E se Cervantes fose ourensán de nación?

CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Non se trata de dubidar do lugar de nacemento do escritor (para iso xa teñen abondo Alcalá de Henares e Alcázar de San Juan, sen esquecer Puebla de Sanabria), pero si de teorizar coa posibilidade de que polas súas veas correse sangue ourensá

Tumbas nas que posiblemente descansasen os Alfonsos, patriarcas da familia dos Cervantes (Academia de Belas Artes).
Tumbas nas que posiblemente descansasen os Alfonsos, patriarcas da familia dos Cervantes (Academia de Belas Artes).

A recente presentación da película “El cautivo” por parte do premio “Ourense mundo enteiro” Alejandro Amenábar, sobre unha etapa da vida de Miguel de Cervantes e a asistencia ó cine do presidente do goberno Pedro Sánchez -o que lle concedeu unha maior proxección pública-, fíxome rescatar da caixa da memoria un vello artigo de Celso Emilio no que apuntaba a posibilidade de que a torgueira primixenia dos Cervantes tivese orixe no convento de Celanova e ó que nunca lle concedín moita lei, ata que acabei afondando nel.

Tal e como acabo de sinalar, a primeira vez que un documento me amosou enlazados os nomes de Cervantes e Celanova, hai xa moitos anos, foi cando lle din lectura a un artigo escrito por Celso Emilio Ferreiro, titulado “Los años mil de Celanova” e que o poeta elaborou con motivo da celebración do milenario de Rosendo Guterres (San Rosendo) no mes de marzo de 1977.

Ademais de redactar un resumo apurado desa longuísima historia que conserva a miña vila, xa cara ó final do texto, Celso Emilio Ferreiro escribe: “Ser Pertigueiro Mayor de Celanova constituía uno de los cargos apetecibles de la Galicia medieval, y lo desempeñaron, entre otros claros varones, el Infante don Fadrique, los condes de Monterrey y los señores de Novoa y Manzaneda. Ser enterrado en la Abadía era ya de por sí un título de ilustre prosapia. A este respecto dice Mena, refiriéndose a la estirpe de los Cervantes, que eran gallegos de nación, venían de las rodillas de los reyes godos y tenían por gala ser enterrados en Sahagún y Celanova”.

Dada a condición de desbordante fabulador que o precedía, non lle din moito crédito á referencia, que fose máis alá da mera anécdota. Sen embargo, co tempo e outras lecturas, pouco a pouco funme decatando de que igual que no resto do artigo, a aseveración do escritor estaba tan ben asentada que son moitas as referencias bibliográficas que reforzan esta información.

A primeira delas cítaa o propio poeta cando alude a “Mena”, que non é, senón, Juan de Mena, un cordobés que foi cronista real de Juan II de Castela no século XV -anterior, polo tanto, ó nacemento de Cervantes- e que realizou un tratado de xenealoxía sobre algunhas liñaxes antigas de Castela, entre a que se atopaba a dos Cervantes.

Mena foi, entón, o primeiro, pero logo viñeron outros historiadores posteriores que xa se centraron na biografía do ilustre autor do Quixote e que na práctica totalidade aluden á fonte do cronista andaluz cando se refiren ás orixes primixenias do escritor universal e que, en síntese, veñen a ser as que o historiador rioxano Martín Fernández de Navarrete (1765/1844) reflicte no seu traballo “Vida de Miguel Hernández”.

Segundo este prestixioso investigador (a biografía pode ser consultada na web do Instituto Cervantes) todo comeza nun tal Tello Muriélliz que seica procede dos “Muñoz e Alfonsos, ricos hombres de naturaleza gallega, derivados de los antiguos reyes godos y emparentados o enlazados con los reyes de León, y que yacen sepultados en Sahagún y Celanova”.

A cadea paterno-filial do tal Tello Muriélliz foi enlazando nomes e apelidos ó longo das sucesivas xeracións ata chegar a un “célebre Nuño Alfonso, caballero muy hazañoso que después de mil aventuras murió peleando contra los moros” e que, ademais de ter rexistrado o nacemento en Celanova exerceu de alcaide de Toledo e casou por dúas veces, a segunda con Teresa Barroso, “también de ilustre familia, y gallega también seguramente, y de quien tuvo varios hijos, siendo el tercer varón Alfonso Munio Cervatos”, que escolleu ese apelido por un lugar da familia. Este Alfonso tivo dous fillos. Un mantivo o apelido Cervatos, pero o outro, para diferenciarse do irmán, adoptou o xentilicio Cervantes.

Pois ben, esta liña sucesoria, xa co Cervantes inalterable, acabou chegando ata Juan de Cervantes que, “según nuestras conjeturas -di Fernández de Navarrete- es el abuelo de Miguel de Cervantes y corregidor de Osuna”.

Cervatos de Cantabria, entre o Cervantes de Lugo e o Cervantes de Puebla de Sanabria

As irreverencias son constantes nos modillóns románicos de Cervatos.
As irreverencias son constantes nos modillóns románicos de Cervatos.

Non pretende esta crónica afondar na cuestión de natureza do pai literario do Quixote, aínda que quedaría un tanto eivada se se remataramos ás portas da casa do avó e non deixaramos escritos os nomes do pai, Rodrigo e da nai, Leonor Cortinas de Saavedra.

Respecto da mudanza de apelidos no devalo da cadea sucesoria, asumen os historiadores que nesa época era común que cadaquén escollese para a súa descendencia o apelido que máis lle apetecese de entre todos os que portiña a liñaxe, de aí a razón de ser da variante xentilicia entre fillos dun mesmo matrimonio.

Esta circunstancia explica que a partir do alcaide de Toledo, Nuño Alfonso, un dos fillos elixise Cervatos e o outro -por onde devalou a torgueira do escritor- se quedase co de Cervantes.

Nesas e noutras moitas disquisicións aséntanse as reivindicacións doutras localidades fronte á comunmente aceptada de Alcalá de Henares, sobre a orixe da súa liñaxe, tal como é o caso do concello de Cervantes, na montaña luguesa, onde botan man “dun manuscrito de Florián de Ocampo custodiado na biblioteca do Conde de Lemos”, que alude a que membros da familia de Cervantes desprazáronse no ano 1577 dende Galicia a Sevilla, Extremadura e México.

Se en Cervantes non dubidan da validez deste e doutros documentos citados tamén polo Padre Sarmiento, nos montes de Sanabria van un paso máis alá e asentan o seu dereito a reclamar a veciñanza do escritor, aludindo do mesmo xeito á toponimia -pola existencia dun lugar denominado Cervantes-, así como ás palabras escritas polo autor na novela “El cautivo” onde di: “En un lugar de las montañas de León tuvo principio mi linaje, con quien fue más agradecida y liberal la naturaleza que la fortuna, aunque en la estrechez de aquellos pueblos todavía alcanzaba mi padre fama de rico”.

En base a isto, os sanabreses non só teñen deseñado un roteiro cervantino, senón que contan cun monumento sedente de Cervantes do mesmo autor cós do Quixote e Sancho perante a casa na que viviu en Alcalá de Henares.

Outra cousa é o lugar de Cervatos (Palencia), ligado probablemente á outra rama e que, alén de calquera outra consideración, tráioo á colación porque conta cunha igrexa que resulta de obrigado coñecemento para quen sexa amante do románico.

Contenido patrocinado

stats