde marchou á guerra de Cuba para acabar facendo fortuna na República Dominicana

Equipo directivo de “César Iglesias” o día que saíu á Bolsa, á esquerda o fundador á dereita Miguel Feris Iglesias.
Equipo directivo de “César Iglesias” o día que saíu á Bolsa, á esquerda o fundador á dereita Miguel Feris Iglesias. | La Región

Hai poucas semanas dediqueille este espazo a unha empresa que mantén o nome de “Orense” en Santo Domingo. De contado, Manuel Herminio Iglesias fíxome saber doutra que levaba o nome de César Iglesias, orixinario -como non- de Seixalbo. Loxicamente puxen o seu nome á espera e o momento chegou xa porque en tempos de treboadas bursátiles os ourensáns temos dereito a saber tamén que a sociedade fundada por este ourensán foi o primeira daquel país en saltar á Bolsa da República Dominicana.

Non é posible conseguir información de César Iglesias Freire nos xornais da época porque dende que se alistou no exército, arredor de 1892, non se sabe ben se por querer abandonar a casa paterna ou para loitar pola conservación da colonia cubana, por unha razón moi simple, é dicir, igual que lles aconteceu a tantos e tantos emigrantes galegos polo mundo, non retornou á terra e no seu caso non polas razóns tradicionais asentadas no fracaso económico de cada quen, senón por outras razóns que permaneceron gardadas na memoria familiar.

Sen embargo, a carencia de información documentada nas hemerotecas substituíuna neste caso -por indicación de Manuel Herminio- o seu tamén veciño de Seixalbo, Emilio González Iglesias, quen foi residente durante seis anos (1982-1988) na República Dominicana e non só iso, senón que chegou a traballar na empresa promovida por César durante ese tempo na súa condición de descendente doutra rama da familia e ser coñecedor, polo tanto, do seu percorrido xenealóxico polas pólas da intrahistoria.

Unha microhistoria, esta, que, como xa apuntamos, a efectos prácticos nace entre os anos 1892 e 1893, cando o mozo César -segundo de cinco irmáns e tres irmás dun casal acomodado e con propiedades na parroquia seixalbesa-, en profundo desacordo pola decisión paterna de exercer o maiorazgo (ou sexa, que quedase o irmán maior á fronte do capital e que o resto traballasen para el ou procurasen vida extramuros), optou pola segunda posibilidade e xa vestido de uniforme marchou loitar á manigua cubana onde xa había conatos revolucionarios que darían pé ó inicio da guerra terminal de Martí, Gómez e Maceo contra a metrópole.

Guantánamo foi o lugar a onde levou a ventura e no exército resistiu ata pouco despois do gran desastre do 98 cando a colonia pasou a ser xestionada polos americanos.

Entón, deu cabo co primeiro golpe de fortuna, que foi coñecer a un cubano que lle ensinou o oficio da elaboración do xabón e da confección de velas, nos que viu unha oportunidade de negocio, pero non na gran illa, senón na veciña onde a vida era máis tranquila como foi a República Dominicana.

Alí, na emerxente cidade marítima de San Pedro de Macorís, tivo o segundo golpe de fortuna ó coincidir co tamén emigrante, pero neste caso da zamorana e fronteiriza Fermoselle, que fixera o mesmo percorrido ca el a través de Cuba e que xa estaba asentado na localidade dominicana.

César Iglesias e José Armenteros -que así se chamaba o zamorano- deberon compartir negocios da madeira, que o levou ó primeiro a casar cunha filla deste, Teresa, coa que tivo un fillo e dúas fillas.

José Armenteros fixo fortuna coa importación e a exportación, mentres que César decidiu industrializar os oficios de veleiro e xaboneiro, conseguindo asentarse economica e socialmente na cidade, incorporando ós seus dous xenros, Norberto Armenteros e Ricardo Feris de orixe libanés, dando lugar á saga Feris Iglesias que se mantén á fronte da compañía.

César Iglesias faleceu en 1946, pero o seu proxecto inicial de velas e xabón, logo evolucionado cara a venda de todo tipo produtos de consumo doméstico, quedaba en boas mans, non xa nas dos seus xenros, senón na dun dos netos por parte da filla maior, Josefina, chamado Miguel Feris Iglesias -un personaxe moi querido en Macorís- e que foi o gran modernizador e transformador dunha emerxente firma a unha sociedade bursátil.

Disque César Iglesias só volveu unha vez por Seixalbo, sen embargo si que mandou recado

Coa emerxencia da figura de Miguel Feris Iglesias xorde unha nova etapa, así como unha nova historia persoal, probablemente de tanto interese coma a do fundador da compañía.

Fillo, como queda dito, de Ricardo Feris e Josefina Iglesias, ós que se lle sumaron outros irmáns coma o médico Jesús Feris, que acadou cargos gubernamentais na Sanidade do país, ou o arquitecto César Iván, que chegou a ser embaixador da República Dominicana no Vaticano, Miguel coñeceu a dureza do cárcere na etapa do ditador Rafael Trujillo, que levou á familia a exiliarse en Nova York ata o asasinato e desaparición do réxime de terror instaurado por aquel.

Primeira fábrica de xabón e placa que lembra a doazón da casa de Seixalbo.
Primeira fábrica de xabón e placa que lembra a doazón da casa de Seixalbo. | La Región

Avogado en exercicio, a partir dese momento Miguel centrouse na xestión da empresa e a medida que esta ía crecendo e os seus produtos de consumo entrando nos domicilios de tódolos dominicanos, decidiu que o conglomerado empresarial mantería para sempre o nome de “Cesar Iglesias” co fin de que nunca fose esquecido o fundador. Miguel faleceu en 2015, pero a evolución empresarial da compañía xa non tiña volta atrás e no ano 2023 apostaron por dar o salto como sociedade anónima á Bolsa dominicana, converténdose na primeira sociedade daquel país en realizar unha operación pública de accións no mercado bursátil, manténdose á fronte da mesma a cuarta xeración da familia, que no caso do seu director xeral conserva tamén o nome e apelido de seu pai Miguel.

Cales foron as razóns polas que César Iglesias non quixo retornar a Ourense, son causas que loxicamente manteñen os descendentes na memoria. Atrás quedan as diferenzas que disque tivo co primoxénito, que despois de ter estado no seminario reclamou o dereito de maiorazgo, tamén chamado vigairo, para facerse coa propiedade do capital dos pais.

Emilio Gonzalez di que regresou só unha vez, pero igual que veu así volveu para San Pedro de Macorís onde está soterrado, deixando abandonadas as propiedades que lle tocaron en herdanza, das cales, dúas fincas e unha casa no medio da localidade foron donadas polos herdeiros de César ó pobo de Seixalbo no ano 2010, con motivo do centenario da fundación da empresa “César Iglesias”, edificio no que hoxe, perfectamente restaurado, ten asento para gozo e desfrute de todos a sede da Asociación Agromadas.

Contenido patrocinado

stats